"Se resolvemos mal a intermodal, Ourense sufrirá as consecuencias durante cen anos"

Alberto de Paula explica o tráfico de autobuses ao redor do Centro de saúde da Ponte © COAG

O pasado 16 de xuño fíxose público o proxecto da futura estación intermodal de Ourense. O deseño foi recibido con críticas por parte dunha parte importante da sociedade ourensá, e de forma moi destacada, por parte do Colexio de Arquitectos de Galicia, que presentou alegacións. O COAG sinala que o proxecto presentado non ofrece unha solución axeitada para avanzar cara a unha mobilidade sustentable na cidade e para mellora a permeabilidade e a conexión interna entre os barrios próximos -A Ponte e o Vinteún-, obxectivos previstos no convenio asinado en xuño de 2016 entre Ministerio de Fomento, Xunta, Concello e Adif. A entidade colexial critica, ademais, que se realizasen tres proxectos separados -para a estación de ferrocarril e conexións de permeabilidade transversal, para a estación de autobuses e para aparcamento para turismos- e pide unha proposta global, que non xurda da anexión de tres proxectos diferentes.

"Esta é unha oportunidade única para resolver determinados problemas existentes na cidade. Pero a solución proposta pode chegar a xerar máis problemas dos que solventa"

Alberto de Paula, presidente da delegación ourensá do COAG, subliña que "esta é unha oportunidade única para resolver determinados problemas existentes na cidade. Pero a solución proposta pode chegar a xerar máis problemas dos que solventa". "Como resolvamos mal esta actuación, os ourensáns sufriremos as consecuencias durante cen anos", alerta.

"Hai que facer cidade. A cidade ímola facendo entre todos ao longo do tempo, todas as súas capas e estratos son o resultado das achegas de varias xeracións. E neste momento temos que ser suficientemente responsables. Os arquitectos estamos desexando que se invistan eses 150 millóns de euros que din que custa a intervención, pero deben investirse con racionalidade e eficacia, e dunha forma que lle achegue valor á cidade, coherencia e que lle dea harmonía a este espazo", di. "Unha solución axeitada non ten por que custar máis. Temos que investir adecuadamente o diñeiro. Temos que conseguir que o tren chegue a Ourense, que non se entenda Ourense só como unha zona de paso", destaca. "Ourense, como porta de entrada do ferrocarril a Galicia, merece unha solución axeitada, tendo en conta ademais a débeda histórica que o ferrocarril ten coa cidade pola fracturación dos barrios", conclúe.

De Paula aclara que a intervención do COAG neste proceso se debe ao "compromiso" que a entidade ten coa sociedade galega, "polo tanto debe pronunciarse sobre todo aquelas cuestións que nos ámbitos da arquitectura, o urbanismo e o espazo público pode ter repercusión no noso territorio". "Faino sempre dende a independencia política e a obxectividade, tendendo a man a todas as administracións e dende un espírito construtivo e positivo, co ánimo de mellorar entre todos", subliña.

Tras reunirse co COAG, o estudo de arquitectura de Foster and Partners vén de comprometerse a buscar solucións para integrar no proxecto as alegacións presentadas

O máximo responsable dos arquitectos ourensáns amósase optimista e destaca que este mesmo luns mantivo unha xuntanza co equipo do estudo de arquitectura de Foster and Partners, que se comprometeu a buscar solucións para integrar no proxecto as alegacións presentadas. "Unha vez que souberon que o COAG fixera alegacións ao seu proxecto, deseguida entenderon que había que falar cos arquitectos de Galicia. Foi unha xuntanza moi proveitosa, pois entenderon perfectamente as alegacións que fixemos e dixéronnos que van tentar recollelas no proxecto. É o comezo dun camiño", sinala

 

Obxectivo: Mobilidade e conexión entre barrios

Alberto de Paula pon o foco, principalmente, neses dous asuntos presentes nas alegacións: a mobilidade e a conexión entre barrios, hoxe separados precisamente polas vías do tren. En canto á mobilidade, "o proxecto non dá unha resposta axeitada, porque entre outras cuestións -como recoñece o propio estudo de viabilidade- prevese un movemento de 261 autobuses diarios, 3.2 por minuto, nunha estación situada detrás do centro de saúde da Ponte. Ademais, proponse no mesmo espazo un aparcamento público con capacidade para 250 vehículos máis outros 50 destinados a alugueiro e zonas para paradas de taxis, autobuses urbanos e o kiss and ride (aparcadoiro rápido para deixar ou recoller viaxeiros). Introdúcense novos fluxos de entrada e saída da estación, provocando unha case segura saturación do tráfico nese lugar", explica.

Prevese un movemento de 261 autobuses diarios, 3.2 por minuto, nunha estación situada detrás do centro de saúde da Ponte

“A estación de autobuses séguese a situar por detrás do centro de saúde da Ponte, cunha entrada e saída de autobuses situadas nos extremos, configurando este espazo sanitario como unha auténtica glorieta de tráfico. Todos os movementos dos autobuses e do resto de vehículos realízanse a través da xa saturada rúa Eulogio Gómez Franqueira, sen viais alternativos que canalicen ese substancial incremento de tránsito a maiores”, engade.

"Para unir os dous barrios, proponse unha praza elevada oito metros sobre as vías do tren, soportada sobre un muro dunha altura equivalente a un edificio de dous andares e 400 metros de lonxitude, todo ao longo da Avenida de Marín"

Ademais, destaca De Paula, “resulta evidente que con esta proposta non se consegue a conexión urbana entre os barrios da Ponte e o Vinteún, os espazos que a propia estrutura urbana fragmentou no seu día, sobre todo a partir dos anos 50 cando o ferrocarril entrou nesta parte da cidade”. "Para unir os dous barrios, proponse unha praza elevada oito metros sobre as vías do tren, soportada sobre un muro dunha altura equivalente a un edificio de baixo e dous andares e 400 metros de lonxitude, todo ao longo da Avenida de Marín. A diferenza de nivel sálvase cun ascensor ou escaleiras, co que non se consegue esa permeabilidade entre os barrios", explica. "Trátase dunha proposta case abusiva e invasora do espazo máis saturado do ámbito. É algo incomprensible, tendo en conta que Adif dispón de decenas de miles de metros ocupados por praias de vías e antigas construcións sobre as que non se intervén en absoluto e que darían a chave para solucionar a maior parte dos problemas que se observan na opción que está exposta ao público”, comenta o COAG

 

Plataforma 'Por unha estación digna'

Non só o Colexio de Arquitectos expresou as súas dúbidas e críticas ante o proxecto. Nas últimas semanas entidades sociais e cidadáns e cidadás a título individual conformaron a plataforma 'Tren digno. Por unha estación digna en Ourense', que celebrou o pasado xoves a súa primeira asemblea, coa asistencia de 300 persoas, un encontro no que arquitectos e enxeñeiros avaliaron tecnicamente o proxecto e que finalizou cunhas conclusións moi semellantes ás expresadas polo COAG nas súas alegacións. A plataforma esíxelle ás institucións que “entendan que esta infraestrutura ten que resolver problemas” e achegar “valor, coherencia e harmonía” á cidade de Ourense, lembrando que “sobrados exemplos temos na historia da nosa cidade de obras e infraestruturas mal planificadas ou mal executadas que o paso do tempo deixou obsoletas”.

“Sobrados exemplos temos na historia da nosa cidade de obras e infraestruturas mal planificadas ou mal executadas que o paso do tempo deixou obsoletas”

“Temos unha oportunidade histórica de aproveitar a chegada do AVE a Ourense para afrontar un proxecto urbano racional e a escala humana. Podemos suturar dous barrios separados por décadas e crear un punto de encontro entre os diferentes medios de transporte. Podemos facer moitas cousas se somos quen de acadar un proxecto de integración digno”, sinalou a plataforma nun manifesto que se pechaba chamando á mobilización da cidade: “É pois o momento de que as ourensás e ourensáns se poñan en pé. Por riba de ideoloxías e cores políticas. Queremos un tren digno, unha estación digna. Nin máis nin menos que o que nos corresponde”.

 

Alberto de Paula © Arquitectos de Ourense
Imaxe da asemblea celebrada a pasada semana en Ourense © COAG
Estación de Tren de Ourense © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.