As mareas municipais como modelo a seguir. Anova, Podemos Galicia e Esquerda Unida citáronse este venres na compostelá praza de Mazarelos para presentar o "preacordo" que dende hai dúas semanas axita os contactos cara a unha eventual candidatura unitaria nas xerais. A declaración política, como adiantou este diario, aposta pola conformación dun "espazo político galego" que reproduza, pero tamén amplíe, as dinámicas das plataformas que triunfaron nas municipais do 24M.
Os líderes das tres formacións, e con especial vehemencia Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, aclaran que con este acordo non dan por pechada unha coalición electoral, e menos aínda unha fórmula concreta de concorrencia. Nun contexto no que paira sobre as negociacións a reivindicación das siglas propias formulada pola dirección estatal de Podemos, Beiras lembra que nas municipais "as tres forzas decidimos mergullarnos nas mareas, non ser marcas", e por iso agora lanzan un preacordo para actuaren como "un dos actores" da posible marea galega.
Beiras: "A cidadanía non nos perdoaría que contribuísemos a rebentar as mareas"
"A tres forzas temos militancia nas mareas, estamos nas mareas e sería tráxico que nunhas eleccións xerais fósemos uns por un lado e outros, polo outro", di. "A cidadanía -advirte- non perdoaría que contribuísemos a rebentar" estas plataformas.
IxU manifestou o seu malestar por non ser convidada
Neste contexto, o histórico nacionalista "exhorta" as mareas, tanto ás das cidades como as das vilas, así como ao Encontro Cidadán por unha Marea Galega, a que "tomen isto como unha achega para a confluencia, non como un polo aos que outros teñan que adherirse". Agora, resalta, é o momento "da xenerosidade, pero non de boquilla" para ser quen de integrar "outros actores". E "un deles, por suposto, é Iniciativa pola Unión", plataforma que este venres expresou o seu malestar por non ser convidada formalmente ao acto, no que si houbo representación de Marea.gal.
Chamada a que "a cidadanía emende"
Díaz chama a constituír "unha marea social para chegar á Moncloa"
Beiras insta a que "os demais lean antes de falar e opinen sobre o documento, e non sobre as faladurías que se lancen" e a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, advirte tamén de que o preacordo non está rematado. "Fáltalle a cidadanía como pulmón" porque a intención é "constituírmos unha marea social para sacar" o PP "democraticamente a patadas da Moncloa". "Con este acordo -proclama- a cidadanía ten que construír, destruír, quitar, emendar e coser se fai falta".
Riobóo: "O obxectivo é unha candidatura galega para as xerais"
A "vocación de apertura e inclusión" é tamén aludida polo secretario xeral de Podemos Galicia. Breogán Riobóo afirma que "para gañar é preciso sumar vontades, persoas e espazos políticos" e, malia ás declaracións dos últimos días de dirixentes do partido como Íñigo Errejón, resalta que para Podemos, como para Anova e EU, "o obxectivo é unha candidatura galega para as xerais na que estean os actores que levan tempo pulando pola unidade popular" coas mareas como "referencia".