Técnicos de España e Portugal supervisarán cada tres meses os avances na liña ferroviaria Vigo-Porto

Reunión en Madrid do ministro de Infraestruturas de Portugal, Pedro Marques, co seu homólogo español, Íñigo de la Serna Dominio Público @idlserna

Técnicos do Ministerio de Fomento de España e do Ministerio do Planeamento e das Infraestruturas de Portugal manterán reunións de traballo cunha periodicidade inferior aos tres meses para supervisar as obras de mellora da liña ferroviaria Vigo-Porto en ambos os lados da fronteira. Así o acordaron este luns os titulares dos dous ministerios, Íñigo de la Serna e Pedro Marques, nunha reunión mantida en Madrid.

O ministro luso salienta a importancia da “moito esperada” electrificación, que sitúa en 2019

Unha vez adiado indefinidamente o proxecto dunha liña de AVE entre Vigo e Porto, os gobernos dos dous estados decidiron realizar melloras na liña convencional, fundamentalmente a través da súa electrificación, para tentar que os tempos de viaxe dos trens de pasaxeiros se aproximen aos da estrada e incrementar os tráficos de mercadorías. Un proxecto que na beira portuguesa do Miño non acabou de arrancar ata a chegada ao goberno do socialista António Costa, mentres que na beira galega aínda non principiou pola moita menor distancia na que hai que actuar, pouco máis de cinco quilómetros entre Guillarei e a ponte internacional. Porén, á marxe da electrificación da liña xa existente, o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal aposta por continuar co proxecto de construír unha saída sur subterránea da cidade de Vigo que axilice as comunicacións con Portugal, evite o paso de trens polo centro do Porriño e permita unha conexión directa Lisboa-A Coruña.

Á marxe das reunións técnicas, o impulso político deberá agardar á Cimeira Ibérica prevista para maio, dous anos despois da anterior

Este luns o ministro luso de Infraestruturas ratificou a aposta inmediata de Portugal pola mellora da liña convencional. Marques, segundo recollen varios medios portugueses, salientou a importancia da electrificación xa en marcha cualificándoa como “hai moito esperada”. Para coordinar os traballos en Portugal e en España, nesa e noutras conexións ferroviarias, é para o que os ministros acordaron a celebración de reunións técnicas con periodicidade “inferior aos tres meses”.

Xunto con esas reunións de carácter técnico, e á vista da nula publicidade que o Ministerio de Fomento lle deu á reunión deste luns, o impulso político bilateral deberá agardar á próxima Cimeira Ibérica entre o presidente Mariano Rajoy e o primeiro ministro António Costa, prevista para o mes de maio. Será dous anos despois da anterior, celebrada en Baiona en 2015 aínda co anterior goberno conservador portugués, na que a única medida concreta acordada en materia de infraestruturas foi o adiamento da electrificación entre Vigo e Porto ata o 2019 previsto actualmente.

Íñigo de la Serna e Pedro Marques na reunión deste luns en Madrid Dominio Público @idlserna

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.