O vindeiro 28 de abril os colexios electorais galegos recibirán un elevado número de votos por correo. O seu volume pode mesmo chegar a ser o segundo maior no que vai de século. É o que apuntan as cifras de solicitudes de voto por correo que xa foron aceptadas e que vén de facer públicas a Oficina do Censo Electoral.
En Galicia foron aceptadas máis de 67.000 solicitudes de voto por correo, un 20% menos que nas xerais de 2016 pero un 22% máis que nas de 2015
Nas catro circunscricións galegas un total de 67.439 persoas completaron con éxito os trámites para emitir o seu voto por vía postal. A maioría residen en Galicia ou noutro punto do Estado e 1.148 viven no estranxeiro pero oficialmente de maneira temporal, polo que non son parte do Censo de Residentes Ausentes (CERA).
Esta cifra de solicitudes supón unha redución de case o 20% con relación ás eleccións xerais de xuño de 2016, cando o voto postal se disparara tanto en Galicia como no resto do Estado -algunhas análises atribuíran ese aumento a razóns como a proximidade do verán-. Pero tamén é un 22% máis que nos comicios xerais de 2015 e supón un incremento do 50% con relación ás solicitudes de voto por correo aceptadas para as xerais de 2011.
No conxunto do Estado as solicitudes de voto por correo superan os 1,3 millóns; tamén se reducen con relación a 2016 pero aumentan notablemente a respecto de 2015
No conxunto de circunscricións electorais do Estado as solicitudes de voto por correo que foron aceptadas chegan ás 1.332.929, segundo as cifras da Oficina do Censo. Atendendo ás bases de datos da propia OCE, son un 8% menos de solicitudes de voto por correo que en 2016, pero case un 70% máis que en 2015.
Unha ollada a anteriores eleccións xerais permite concluír que o voto por correo aumenta hai tempo e que non existe unha relación mecánica entre as variacións do voto por correo coa a participación xeral nos procesos electorais e os seus resultados. Así, por exemplo, nas eleccións xerais de 2016, co voto por correo disparado, a participación total roldou o 66% e nas de 2015, cunhas cifras de voto por correo moi inferiores, a participación xeral foi de case o 70%.