A proximidade das eleccións xerais do 28 de abril cos inminentes comicios municipais e europeos do 26 de maio provocou que este segundo proceso electoral pasase nas últimas semanas máis ben desapercibido a efectos políticos e mediáticos. Pero tamén no que atinxe ao voto por correo, cuxo prazo de solicitude abriu tras a convocatoria das eleccións do 26M, o 2 de abril, en plena carreira cara ás urnas das xerais.
Unha vez pasada a cita electoral do 28A e ás portas da campaña do 26M o certo é que os prazos do voto para participar por correo na elección das novas corporacións municipais e mais do novo Parlamento Europeo están máis axustados. O primeiro e máis inmediato, o de solicitude, finaliza o 16 de maio.
Recursos como os formulados polo PP e C's contra a candidatura de Puigdemont están a atrasar o envío da documentación para votar por correo
Dende o día 6 está teoricamente aberto o prazo para que a Oficina do Censo Electoral (OCE) remita as papeletas e o resto da documentación ao electorado que xa solicitou o voto por correo. No entanto, recursos como os formulados polo PP e Ciudadanos contra a participación de Carles Puigdemont como candidato á Eurocámara atrasaron o procedemento. Ata que a súa candidatura non sexa definitiva -xa foi avalada polos xulgados en Madrid, que tombaron a resolución da Xunta Electoral, pero os populares recorreron ao Constitucional- as papeletas non poden ser remitidas a ningún punto do Estado, xa que nas europeas a circunscrición é estatal. É por iso que estas datas aínda poden variar.
Alén deste atranco puntual, o resto do proceso desenvólvese como nos demais comicios. Cada solicitude de voto por correo é trasladada á Oficina do Censo Electoral, que realiza a correspondente anotación e impide, daquela, que cada persoa que pide o voto postal poida emitir o seu sufraxio presencialmente o día das eleccións.
Tras a ampliación ditaminada pola Xunta Electoral o prazo para enviar o voto finaliza catro días antes das eleccións, o 22 de maio
Acto seguido a OCE envía por correo certificado a documentación electoral, isto é, o certificado de inscrición no censo e as papeletas e sobres de votación. Dado o carácter persoal do voto este envío ten que ser recollido en persoa cando chega ao enderezo indicado ou, se quen o solicitou está ausente, na oficina de Correos.
O prazo para enviar o voto por correo finalizaba catro días antes da cita coas urnas, o 22 de maio. No entanto, tras a apliación ditaminada pola Xunta Electoral no inicio da campaña, poderá ser remitido ata o día 24 ás dúas da tarde. O propio 26M Correos entrega en cada mesa os votos por correo, que son comprobados e mesturados con todos os demais na urna correspondente.