En Marea debate estratexia política e electoral ás portas de volver votar a súa dirección

Asistentes ao plenario de En Marea, o pasado 17 de marzo CC-BY-SA En Marea

As case 2.800 persoas acreditadas como inscritas de En Marea cítanse este sábado en Santiago para debateren a súa estratexia política e electoral para os vindeiros meses e mais definir as regras que rexerán na renovación dos órganos da formación, proceso que culminará antes de fin de ano. Apenas sete meses despois da anterior xuntanza deste órgano, equivalente a unha asemblea xeral, o plenario non votará sobre a continuidade ou non da actual formación, con Luís Villares como voceiro. Pero tanto a definición das regras do xogo desa inminente votación como a diagnose política e a definición dos marcos para a concorrencia nas eleccións europeas van supoñer unha primeira proba para medir as forzas dos que poden ser definidos como dous principais sectores do constituído como partido instrumental no verán de 2016.

A votación das regras para elixir o vindeiro Consello das Mareas será unha primeira proba para medir as forzas entre os dous principais sectores de En Marea

A propia definición das normas para a elección do vindeiro Consello das Mareas e, por extensión, da Coordinadora da formación, serán un pulso político en si mesmo. A proposta da actual coordinadora, que encabeza Villares, propón un modelo de listas de listas cremalleira -con homes e mulleres alternativamente- de 35 persoas con cadanseu "documento político que conteña unha proposta de liñas de actuación" e sometelas á votación da militancia.

O considerado como sector crítico, que agrupa membros das principais mareas urbanas e tamén de partidos como Podemos, Anova ou EU, todas elas partidarias nos meses previos da constitución dunha "mesa da confluencia" para redefinir o futuro de En Marea, defenderá unha emenda na que a militancia vote tamén candidaturas de 35 persoas con cadanseu documento político, pero mediante un sistema de listas abertas no que cadaquén poida elixir ata 26 persoas. Esta opción, defenden, daría lugar a un Consello máis "representativo".

Luís Villares, intervindo na presentación pública do plenario / En Marea

No referido á Coordinadora -dirección ordinaria da formación-, ambos sectores tamén discrepa. O texto a debate, redactado polo equipo de Villares, aposta por que a Coordinadora sexa elixida dende o Consello "tendo en conta a proporcionalidae dos resultados" desa elección e "atendendo a criterios de paridade, eficacia e non remuneración". A emenda do sector crítico concorda na elección polo Consello, "atendendo a que como mínimo a metade máis unha das súas integrantes sexan mulleres" e tras un "debate político" que "responda á pluralidade do espazo" e non só a "mecanismos de proporcionalidade.

Contexto político e eleccións europeas

O plenario de En Marea debaterá e aprobará tamén un documento político que, xunto a unha análise xeral, fixe a aposta da formación para concorrer ás eleccións europeas -as de 2014 foron os comicios do debut electoral de Podemos, mentres que as mareas municipais e En Marea aínda non existían como tales e as formacións que as impulsaron concorreron en Galicia baixo as siglas de AGEe-. A tese política a debate parte dun contexto xeral marcado polo triunfo da moción de censura do PSOE, ao que En Marea lembra un "apoio" que "non pode ser un cheque en branco", se ben "tampouco podemos converter o PSOE en albo dos nosos dardos sen ter en conta que en Galiza o obxectivo segue a ser apartar o PP" do poder, sinala a tese.

A tese política redactada pola coordinadora defende que En Marea "actúe como un todo" para configurarse como "alternativa sólida de Goberno" en Galicia

Así, a tese ve urxente que, "no contexto galego", En Marea se presente como "alternativa sólida de goberno", mellore a "comunicación" coas mareas locais e o grupo no Congreso e "actúe como un todo" nos diferentes ámbitos. No referido ás eleccións europeas o texto impulsado dende a coordinadora dá "preferencia" a unha "ampla alianza" coas "forzas que compartan os nosos principios políticos e programáticos" a través dunha negociación que sexa referendada cunha votación da militancia. Entre as condicións formais, sinala a necesidade que a "a papeleta electoral sexa diferenciada no noso país" e que "as persoas que vaian nesa lista" sexan electas en primarias e "representen unicamente o espazo de En Marea".

As emendas do sector crítico rexeitan tornar a formación "nun partido clásico"

A emenda que defenderá o sector crítico, á totalidade do texto da coordinadora analiza tamén o escenario tras a moción de censura e a necesidade de fixar unha "axenda galega" no Estado, así como de impulsar unha mudanza en Galicia, se ben consideran que actualmente a "principal ameaza política ao PPdeG non reside tanto nas bancadas da oposición como nos gobernos rebeldes e de cambio dos concellos galegos" e cren necesario mudanzas para que En Marea sexa esa "alternativa de goberno". Neste sentido, chaman a "reforzar" as mareas municipais e rexeitan "converter En Marea nun partido tradicional", espazo que cren necesario "reinventar" mediante un "proceso de reflexión" tras as eleccións municipais, que cadran coas europeas, nas que tamén vén necesaria unha "alianza coas forzas que compartan os nosos principios políticos e programáticos" e votada pola militancia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.