Portugal aposta pola saída sur ferroviaria de Vigo, que facilitaría trens directos da Coruña a Lisboa

Interior da estación de tren de Vigo, na que as vías non teñen saída cara ao sur Dominio Público Praza Pública

“O Senhor Secretário de Estado - Dr. Guilherme Oliveira Martins manifestou o seu apoio à realização da Ligação Vigo-Porto via nova entrada a sul da Galiza, para potenciar a ligação à Corunha”. Esa é a resposta que vén de obter do Goberno portugués o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal despois de que o Ministerio de Fomento español condicionase o seu impulso á futura saída sur ferroviaria de Vigo a que Portugal amosase interese por ela.

Fomento puxo o requisito do apoio luso á obra para impulsala, como reclaman as cidades da eurorrexión

O AVE atlántico galego pensouse inicialmente entre Ferrol e a fronteira portuguesa, pero máis ao norte da Coruña e máis ao sur de Vigo nunca pasou dos estudos previos. Para que o tren de altas prestacións continúe entre Vigo e Portugal de xeito directo, sen que os convois teñan que dar un rodeo por Redondela, cunha complexa configuración de vías e electrificacións, é preciso construír un túnel baixo a cidade e outro baixo os montes do Meixoeiro que permitan levar as vías ata O Porriño. Esa actuación é a coñecida como saída sur, que o Ministerio de Fomento aparcou hai anos.

A actuación evitaría tamén o paso de trens polo centro do Porriño, onde hai un ano e medio morreron catro persoas

Nos últimos meses o Eixo Atlántico de cidades vén realizando unha intensa campaña de sensibilización das diversas administracións sobre as potencialidades que tería esa saída sur, que cuantifica en algo máis de 400 millóns de euros. Unha actuación que permitiría que os trens puidesen circular de xeito directo entre A Coruña e Lisboa ao pasar sucesivamente por todas as cidades intermedias e acumular así potenciais pasaxeiros. Ese novo trazado tamén facilitaría que o tren deixase de pasar polo centro do Porriño, onde hai ano e medio un accidente provocou a morte de catro persoas.

Ademais de amosar o seu interese polo proxecto, condición que puña Fomento, o Goberno portugués tamén informa dos pasos que lle corresponde dar a el mesmo. Así, reitera as súas previsións de que antes de maio terá xa adxudicada a reforma da súa vía férrea entre Viana do Castelo e Valença.

Contorna do accidente do Porriño CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.