En vésperas das eleccións municipais de maio de 2015 unha persoa que formaba parte dun dos gobernos do PP nas cidades galegas dirixiuse a un concelleiro da esquerda, que estaba na oposición. "¡Vosotros, por lo menos sabemos quién sois!", exclamou a edil para resumir ao seu interlocutor a incerteza que nas filas conservadoras existía en torno ás mareas municipais, que aquel ano acabarían desbancando do poder aos populares na Coruña, Santiago e Ferrol. Medo ao descoñecido.
Ninguén pode garantir que o reparto de escanos polas circunscricións galegas vaia responder á lóxica habitual, na que é unha rareza que logren escano máis de tres forzas
Ese temor ao terreo inexplorado xorde, tamén en Galicia, no inicio da acelerada carreira electoral do 28-A, que Pedro Sánchez lanzou o pasado venres tras o fracaso parlamentario do seu proxecto de Orzamentos Xerais para 2019. É unha zona escura que arrecende a fragmentación, pero tamén a cambios acelerados nas certezas.
Ninguén pode garantir que o reparto de escanos polas catro circunscricións galegas -cada vez menos pola perda de poboación- vaia responder á lóxica habitual, segundo a cal é toda unha rareza que logren representación máis de tres forzas e na que o partido dominante no centro-dereita español logra a maioría dos postos en xogo ou está a piques de facelo. Só en dúas ocasións houbo entrada para unha cuarta forza -Coalición Galega en 1986 e Ciudadanos en 2015) e, dende que o PP se presenta con estas siglas, só tres veces (2004, 2008 e 2015 non conseguiu máis da metade dos escanos galegos.
Pero as placas tectónicas da política están a moverse. En toda Europa, en España e tamén en Galicia. Aínda que un final anticipado da lexislatura estatal era unha hipótese de traballo en case todas as formacións políticas case dende que Sánchez remudou a Mariano Rajoy na Moncloa, a chamada ás urnas cambiou os plans en case todas elas.
No PP o temor á fragmentación da dereita transloce nas primeiras mensaxes electorais e, tamén en Galicia, multiplícanse as mencións á unidade de España
No caso da ata agora forza hexemónica na representación galega no Congreso, o PP o temor á fragmentación da dereita transloce xa nas primeiras mensaxes preelectorais. Feijóo, que esta semana recibiu a visita de Pablo Casado, multiplica as mencións á unidade de España nos seus discursos e lanza unha alerta: "os votos que non vaian ao PP serán aliados dos socialistas e dos nacionalistas". Por iso, afirma, non se debe votar a partidos que "sen intención de gobernar, intoxican a realidade só para tentar influír nos gobernos".
Coa extrema dereita de Vox a asomar xa algo máis ca unha pata nos inquéritos preelectorais para o Congreso -e tamén para as municipais galegas-, Feijóo reivindica que unicamente o PP defende unha "Galicia grande" nunha "España grande" e que é garante de non se "entregar ao independentisimo".
As "tres papeletas" de Aznar
A posibilidade de que a división da dereita teña efecto multiplicador é unha das advertencias no inicio da precampaña socialista en Galicia. No cuartel xeral do PSdeG a decisión de Sánchez obriga a recompoñer o esquema de traballo e ao seu líder, Gonzalo Caballero, a poñer o traxe de campaña alén das presentacións de candidatos ás municipais.
O PSdeG de Gonzalo Caballero aspira a subir á vaga mobilizadora á que apela Pedro Sánchez tras os malos resultados de 2015 e 2016
Conscientes de estaren nun escenario máis favorable que en anteriores xerais polas tensións internas de En Marea, os socialistas botan man de mensaxe mobilizadora ecuménica na esquerda. Cómpre, di Caballero, "consolidar unha maioría de progreso liderada por Pedro Sánchez" para asegurar "medidas positivas para a maioría", como a suba do salario mínimo ou das axudas á dependencia, pero tamén para frear a alianza da dereita que, advirte, desta volta ten "tres papeletas" con posibilidade de obter representación, todas elas inspiradas "en Aznar".
Para o PSdeG a aspiración en Galicia neste 28-A é subir á vaga mobilizadora á que apela Sánchez para remontar os seus resultados de 2015 e 2016. Os peores en Galicia nunhas eleccións xerais precisamente dende tempos da maioría absoluta de Aznar.
Unha posible mobilización da esquerda en torno ao PSOE é un dos riscos engadidos para as forzas que concorreron como En Marea en 2015 e 2016
A chamada á mobilización fronte ás "tres dereitas" que lanza Sánchez e secunda Caballero é un dos riscos engadidos aos que se enfrontan as forzas que en 2015 e 2016 concorreron unidas como En Marea. En ambas citas superaran o 20% dos sufraxios e en 2015 lograran situarse en segunda posición, por diante do PSOE.
Agás sorpresa maiúscula estas siglas estarán tamén nas urnas no 28-A pero non como sinónimo de alianza de Anova, Podemos e Esquerda Unida, senón como a formación que encabeza Luís Villares. Mentres, con toda probabilidade, as devanditas tres formacións coaligaranse baixo unha nova fórmula. Unha e outra formación enfrontaranse ao risco do 'voto útil' ao PSOE, acrecentado pola posible desafección que atinxa ao electorado que as abandone polos seus enfrontamentos internos.
O BNG di albergar a esperanza de volver ao Congreso ao ver constatada a "inutilidade das forzas estatais" para defender alí os intereses galegos
Os datos demoscópicos indicaban en 2015 que o PSOE fora un dos grandes damnificados polos éxitos de En Marea nas xerais e o segundo transvasamento máis voluminoso fora dende o BNG. A organización nacionalista, que a comezos de século chegou a roldar o 20% do voto en Galicia ao Congreso, estivo presente na Cámara Baixa en cinco lexislaturas consecutivas (das eleccións de 1996 ás de 2011) e a súa líder, Ana Pontón, di albergar a esperanza de regresar en 2019, toda vez que cre demostrada a "inutilidade das forzas estatais" para defender os intereses galegos en Madrid e, ao tempo, a súa presenza sería garantía de non dar apoio a unha eventual alianza da dereita. Este sábado botou a andar a súa comisión electoral e a tendencia que detectan, afirman, é "á alza".