0 Gardados para despois

Compostela Aberta proporá "renovar" xa o Consello das Mareas para "relanzar a unidade popular"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha vía para a "mediación". Os movementos que nas últimas semanas amosaron as enésimas turbulencias no seo de En Marea e nas diversas mareas locais e formacións políticas da súa contorna vai ter sobre a mesa unha nova iniciativa. Chega dende Compostela Aberta, que debaterá o vindeiro día 11 de xullo en asemblea unha proposta "para relanzar o espazo político galego da unidade popoular" que pasa pola premisa de "renovar" xa a composición do Consello das Mareas, máximo órgano de En Marea como partido instrumental entre plenarios.

Segundo o documento remitido ás persoas inscritas na marea compostelá, ao que tivo acceso Praza.gal, a coordinadora de Compostela Aberta detecta unha "crecente desafección cara a En Marea", mesmo nos "axentes políticos que participaran da súa fundación", con "factores" como a "baixa participación nos sucesivos plenarios" que, di, deu lugar a un "crecente cuestionamento da lexitimidade do actual Consello como ferramenta da dirección política do espazo". Neste sentido, agrega o documento, a coordinadora de Compostela Aberta coida que foi "cruzada unha liña vermella" cando "recentemente, varios dos integrantes deste Consello e da coordinadora de En Marea apoiaron coa súa presenza a formación dunha pretendida Marea de Ferrol fronte á gobernante Ferrol en Común".

Ante esta diagnose política, a coordinadora de CA maniféstase "preocupada pola situación política do espazo de unidade popular" e, tras unha "rolda de contactos tanto coa dirección dos partidos políticos como de En Marea", lanza a devandita proposta para que "En Marea volva ser representativa do espazo de unidade popular". Trataríase, propoñen, de "constituír un espazo de traballo conxunto" no que sentasen partidos, mareas locais e a propia En Marea e, ao tempo, "renovar e relanzar o Consello das Mareas como órgano de dirección política". Esta fórmula permitiría, cren fontes da formación, poñer o "capital político" da forza que sustenta o goberno da capital, "ao servizo" da confluencia galega.

A coordinadora da marea compostelá presentará á súa asemblea un documento para a "mediación" que propón crear unha "Mesa de Confluencia" con En Marea e as forzas que a apoian e elixir un novo Consello en setembro para "evitar a coincidencia coa precampaña das municipais"

Sempre segundo este documento, a proposta tenta desactivar a "confrontación interna" e garantir a "continuidade do partido instrumental En Marea" como vehículo de "igualdade de todas as persoas participantes a través da adscrición individual"e tamén de construción dun "espazo de unidade a nivel nacional". De xeito paralelo, cren conveniente "impulsar unha Mesa de Confluencia" na que se resolvan "todas as difrenzas e cuestións político-técnicas que poidan xurdir". "Os retos electorais do próximo 2019 -subliñan- esixirán un enorme esforzo e vontade de colaboración".

Neste sentido, a proposta para o que a coordinadora de Compostela Aberta define como "relanzamento do espazo político de unidade popular" concretaráise coa constitución desa Mesa na que sentasen, "como mínimo, os partidos políticos participantes na primeira coalición", Anova, Podemos e EU, "incluídas as tres mareas gobernantes e a actual En Marea" para "garantir que todas as partes se corresponsabilizan e participan do espazo político". Xunto a isto, di a proposta, debera convocarse "a renovación no mes de setembro do Consello das Mareas como órgano de dirección política" para así "evitar a coincidencia coa precampaña" das municipais. O texto, segundo puido confirmar este diario, será abordado na asemblea de Compostela Aberta este mércores, 11 de xullo.

Postura da coordinadora de En Marea

A coordinadora de En Marea advertía este luns de que non está a "interferir nin na promoción nin no funcionamento de ningún espazo local"

Esta proposta da coordinadora de Compostela Aberta chegará despois de que, o pasado luns, a coordinadora de En Marea salientase nun comunicado que "está a aplicar escrupulosamente as directrices aprobadas nos plenarios" e advertise de que non está a "interferir nin na promoción nin no funcionamento de ningún espazo local", senón exercendo o "respecto absoluto ao que decidan as mareas locais libremente". "Esta é a función prevista para os órganos de dirección de En Marea", enfatiza.

En Marea, di a coordinadora, "mantén relacións cordiais e de colaboración cos diferentes espazos de traballo municipais na medida en que eles o demanden". Mostra disto é, por exemplo, "o acto de Pontevedra do xoves pasado, onde se deron cita representantes de dez mareas da ría", sinalan. Cómpre, a xuízo da dirección do partido instrumental, lembrar que En Marea "naceu para superar a coalición de partidos e promover un espazo soberano de adscrición individual" onde "a decisión a teñen as persoas inscritas e non as cúpulas dos partidos" que "pretenden decidir mesmo o nome co que as mareas concorren ás eleccións a 600 quilómetros de distancia". "Para nós -conclúen- está superado o formato de coalición, que só beneficia a aqueles que buscan un reparto de postos entre cúpulas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.