Igualdade de forzas entre coordinadora e críticos no plenario de En Marea

Imaxe dunha das votacións deste sábado no plenario da formación © En Marea

​En Marea celebrou este sábado o seu plenario en Compostela, un encontro político no que participaron unhas 600 persoas e que amosou a igualdade de forzas entre o sector da Coordinadora e o crítico, igualdade que quedou comprobada nas sucesivas votacións. Por unha banda, o sector crítico non conseguiu aprobar a súa proposta de que o Consello das Mareas fose elixido en listas abertas, vendo rexeitada a iniciativa por 283 votos contra 258. A votación, polo tanto, levarase a cabo xun modelo de listas pechadas en cremalleira -con homes e mulleres alternativamente- de 35 persoas con cadanseu "documento político que conteña unha proposta de liñas de actuación".

O sector crítico non conseguiu aprobar a súa proposta de que o Consello das Mareas fose elixido en listas abertas, vendo rexeitada a iniciativa por 283 votos contra 258

O sector crítico, que agrupa membros das principais mareas urbanas e tamén de partidos como Podemos, Anova ou EU, si conseguiu ampliar (por 305 votos a favor e 258 en contra) o prazo do censo para participar nas eleccións internas aos órganos de dirección da formación, que se celebrarán entre o 1 e o 3 de decembro.

O sector liderado por Luís Villares viu pola súa banda rexeitado o seu documento político por 271 votos fronte a 181. O documento fixaba a aposta da formación para concorrer ás eleccións europeas e sinalaba como urxente que "no contexto galego" En Marea se presente como "alternativa sólida de goberno", mellore a "comunicación" coas mareas locais e o grupo no Congreso e "actúe como un todo" nos diferentes ámbitos. No referido ás eleccións europeas o texto impulsado dende a coordinadora daba "preferencia" a unha "ampla alianza" coas "forzas que compartan os nosos principios políticos e programáticos" a través dunha negociación que sexa referendada cunha votación da militancia. Entre as condicións formais, sinalaba a necesidade que a "a papeleta electoral sexa diferenciada no noso país" e que "as persoas que vaian nesa lista" sexan electas en primarias e "representen unicamente o espazo de En Marea".

O sector liderado por Luís Villares viu pola súa banda rexeitado o seu documento político por 271 votos fronte a 181

A emenda á totalidade que defendeu o sector crítico chamaba a "reforzar" as mareas municipais e rexeitaba "converter En Marea nun partido tradicional", espazo que cren necesario "reinventar" mediante un "proceso de reflexión" tras as eleccións municipais, que cadran coas europeas, nas que tamén vén necesaria unha "alianza coas forzas que compartan os nosos principios políticos e programáticos" e votada pola militancia.

En declaracións posteriores ao Plenario, Luís Villares destacou que "hoxe demostramos que somos un espazo plural e transparente, no que hai debate. Tamén hai que destacar a votación das inscritas a favor dun sistema proporcional para a elección do Consello, que integra todas as sensibilidades". Engadiu así mesmo que "tamén estamos orgullosos pola alta participación neste, e mostramos a toda Galicia que somos un espazo diferente e plural e non excluínte, no que teñen cabida todas as opcións e todas as opinións".

 

Unha imaxe dunha das votacións que tiveron lugar este sábado no plenario da formación © En Marea
Parte dos e das asistentes ao plenario de En Marea © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.