As enquisas previas á prohibición auguran batalla intensa polos últimos escanos en Galicia

Papeletas de votación das eleccións do 28A na provincia da Coruña CC-BY-NC-SA Praza Pública

Nas eleccións xerais de 2016 a En Marea faltáronlle 1.633 votos para reeditar o que fora un dos fitos daquela formación, daquela unha coalición, nos comicios celebrados un ano antes: lograr un escano na provincia de Ourense, como fixera en 2015. Eses menos de 2.000 votos permitiron que o asento final da circunscrición ourensá ficase no PP. Naqueles mesmos comicios a Ciudadanos faltáranlle algo menos de 4.000 votos para conseguir representación pola Coruña, escano ao que si chegaran en 2015.

A maior parte das enquisas con detalle por circunscricións coinciden en situar a PP e PSOE ao bordo do empate técnico en Galicia e algunha mesmo sitúa os socialistas como primeira forza, algo que nunca sucedeu

O derradeiro escano asignado en cada circunscrición aplicando o método d'Hondt aos votos obtidos por cada formación política semella que volverá ser determinante nas eleccións xerais do 28A en moitas provincias, entre elas as galegas. Ese é, cando menos, o escenario ao que apuntan as últimas enquisas que ofrecen asignación provincial de escanos antes do apagón demoscópico que se impón a partir deste martes en aplicación do precepto da lei electoral que prohibe publicar inquéritos nos cinco días previos aos comicios, o que non quere dicir que non sigan elaborándose.

Algo máis de media ducia de enquisas ofrecen pistas sobre cal podería ser, na noite do vindeiro domingo, o reparto dos 23 escanos que elixen as circunscricións galegas. Todas elas, como xa fixera o CIS e tamén outras enquisas divulgadas durante a precampaña e a campaña, coinciden en debuxar un empate técnico entre o PP e o PSdeG e algunhas delas mesmo apuntan a que os socialistas poderían lograr a condición de primeira forza na representación galega no Congreso, algo que nunca sucedeu.

A maior parte das sondaxes outorgan dous escanos a En Común-Unidas Podemos e apuntan a unha entrada de Ciudadanos pola Coruña ou Pontevedra

Así, por exemplo, o tracking electoral de Sondaxe para La Voz de Galicia outorgaba este 22 de abril 10 escanos ao PSdeG en Galicia frente a 9 do PP, 2 para En Común-Unidas Podemos e outros 2, para Ciudadanos. O medre do PSdeG produciríase a costa do PP en Lugo e Ourense, que repartirían un par de escanos aos socialistas e outros tantos aos populares, como en tempos de Zapatero, e recuperando escanos que foran a En Marea en anteriores comicios, no caso das provincias atlánticas.

Esa pugna pola primeira posición en Galicia entre PSdeG e PP reflíctena tamén enquisas como a de GAD-3 para ABC, a de NC-Report para La Razón, a de Sigma Dos para El Mundo, a de Infortécnica para La Región e  a de Sociométrica para El Español. Todas estas casas de enquisas coinciden tamén en adxudicar dous escanos a En Común-Unidas Podemos, un pola Coruña e outro, por Pontevedra. A maioría auguran tamén unha entrada de Ciudadanos polas circunscricións coruñesa e pontevedresa.

Os escanos finais son os das discrepancias entre enquisas. Así, por exemplo, Infortécnica sinala intervalos de entre cero e dous escanos polas circunscricións galegas para ata tres forzas políticas diferentes: En Marea, Ciudadanos e Vox, nos tres casos polas provincias atlánticas. Sigma Dos, pola súa banda, sinala ao BNG como potencial beneficiado deste novo mapa electoral, abríndolle a posibilidade de regresar ao Congreso cun escano.

Os estudos de Sigma Dos e IMOP Insights outorgan posibilidades de obter escanos ao BNG e Infortécnica estima representación para En Marea

Ao BNG apunta tamén o tracking electoral de IMOP Insights para El Confidencial que, se ben non ofrece unha asignación completa de escanos por provincias ou comunidades autónomas, si sinala algunhas en concreto. Neste caso o inquérito detecta un transvasamento de antigos votantes de En Marea cara ao Bloque e estima que a formación nacionalista podería obter entre cero e dous escanos. Concretamente, sinala a posibilidade de que a formación que encabeza Ana Pontón poida disputarlle o derradeiro escano da Coruña ao PSOE e o de Pontevedra, a Ciudadanos.

Estas proxeccións de escanos para Galicia rexístranse nun panorama xeral no que as diferentes casas de enquisas coinciden en augurar que o PSOE será a primeira forza nas urnas o 28A e tamén en escanos no vindeiro Congreso dos Deputados. Alén desta coincidencia as diferenzas son múltiplas e van dende un escenario no que os de Pedro Sánchez poidan formar goberno con relativa facilidade ata as que sitúan a coalición de PP, Ciudadanos e VOX ao bordo dos 176 escanos que outorgan a maioría absoluta na Cámara Baixa.

As enquisas coinciden en situar o PSOE como primeira forza do novo Congreso, pero oscilan entre outorgar a Pedro Sánchez a posibilidade de pactar facilmente o Goberno ata situar unha alianza de dereitas ao bordo da maioría absoluta

Unha das últimas enquisas publicadas, a de Celeste-Tel para eldiario.es, outorga a os escanos que poidan obter formacións como ERC, o PNV ou Compromís un papel clave para unha eventual investidura de Pedro Sánchez e menos posibilidades á suma das dereitas. No entanto, a maior parte dos inquéritos coinciden en sinalar a importancia das grandes bolsas de voto indeciso e apuntan a factores como os dous debates televisados deste luns e martes como posibles elementos para desequilibrar a balanza entre bloques. 

O efecto dos debates será un dos que xa non será posible medir publicamente a través de enquisas por mor da prohibición legal. O seguinte inquérito publicado legalmente será o de GAD3 a pé de urna para RTVE, xa tras o peche dos colexios electorais o 28A.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.