En Marea lanza primarias para as xerais mentres Anova, Podemos e EU negocian reeditar a coalición

Mitin de En Marea na campaña das eleccións xerais de 2015 CC-BY-NC-SA En Marea

Agás sorpresa maiúscula, o que en 2015 e 2016 foi unha única opción electoral con cadansúa lista nas circunscricións galegas, serán dúas o 28-A. O 2 de outubro de 2015 Anova, Podemos e Esquerda Unida xuntáronse na compostelá praza de Mazarelos. Mariano Rajoy viña de anunciar que as eleccións xerais se celebrarían o 20 de decembro e, en plena resaca dos éxitos electorais das mareas municipais, "sería tráxico que nunhas eleccións xerais fósemos uns por un lado e outros, polo outro". Aquela Declaración de Mazarelos foi o xermolo dunha coalición electoral que adoptou o nome de En Marea e que naquel 20D logrou o que nunca lograra antes unha formación á esquerda do PSOE: 6 escanos e a condición de segunda forza política en Galicia nunhas xerais, só por tras dun PP que perdía a maioría absoluta.

A tensa unidade dos últimos tres anos e medio está, agás sorpresa maiúscula, a piques de rematar: o que en 2015 e 2016 foi unha única opción electoral nas eleccións xerais do 28-A serán dúas

Tras aquel primeiro éxito, entre a controversia por non lograr grupo parlamentario propio malia superar o limiar dos cinco escanos e entre negociacións non exentas de tensión, En Marea volveu concorrer como coalición destas tres forzas ás novas eleccións xerais de xuño de 2016. Naquela ocasión perderon un escano e o balance posterior incluíu unha chamada a reducir o ruído interno, algo que non sucedeu. Así e todo, naquel verán de 2016 a confluencia constituíuse en partido instrumental coa vista posta nas eleccións galegas de setembro, ás que se presentou con Luís Villares como candidato á presidencia da Xunta.

Esta peripecia de tensa unidade dos últimos tres anos e medio está, con toda probabilidade, a piques de rematar. As fortes tensións internas dos últimos meses, especialmente as xurdidas en torno ás últimas eleccións internas da formación, volveron abrollar esta semana na votación das emendas á totalidade dos Orzamentos Xerais do Estado, emendas cuxa aprobación veñen de precipitar a convocatoria de eleccións xerais para o 28 de abril. E evidenciáronse aínda máis este sábado.

Luís Villares e Ana Seijas, vicevoceira, presentando o proceso de primarias de En Marea para o 28-A CC-BY-SA En Marea

Para Luís Villares repetir o modelo de coalición sería "un erro" e por iso anima á participación nas primarias de En Marea: "A unidade fana as persoas, non os partidos", resalta o voceiro

A fractura que xa se daba por feita para as eleccións europeas do 26M acelerou polo adianto electoral anunciado por Pedro Sánchez. Así, dende En Marea como partido o seu voceiro, Luís Villares, confirmaba este sábado a inmediata convocatoria de eleccións primarias para confirmou o lanzamento dun proceso de primarias para ambos procesos electorais, cun calendario que prevé celebrar as votacións do 8 ao 10 de marzo. Para Villares repetir o modelo de coalición suporía "un erro" do que "aprender", entre outros aspectos porque imposibilita obter "grupo parlamentario propio", razoou.

En Marea, considera o tamén voceiro no Parlamento galego, naceu para "superar os partidos e establecer un espazo de unidade" que é de "adscrición individual" con independencia da militancia dos seus membros noutras formacións partidarias. "A unidade fana as persoas, non os partidos", acrecentou Villares, quen agrega que "todo o mundo pode candidatarse aínda que xa se candidatase noutras formacións". Neste contexto asegura non dar por "feita" a ruptura con Anova, Podemos e EU, se ben admite a distancia con elas nos últimos tempos.

Representantes de En Marea no Congreso e no Senado, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA En Marea

Inicio de negociacións entre Anova, Podemos e Esquerda Unida

Pouco antes de que Villares anunciase en rolda de prensa o comezo das primarias baixo as siglas de En Marea, as tres formacións que, coaligadas, concorreron dúas veces ás xerais baixo esta marca anunciaban en cadanseus comunicados o inicio inmediato de contactos a tres bandas para reeditaren a alianza. As tres coinciden en sinalar o nacemento de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no ano 2015 e a devandita Declaración de Mazarelos para, en verbas de Anova, "iniciar o diálogo político cos aliados cos que vimos compartindo espazo, xunto con axentes cidadáns e sociais, para definir a alternativa coa que concorrer aos vindeiros comicios estatais".

Anova, Podemos e EU apelan á fundación de AGE, aos éxitos das mareas municipais en 2015 e ao "traballo" no Congreso para anunciaren o comezo dos contactos para volveren presentarse en coalición ás xerais do 28 de abril

Nun sentido semellante pronúnciase a dirección de Podemos Galicia. "Hai tres anos construímos unha alternativa plural" que logrou "unha potencia de representación inédita" en Galicia e por iso "iniciamos o diálogo entre as tres forzas que nos xuntamos en 2015 para impulsar, en concordancia coas mares municipalistas, a coalición electoral que levou a voz de máis de 400.000 galegas e galegos ao Congreso e ao Senado". Podemos apela ao "traballo feito" nas Cortes durante estes anos para xustificar a necesidade de reeditar a fórmula para "continuar e reforzar o traballo que traslada a voz e as demandas galegas ao Congreso e ao Senado".

Para Esquerda Unida regresar ao modelo de 2015 inspirado en AGE e as mareas municipais é sinónimo de "recuperar a unidade popular". A súa aposta, afirman, é "o diálogo fraterno coas outras forzas de esquerda coas que demos luz á confluencia dos anteriores procesos", que é tanto como "recuperar o descrito na declaración de Mazarelos e ser quen de darlle contido ás expresión de pluralidade, proposta alternativa e capacidade política". As tres forzas argumentan que esta é a mellor vía para "frear a dereita" que, din, representan PP, Ciudadanos e Vox.

Con este pano de fondo todo semella indicar que, agás improbables cambios de última hora, o electorado que optou por En Marea en 2015 e 2016, en caso de volver querer facelo, terá que optar entre dúas ofertas electorais distintas. Segundo Villares, a vocación de "articular o espazo progresista de Galicia" coa que naceu a confluencia segue a estar baixo as siglas de En Marea. Para Anova, Podemos e EU, o partido instrumental xa non representa ese mesmo espírito.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.