As axitadísimas eleccións internas de En Marea teñen nova data. Despois de que a comisión de garantías da formación suspendese a votación poucas horas antes de iniciarse por unha alerta de acceso "irregular" ao censo do proceso e, entre acusacións de fraude entre as dúas candidaturas en disputa, o conflito chegase ata a Fiscalía e mesmo á Garda Civil, xa hai nova convocatoria. Celebraranse, agás novas mudanzas, dende as 9 da mañá do sábado, 22 de decembro ata a mesma hora do luns, 24 de decembro.
A comisión de garantías "levantou a suspensión" das eleccións e o comité electoral fixounas do 22 ao 24 de decembro
Tras dúas semanas de contactos, acusacións cruzadas e múltiples comunicados, a comisión de ética e garantías da formación emitía no serán deste xoves unha nova nota. Viña de "levantar a suspensión temporal do proceso de votación". Facíao despois de que a actual coordinadora de En Marea mudase a empresa encargada do sistema de votación electrónica e agregase novas "garantías" de seguridade. Tamén tras participar nun simulacro de voto no que, por exemplo, comprobou que "non é posible" que unha mesma persoa vote dúas veces, especifica.
Despois desta decisión da comisión de garantías -contra a que votou un dos seus membros, Manuel Nogueira, por discrepancias a respecto da "pouca transparencia" do acontecido ou polo traslado do asunto á Fiscalía-, pasadas as dez e media da noite do mércores o Comité Electoral, con maioría do sector crítico, emitía un novo comunicado. Tras constatar a comisión de garantías que "se dan as condicións de seguridade para votar", este comité acordou "continuar co proceso" para elixir o novo Consello das Mareas nos devanditos horas do 22 ao 24 de decembro por vía electrónica e en locais que serán indicados dende este xoves.
Pero o reinicio do proceso non supón, nin de lonxe, a fin das hostilidades. Alén das mudanzas nas correlacións internas de forzas que poidan derivar das propias votacións, o conflito pola paralización das eleccións internas derivou en abertas críticas entre sectores e mesmo en dúbidas sobre a participación nas propias votacións tras todo o acontecido.
Na contorna de Villares subiñan que, agora si, existen garantías dabondo para que a votación se celebre con normalidade
Mentres que na contorna do actual voceiro, Luís Villares, se subliña que, agora si, existen garantías dabondo para que a votación se celebre con normalidade, voces críticas púñano en dúbida poucas horas antes da nova convocatoria. Foi o caso do Consello de Coordinación de Podemos Galicia, que acusou directamente a VIllares de "pretender converter En Marea nun partido á súa medida" e mais de "fracturar o espazo do cambio". A dirección agora encabezada por Antón Gómez-Reino deixaba ademais no aire a súa participación nas propias eleccións se non dan "contado coa certeza plena de que eses procedementos se van celebrar con todas as garantías de limpeza, transparencia e equidade".
Tamén na tarde do mércores emitían senllos comunicados críticos coa coordinadora dende Esquerda Unida e Anova. Segundo EU, "continúa sen existir documentación escrita que xustifique as graves acusacións" da coordinadora sobre os accesos irregulares ao censo e a expulsión dos tres membros sinalados no comité electoral ve "evidente" a "ausencia de garantías democráticas" no proceso, afirmaban antes dos pronunciamentos da comisión de garantías e mais do comité electoral.
Podemos, Anova e EU cargan contra a coordinadora e, antes da fixación da nova data, deixaban no aire a participación no proceso
Pola banda de Anova a súa comisión permanente cualifica o acontecido nos últimos días dun "auténtico estado de excepción" promovido "pola coordinadora liderada por Luís Villares" coa intención de "desmobilizar as inscritas e inscritos en En Marea". "Non é admisible que a actual coordinadora pretenda como órgano executivo de En Marea dirixir un proceso electoral interno do que é unha das partes", concluíu a formación liderada por Antón Sánchez, en cuxo seo tamén existían este mércores dúbidas sobre a participación na votación.
Están chamadas a votar case 4.500 persoas inscritas, unhas 1.500 máis que ao inicio do actual proceso interno
Sexa como for, as decisións da comisión de garantías e do comité electoral volven poñer en marcha unha elección interna á que concorren dúas candidaturas: Coidando a casa, encabezada por Villares, e Entre todas, que lidera o ex-deputado David Bruzos. Están chamadas a votar case 4.500 persoas inscritas, unhas 1.500 máis que ao inicio do actual proceso interno.
O que se dirime nestas eleccións é a composición do Consello das Mareas, isto é, a nova dirección ordinaria da formación nada como tal pouco antes das últimas eleccións galegas de 2016. A súa vida interna veu estando marcada pola convulsión e por sucesivas recolocacións de pezas en cada elección, todas elas formuladas en clave de identidade e mesmo de existencia da propia En Marea.