0 Gardados para despois

Luís Villares e o ex-deputado David Bruzos, cabezas de lista nas eleccións internas de En Marea

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O taboleiro das eleccións internas de En Marea terá dúas pezas. Nas semanas que seguiron ao tenso plenario do pasado 27 de outubro as diferentes correntes internas de En Marea emprenderon conversas e negociacións para as transcendentais votacións que se desenvolverán do 1 ao 3 de decembro e das que sairá o novo Consello das Mareas, máximo órgano reitor da formación. Nesta última semana ficou definitivamente desbotada a posibilidade de que o sector crítico comparecese á votación con dúas candidaturas e finalmente farao con só unha, encabezada polo ex-deputado no Congreso David Bruzos, que confrontará coa lista liderada polo actual voceiro de En Marea e portavoz parlamentario, Luís Villares.

Na lista de Villares intégranse os deputados Pancho Casal, Paula Vázquez Verao e Davide Rodríguez, tamén a eurodeputada Lídia Senra

Tras o peche do prazo para o rexistro de candidaturas, este venres, a liderada por Villares ten como número dous a unha das actuais vicevoceiras, Ana Seijas, e incorpora a tres membros do grupo parlamentario de En Marea: Pancho Casal -ata hai uns meses membro de Podemos-, Paula Vázquez Verao (Cerna) e Davide Rodríguez (Anova). Ségueos no número 6 a profesora e presidenta de Nova Escola Galega Mariló Candedo, que xa fora integrante das listas de En Marea ás eleccións galegas.

Luís Villares e membros da súa candidatura / Coidando a casa

O sétimo posto da lista de Villares, que este sábado se presentou formalmente en Santiago baixo o lema Coidando a casa, é para o médico Ramón Veras -tamén activo membro de SOS Sanidade Pública-. A continuación sitúanse Elena Cores, Adrián Dios, Peque González, Xabier P. Dávila, Mónica Díaz e Víctor Álvarez. Neste primeiro treito figura tamén Xoán Hermida (Marea Pontevedra), a eurodeputada Lídia Senra e o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada.

Na candidatura 'crítica', que encabeza Bruzos, figuran varios nomes vinculados a Anova, Podemos Galicia e mareas municipais como Marea Atlántica e Compostela Aberta 

Na candidatura que encabezará David Bruzos, deputado de En Marea no Congreso por Ourense nas eleccións xerais de 2015, figuran nos primeiros postos varios nomes vinculados á actual dirección de Anova e mais a Podemos Galicia, así como a mareas municipais das cidades como Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ferrol en Común. A número dous desta candidatura é Oriana Méndez (Anova, Marea de Vigo) e o tres é Xan Xove (Marea Atlántica). A continuación sitúase Saínza Ruíz, membro de EU e concelleira do goberno ferrolán con Ferrol en Común. 

David Bruzos, nun mitin previo ás eleccións xerais de 2015 / EM

O deputados de En Marea no Parlamento galego Marcos Cal e Julia Torregrosa (ambos de Podemos), son tamén integrantes dunha lista na que tamén figuran nomes como os de Gladys Afonso (Anova), André Seoane (Compostela Aberta), Borja San Ramón (Podemos), Ledicia Piñeiro (Ourense en Común) ou Sara Outeiral (Nós Pobra, Podemos). O propio Bruzos foi tamén un dos impulsores de Ourense en Común e foi deputado ata a constitución do Congreso emanado das eleccións xerais de 2016, cando En Marea perdeu o escano ourensán.

O censo da votación supera agora as 4.300 persoas, mentres que nas vésperas do plenario eran algo menos de 2.800

Estas eleccións internas de En Marea, das que emanará o Consello das Mareas que á súa vez elixirá a nova coordinadora, prodúcense nun contexto de notable incremento do censo interno con relación a procesos anteriores. Así, despois de abertas chamadas á participación por parte de sectores críticos que evitaran sumarse a anteriores eleccións internas -caso de Podemos Galicia-, o número de persoas inscritas eran ao remate do venres un total de 4.396, mentres que nas vésperas do plenario do pasado outubro eran algo menos de 2.800.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.