O pasado 30 de novembro a comisión de garantías de En Marea anunciaba a suspensión das eleccións internas que dende a xornada seguinte ían renovar o Consello das Mareas e, por extensión, a dirección da formación que actualmente encabeza Luís Villares. A razón fundamental, afirmaba, era a "imposibilidade de acceso ao censo" do proceso durante 24 horas por parte do seu "responsable legal ante a Axencia Española de Protección de Datos", o que impedía garantir a marcha regular do proceso, agregaban.
Gonzalo Rodríguez, membro da coordinadora e responsable legal do censo, confirma o envío das auditorías á Fiscalía ao considerar o acontecido "ética, política e legalmente inaceptable"
Poucas horas despois a comité electoral destas primarias negaba a suspensión por "estar en condicións de garantir o correcto funcionamento do proceso. Ao día seguinte a votación chegou a desenvolverse durante un curto período de tempo ata a súa suspensión real. O que ía ser primeiro día das votacións rematou en acusacións mutuas de intentos de fraude entre a candidatura Coidando a casa, encabezada por Villares, e a lista Entre todas, sector crítico liderado nestas eleccións polo ex-deputado David Bruzos. A comisión de garantías é parte da actual dirección e no comité electoral os críticos son maioría.
A comisión de garantías anunciara daquela o encargo dunha "auditoría" para aclarar o acontecido. O resultado dese informe, anunciou este luns, foi a verificación de " catro entradas de persoas non autorizadas" ao censo, dúas das cales "pertencen ao comité electoral". Segundo Gonzalo Rodríguez, responsable legal do censo, "non se puido verificar se estas persoas modificaron o censo", pero si que consultaron "algunhas fichas e algún DNI". O propio Rodríguez anunciou este mércores que a dirección vén de optar por denunciar o acontecido ante a Fiscalía por consideralo "inaceptable" do punto de vista "ético, político e legal".
"O que tratamos de facer é ser moi escrupulosos coas normas internas" e tamén coas "normas externas", sinalou Rodríguez en referencia á lexislación en materia de protección de datos. Por iso, afirma, "non accedemos sen autorización a datos confidenciais de ninguén", conduta que, subliña, pode ser constitutiva de delito. Neste sentido, o membro da coordinadora de En Marea lembra un precedente semellante nas primarias de Podemos na localidade madrileña de Leganés, o pasado outubro.
'Entre todas' ve á coordinadora "xuíz e parte"
A visión do acontecido e da propia parálise das eleccións é diferente no seo da lista Entre todas. "Non se presentou ningunha auditoría" porque "nin como candidatura nin o conxunto das inscritas de En Marea puidemos coñecer os informes", afirma Bruzos, quen asegura ademais descoñecer os "criterios" exactos desas pescudas. Para o sector crítico coa actual dirección estas decisións "son un pano de fume" para "tapar o único feito relevante: que se está impedindo que as inscritas e inscritos teñan voz e voto en En Marea; non se coida da casa de todos, cóidase dos intereses duns poucos que temen perder a súa posición de poder", acusan.
Os membros sinalados do comité electoral negan "irregularidades" e 'Entre todas' di temer que "as votacións non cheguen a producirse"
A xuízo de Bruzos, tras os feitos das últimas semanas "a posición de Luís Villares está gravemente comprometida en termos de imparcialidade e neutralidade" porque "non se pode separar a intervención" de Rodríguez do actual voceiro. "Tememos que o que está facendo a actual coordinadora sexa demorar os tempos e demorar cada vez máis as votacións para que non se cheguen a producir", asegura Bruzos, quen afirma que un escenario no que non chegasen a votar si propiciaría a ruptura da formación. A coordinadora, ao seu xuízo, "actúa como denunciante, testemuña, fiscal e xuíz" porque "esixe dimisións" pero "evade as súas responsabilidades".
Sobre a cuestión específica dos accesos ao censo dende o comité electoral rexeitan as acusacións de accesos irregulares. Ben ao contrario, argumentan, o regulamento do proceso permítelles acceder a eses datos. Do seu punto de vista, a documentación de confidencialidade asinada por tres membros deste órgano é unha autorización "de facto" para consultar o censo. Non existiu, reiteran, "ningunha irregularidade".
Na súa comparecencia ante os medios Rodríguez negou que existise esa autorización para un acceso "ilimitado" ao censo. "Non respectaron o regulamento, nin a lei de protección de datos nin o mandato para para a preservación dos datos" del mesmo como responsable do ficheiro, asegura.
Incógnita sobre a data da votación
Neste contexto, a data para retomar as votacións segue a ser unha incógnita despois de que, nos últimos días, voces internas da formación apuntasen á vindeira fin de semana como horizonte para retomar o proceso. Segundo Gonzalo Rodríguez, esa posibilidade aínda non está desbotada, se ben a data da votación non será fixada ata que non existan "as máximas garantías" mediante "medidas adicionais de seguridade".
Voces internas da formación lamentan a imaxe que En Marea está a proxectar cara á cidadanía con este conflito
Mentres, dende entre todas manteñen que os movementos da coordinadora sen encamiñan a "dilatar" o proceso. Na candidatura que lidera Bruzos obsérvase no envío á Fiscalía un intento de prolongar os prazos antes das votacións que, cren, poderían non celebrarse antes do remate deste ano.
Ao tempo, outras voces internas da formación lamentan a imaxe que En Marea está a proxectar cara á cidadanía con este conflito. Os enfrontamentos están a capitalizar as mensaxes públicas da formación nunha semana na que, por exemplo, o debate político galego está marcado polas protestas de persoal da sanidade pública.