A só un día de que remate o prazo para publicar enquisas sobre as eleccións do próximo 28 de abril, foron moitos os medios que ofreceron este domingo as súas. Todas coinciden nunha cousa que parece irrevogable: o PSOE gañará as eleccións con ampla marxe. Agora falta por ver se os socialistas poderán formar goberno e, de facelo, se deberán contar só con Unidas Podemos ou terán que mirar tamén cara a grupos nacionalistas, ben sexa o PNV ou os cataláns. Se ningunha suma dá, a dereita e a ultradereita poderían chegar ao poder.
As sete enquisas principais deste domingo sitúan o PSOE entre o 30,9% e o 28,1% de votos; o PP estaría entre o 17,8% e case o 24%
As sete enquisas principais deste domingo sitúan o PSOE entre o 30,9% e o 28,1%, unha diferenza que é moito maior no caso do apoio previsto para o PP, que vai desde o 17,8% até case o 24%. Aí estará unha das claves: saber se o devalo dos populares vai ser tan importante ou non. En canto ao terceiro posto a nivel estatal, unha ollada aos inquéritos advirte do igualada que está a cousa, con case todas colocando nese podio a Ciudadanos, pero con Unidas Podemos achegándose e mesmo posibilidades para que os ultras de Vox sexan a primeira alternativa aos de Sánchez e Casado.
De facer unha media de todas as enquisas publicadas nas últimas semanas, o PSOE roldaría o 29% dos votos, seguido do PP con algo máis do 20%, Ciudadanos con case o 15%, Unidas Podemos co 12,6% e Vox co 11,2%. O complexo sistema electoral e a división provincial fai moi difícil prever como se repartirán en escanos esas porcentaxes.
En Galicia, todo fai indicar que o PSdeG está en disposición de pelexarlle a vitoria a un PP que se vería prexudicado pola alza de Ciudadanos e mesmo de Vox. De facer caso á enquisa de Sondaxe, entre a formación laranxa, a extrema dereita e o BNG dispútanse un ou dous escanos nas provincias de Pontevedra e da Coruña.
Ana Pontón, portavoz do BNG, amosouse convencida de que o BNG "vai rebentar as enquisas, derrotalas" ao igual que, lembrou, "xa fixo nas últimas eleccións galegas". "Vemos unha corrente de simpatía que está medrando nesta campaña", dixo a líder dun Bloque que ve como "muro de contención da dereita machita, racista e carca".
Pontón cre que o BNG "vai rebentar as enquisas" e Gómez-Reino asegura que os inquéritos "marcan claramente" que En Común-Unidas Podemos "será determinante para a gobernabilidade do Estado”
Tamén Antón Gómez-Reino, cabeza de lista pola Coruña de En Común-Unidas Podemos, tamén se referiu ás enquisas para advertir de que “marcan claramente" que a súa formación "será determinante para a gobernabilidade do Estado”. O PSdeG, pola súa banda, insiste en que o importante é gañar nas eleccións e non nos inquéritos, mentres que Luís Villares, de En Marea, cre que os votos ao seu partido serán "decisivos" para a conformación dunha maioría progresista.
Sexa como for, a nivel estatal ou galego, hai unha opción que a unha semana dos comicios gaña con maioría: os indecisos. Son moitos e máis ca nunca. O que estes decidan nestes últimos días de campaña marcará o resultado final. De aí que todos os partidos apelen ao voto útil e mesmo ao medo, especialmente desde a esquerda ante a posibilidade de que un partido de extrema dereita, ultra e abertamente franquista poida entrar nun goberno ou ser clave para conformalo. A partir de agora, para facer elucubracións, haberá que ir á froitería.