Adif adxudica por 83 millóns o remate da estación de Vigo-Urzáiz seis anos despois de tirar a anterior

Entrada provisional á nova estación de Vigo-Urzaiz cuxas obras de remate aínda se adxudican agora CC-BY-SA Praza Pública

En agosto de 2011 o daquela ministro de Fomento, o socialista José Blanco, inauguraba en Vigo a denominada estación provisional de Guixar, xunto ao porto, que permitiría que Vigo mantivese servizos ferroviarios mentres se desenvolvía a complexa obra de chegada do AVE do Eixo Atlántico á tradicional estación de Urzaiz, que tiña que ser derrubada e soterrada. Case seis anos despois, cunha crise orzamentaria e urbanística e unha anulación xudicial do Plan de Urbanismo polo medio, este mércores Adif, a empresa pública xestora da rede ferroviaria, adxudicou por 83 millóns de euros o remate das obras da nova estación central de Vigo-Urzaiz, que incluirá un centro comercial e que non estará rematada ata finais de 2021, dez anos despois do derrubo da anterior.

Concello, Xunta e Fomento aínda negocian o deseño dos accesos e da estación de bus anexa, e segue sen haber plan para a estación provisional de Guixar nin para a vella vía xa sen uso en superficie

A chegada do AVE a Vigo polo norte da cidade, desde Redondela, sempre se planificou soterrada baixo o monte da Madroa. Porén, co proxecto xa en marcha decidiuse que o túnel rebaixase a súa cota e se alongase de 6 a 8 quilómetros para evitar que, unha vez superado o monte, o tren seguise a agrandar a ferida urbana que xa supuña para o barrio de Teis, que partía pola metade. Un soterramento que tamén facilitaría unha futura saída sur por baixo do centro da cidade cara Portugal, rematando coa consideración de Vigo como estación término, un proxecto hipotético para o que non hai ningunha data prevista. O soterramento obrigou a derrubar a vella estación de Urzaiz para rebaixar a cota das súas vías, un proceso para o que foi necesario construír no porto, en Guixar, unha terminal provisional de 17 millóns de euros á que se derivaron todos os trens.

Adif decidiu dividir a obra da estación central de Urzaiz en dúas fases. Por unha banda, a do soterramento das vías e, por outra, a do edificio en superficie da estación, que deseñou o arquitecto Thom Mayne e se planificou como unha intermodal con aproveitamentos urbanísticos e centro comercial incorporado que axudasen a financiar a operación. A obra baixo terra rematou custando 120 millóns de euros, aos que hai que engadir outros 180 millóns do custo do túnel desde Redondela, e púxose en servizo en abril de 2015, xusto antes das eleccións municipais. Pero só para os trens do Eixo Atlántico, non para os de longa distancia, que seguen a operar desde Guixar. En superficie, a situación actual de Urzaiz é a dun acceso provisional aos apeadeiros soterrados ao lado da gran lousa de formigón que cubre as vías.

A obra baixo terra rematou custando 120 millóns e a de superficie ve agora rebaixado o seu tamaño e o seu custo de 152 a 83 millóns

O remate dese espazo en superficie co deseño de Thom Mayne foise adiando e reducindo o seu tamaño primeiro pola crise urbanística, que obrigou a renunciar a financiar parte da operación con ese tipo de aproveitamentos. Logo chegou a crise orzamentaria e a suposta imposibilidade de Adif de atopar empresas interesadas en facer o complexo e, máis tarde, pola anulación do Plan de Urbanismo da cidade. Agora, cunha lei extraordinaria xa aprobada pola Xunta para poder validar proxectos así á marxe dos plans de urbanismo municipais, Adif vén de adxudicar o remate do complexo a Inmochan, a filial inmobiliaria do grupo Auchan en España e única empresa que se amosou interesada no concurso que agora remata. A nova estación ocupará unha superficie duns 35.000 metros cadrados coincidentes co espazo que ocupan as vías soterradas, pero o seu volume viuse reducido a respecto do proxecto orixinal de Thom Mayne, ao igual que o seu custo, que pasou de 152 a 69 millóns máis IVE, isto é, 83 millóns de euros. O prazo de execución é de 30 meses, pero logo de que a empresa teña antes outros 24 meses á súa disposición para obter os permisos necesarios, polo que a obra non estará rematada ata finais de 2021.

A adxudicación agora do remate da estación de tren seis anos despois de derrubarse a anterior e para que estea rematada unha década despois non supón a fin do proceso de remodelación do transporte ferroviario en Vigo. Concello, Xunta e Adif seguen a negociar o deseño tanto da estación de autobús que se construirá xunto ao complexo e que facilitará a intermodalidade como dos accesos viarios entre o centro da cidade, a nova estación e a AP-9. A pasada semana as tres administracións amosaron a súa disposición a colaborar para executar a proposta do Concello que prevé eliminar un vello paso elevado de acceso á AP-9 e substituílo por un túnel. Pero a decisión final está adiada á espera de que os técnicos valoren a súa viabilidade e importe. Igualmente, Adif aínda ten que decidir que fai coa estación supostamente provisional de Guixar, igual que aínda ten que dar un destino aos terreos xa sen uso da vella vía en superficie que seguen a dividir o barrio de Teis.

Outras intermodais

Santiago, A Coruña e Ourense afrontan remodelacións máis modestas das estacións de tren xa existentes, ás que se anexarán estacións de autobús, pero Lugo segue sendo obviada por Xunta e Adif

Xunto coa de Vigo, Fomento, Xunta e os respectivos concellos tamén teñen en marcha os proxectos para remodelar as estacións de tren xa existentes de Santiago, A Coruña e Ourense por importes moito máis modestos e construír ao carón de cada unha delas unhas novas estacións de autobús que garantan a intermodalidade. Porén, unha demanda similar do Concello e a Deputación de Lugo, reiterada novamente este mesmo mércores, vén sendo obviada por Xunta e Adif.

Vella estación de Urzaiz derrubada en 2011 Dominio Público Adif

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.