A candidatura Coidando a casa foi a máis votada nas eleccións internas de En Marea. Segundo os resultados provisionais divulgados este 24 de decembro, a lista encabezada polo actual voceiro orgánico e parlamentario da formación, Luís Villares, logrou o 59,24% dos votos. Mentres Entre todas, liderada por David Bruzos, obtivo o restante 40,76% dos sufraxios e xa reclamou unha "auditoría independente" do escrutinio.
A candidatura 'Coidando a casa' logrou 1.596 votos e 'Entre todas' obtivo 1.098 apoios nas eleccións internas desenvolvidas dende o día 22
O vindeiro mércores, día 26, será definitivo o resultado da votación desenvolvida dende o pasado día 22, na que participaron 2.694 persoas das arredor de 4.500 inscritas con dereito a voto. Para a lista de Villares foron un total de 1.596 votos, mentres que a candidatura que aglutinou o que veu sendo sector crítico da formación nos últimos tempos, apoiada por Podemos, Esquerda Unida e boa parte de Anova, así como por algunhas das principais mareas municipais, quedou con 1.098 apoios.
Unha vez proclamados definitivamente os resultados o día 26, o seguinte paso é a constitución do novo Consello das Mareas, o día 29
Unha vez proclamados definitivamente os resultados, trámite previsto para o día 26, o seguinte paso do turbulento proceso interno de En Marea é a constitución do novo Consello das Mareas, o órgano de dirección ordinaria do partido instrumental. Esa primeira xuntanza do Consello, prevista para o día 29, debera bosquexar tamén a composición da futura coordinadora e despexar os primeiros interrogantes sobre o encaixe ou non do sector crítico tras os resultados da votación.
A priori, cabe agardar que estes resultados permitan a Villares continuar como voceiro de En Marea tamén no Parlamento. Neste sentido, outra das incógnitas tras os resultados é o papel que xogarán no grupo parlamentario da formación os membros abertamente integrados no sector crítico. A fractura que marcou o período final de AGE na lexislatura pasada paira dende hai meses sobre o grupo de En Marea.
Marcadas polos enfrontamentos previos
Estas eleccións internas de En Marea estiveron marcadas polos enfrontamentos internos e os reproches cruzados de ambos sectores. Alén das discrepancias sobre a liña política, institucional e organizativa de En Marea, a tensión foi aínda maior dende o día 30 de novembro, cando a coordinadora advertiu da suspensión do proceso tras detectar, denunciou, accesos "irregulares" ao censo das votacións.
Entre todas reclama "unha auditoría independente" dos resultados "antes da proclamación definitiva"
Tras máis de dúas semanas de acusacións de fraude e condutas contrarias á normativa interna, a pasada semana a dirección de En Marea anunciaba que xa existían "garantías" para as votacións. Aínda que con receos, o sector crítico decidiu participar -coa discrepancia de EU-, mentres que a candidatura de Villares, agora gañadora segundo o escrutinio deste 24 decembro, considerou que a limpeza do proceso ficaba, agora, si, plenamente "garantida".
Villares: "A nosa tarefa segue sendo conseguir un cambio e nese traballo para transformar Galicia non sobra ninguén"
Neste sentido, pouco despois de transcender os resultados provisionais a candidatura Entre todas fixo público un comunicado no que "esixe unha auditoría independente" antes da proclamación definitiva porque "o reconto se fixo sen presenza dos interventores" desta candidatura "e as votacións non están auditadas". "Os resultados que acabamos de coñecer polos medios de comunicación indican que non poderemos recuperar a dirección política de En Marea para as políticas de unidade popular", afirma a candidatura de Bruzos, que atribúe á coordinadora unha "xestión escurantista" do proceso.
Na súa primeira reacción pública tras a proclamación dos resultados provisionais por parte do comité electoral, Villares subliñou que a "tarefa" de En Marea "segue sendo conseguir un cambio para as galegas e galegos". "Nese traballo para transformar Galicia non sobra ninguén", agregou a través das redes sociais.