O 28 de febreiro de 2009 celebrouse unha xuntanza de destacados dirixentes do PSdeG da que saíu un acordo. Se, como apuntaban algunhas enquisas, nas eleccións do día seguinte o PP de Alberto Núñez Feijóo lograba a maioría absoluta no Parlamento de Galicia no seu primeiro intento, quen en 2005 remudara a Manuel Fraga na presidencia da Xunta, o socialista Emilio Pérez Touriño, sería substituído de inmediato como secretario xeral do partido. O seu lugar ocuparíao Pachi Vázquez, barón ourensán da formación e conselleiro de Medio Ambiente no Goberno de coalición de PSdeG e BNG.
Pachi Vázquez, que remudou a Touriño como líder do PSdeG un mes despois da perda do Goberno, vén de anunciar a súa marcha do partido
O augurio demoscópico cumpriuse e o guión marcado naquela xuntanza de dirixentes do PSOE e do PSdeG, tamén. Touriño, quen dende 1998 dera fiado non sen esforzo o máis semellante ao ansiado proxecto en clave galega do partido, dimitiu do liderado ao día seguinte dos comicios. Apenas mes e medio despois, o 25 de abril, Vázquez ascendeu á secretaría xeral nun Congreso Nacional extraordinario sen rivais.
Vázquez, que revalidou o liderado por 33 votos tres anos despois, anunciou hai poucos días a súa baixa como militante socialista. Tras fracasar nos intentos por ser candidato á alcaldía de Ourense en 2014 e líder do partido na provincia en 2017 marchou cargando contra os actuais dirixentes e negando os ruxerruxes que o situaban na órbita de Ciudadanos.
O ex-conselleiro e antigo alcalde do Carballiño pechou así un círculo que ben podería servir como metáfora das feridas abertas na esquerda galega da última década. Dende aquela primeira maioría absoluta do PP de Feijóo non houbo ningún momento de dificultades para o PP que non cadrase cunha crise interna nunha ou varias das formacións da esquerda.
Dende a primeira maioría absoluta de Feijóo non houbo ningún momento de dificultades para o PP que non cadrase cunha ou varias crises internas da esquerda
Así, por exemplo, os conflitos internos dos tempos de Vázquez como secretario xeral levaran en 2012 a Feijóo a adiantar as eleccións galegas que tocaría celebrar en marzo de 2013. Nas filas populares popularizouse a chanza “salvar ao soldado Pachi”; tratábase de ir ás urnas antes de que ao PSdeG lle dese tempo a celebrar primarias e así sucedeu.
Escisións no BNG e en AGE
Poucos meses antes do adianto electoral de 2012, a finais de xaneiro, os enfrontamentos acumulados no seo do BNG, organización que construíra boa parte do seu potencial político aglutinando múltiplas forzas do nacionalismo galego, implosionaba nunha Asemblea Nacional dramática. O Mercado Nacional de Gando de Amio, en Santiago, foi o escenario do choque definitivo que poucas semanas despois derivaría na escisión do Bloque, con marchas como a do sector liderado por Xosé Manuel Beiras, o Encontro Irmandiño. O BNG iniciaba así todo un calvario político mentres, pouco despois, o grupo de Beiras e outras pequenas formacións soberanistas alleas ao Bloque constituían Anova.
Mentres os gobernos de Feijóo e Rajoy aplicaban recortes a esquerda galega deconstruíase ou procuraba reconstruírase
Mentres os gobernos de Feijóo e Mariano Rajoy aplicaban os seus primeiros paquetes de recortes sociais a esquerda galega deconstruíase ou procuraba reconstruírse. Ás eleccións adiantadas por Feijóo a Anova acabada de nacer concorreu coaligada con Esquerda Unida e formacións con menor implantación. Nacía a Alternativa Galega de Esquerda (AGE), cun daquela descoñecido Pablo Iglesias entre os seus asesores de campaña. Os seus nove escanos foron a gran sorpresa da noite electoral que serviu a Feijóo para alargar a maioría absoluta malia perder votos.
Pero aquel fulgurante e novidoso fenómeno electoral non tardou en transitar polos vieiros tradicionais do enfrontamento intestino. O grupo de AGE rematou a lexislatura escindido en tres sectores malia servir en boa medida, polo camiño, como xermolo das despois exitosas mareas municipais.
Do éxito das mareas á crise de En Marea
As mareas, precisamente, foron observadas durante algo máis dun ano como unha vía posible para desbancar o PP do poder da Xunta. Os éxitos destas confluencias de esquerda nas municipais de 2015, con alcaldías como A Coruña, Santiago e Ferrol –ademais de varias vilas-- e o mantemento do poder de PSdeG e BNG en varios dos seus feudos bosquexaron as que poderían ser as bases dunha eventual alianza da esquerda a tres bandas fronte a un PP en horas baixas, enfraquecido polos recortes da crise e os casos de corrupción. Mesmo os populares chegaron a temer polo poder.
Pero a expectativa durou menos de medio ano e esvaeceu nos axitados meses que transcorreron entre as eleccións xerais de decembro de 2015 e as repetidas en xuño do ano seguinte. Anova, Podemos e Esquerda Unida concorreran a ambas como En Marea, coalición que, con 400.000 votos o 20-D, logrou o sorpasso ao PSOE e tornou en segunda forza política galega medrando en caladoiros electorais dos socialistas e tamén do BNG, que quedou sen representación no Congreso.
Entre as primeiras e as segundas xerais as costuras de En Marea comezaron a tensar con debates sobre liderados, organización e xeito de concorrer ás eleccións galegas
Entre as primeiras e as segundas xerais, nas que En Marea perdeu un escano e a segunda posición, as costuras da poliédrica alianza comezaron a tensar con debates a respecto de liderados, modelo organizativo e xeito de concorrer ás eleccións galegas de 2016. Para a candidatura nesa cita soaba con forza un nome, o de Luís Villares, maxistrado progresista e un dos referenes de Xuíces para a Democracia en Galicia, abertamente galeguista e coñecido polas súas reflexións académicas a respecto da lingua galega e os dereitos sociais.
Os contactos con Villares cristalizaron de vez en agosto, apenas mes e medio antes da cita electoral, aos que En Marea se ía presentar como “partido instrumental”. O proceso de conformación de listas foi apenas un petisco do que estaba por vir. A integración de Podemos foi especialmente conflitiva e non foi resolta literalmente ata última hora coa intervención directa de Pablo Iglesias, cuxas intervencións centrais naquela campaña, de precaria estrutura, ficaran eclipsadas polo seu daquela aberto enfrontamento co sector liderado por Íñigo Errejón.
Máis dun ano de interinidade no PSdeG
A campaña de En Marea en 2016 foi precaria, pero a do PSdeG non o foi menos. Os socialistas víranse obrigados a cambiar de líder en marzo daquel ano, cando a xuíza de Lugo Pilar de Lara imputou por partida dobre ao seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, por asuntos vinculados á súa etapa de concelleiro en Lugo xusto cando ía dar o salto definitivo á política autonómica e lanzar a súa candidatura á Xunta.
En ausencia de Besteiro, que aínda agarda en 2018 pola resolución daqueles casos, o PSdeG quedou nas mans dunha xestora e elixiu a candidatura á Xunta nunhas primarias que volveron amosar á opinión pública as múltiplas formas de pelexar entre compañeiros de partido. O vencedor do proceso foi Xoaquín Fernández Leiceaga, que tras unha campaña con máis vontade que medios deu empatado a 14 escanos con En Marea malia quedar por tras en votos. Feijóo logrou sen problemas a súa terceira maioría absoluta consecutiva mentres na oposición só se recolocaban as pezas.
‘Efecto Pontón’, sorpresa Caballero e guerra total de En Marea
Entre a militancia do BNG cundiu a sensación de que Pontón e a xeración de dirixentes que a acompañan deran sacado o barco das rochas
Paradoxalmente, a maior satisfacción relativa da noite electoral galega de 2016 foi na formación que acadou menor representación parlamentaria, o BNG. Tras os anos máis duros da súa historia e un breve período co economista Xavier Vence á fronte a formación soberanista elixira como líder a Ana Pontón, deputada dende 2005 que tivo que enfrontarse a un panorama demoscópico que situaba o Bloque ao bordo da desaparición parlamentaria.
O bo papel de Pontón no debate central da campaña –un inédito encontro a cinco bandas na TVG- deu azos á militancia do BNG, que ao partir dunhas baixísimas expectativas electorais leu con alivio, mesmo con ledicia, os 6 escanos obtidos, un menos que en 2012 e seis menos que en 2009. Pontón e a, en boa medida, nova xeración de dirixentes que a acompañan deran sacado o barco das rochas tras o duro tránsito do anterior ciclo electoral.
Pero, outra volta, a calma nunca chega a todas as pólas da esquerda galega ao mesmo tempo. Co Bloque en augas calmas, os sucesivos pasos de En Marea para organizarse internamente foron acompañados de cadansúas tempestades que deron lugar a dous bloques internos con xeometrías variables. Non tardou en falarse de ‘villarismo’ e sector crítico e o consenso entre a dirección encabezada por Villares e grupos como Podemos, EU, parte de Anova e algunhas das principais mareas foi practicamente inexistente.
Caballero, coñecido durante anos como militante crítico, gañou as primarias e xa traballa no seu perfil de candidato do PSdeG
Mentres Villares procuraba reivindicar o liderado da oposición outorgado polas urnas, no PSdeG procuraban poñer fin ao baleiro de poder. No ronsel do regreso de Pedro Sánchez nas primarias de 2017 deu en vencer entre a militancia o vigués Gonzalo Caballero, coñecido durante anos polo seu perfil de militante crítico en Vigo, onde mantivo abertos desacordos co alcalde e líder local, o seu tío, Abel Caballero.
Non sen tensións internas Caballero apostou por facer coincidir as primarias municipais coas autonómicas. Aínda que as eleccións galegas non están previstas ata 2020, en novembro de 2018 logrou sen rivais ser elixido aspirante socialista á Xunta e traballa xa na construción do seu perfil de candidato. O seu modelo é, en boa medida, o que a finais dos 90 comezou a tecer Touriño.
PSdeG e BNG teñen, daquela e agás sorpresa, despexados os seus procesos internos cara ás eleccións de 2020, que estarán inevitablemente condicionadas polo convulso panorama estatal e polos resultados municipais, proba transcendental para as mareas. A proximidade das municipais, precisamente, é un dos elementos aludidos polas poucas voces que, no seo de En Marea, reclaman acalmar a guerra aberta que a formación vive nas últimas semanas.
As eleccións internas de En Marea derivaron en acusacións de fraude
As eleccións internas que se presentaban como probable batalla definitiva entre os dous sectores de En Marea na primeira fin de semana de decembro deron un xiro inesperado ás poucas horas de comezar. A comisión de garantías, dependente da actual dirección, anunciou a suspensión do proceso tras alertar de que detectara accesos irregulares ao censo por parte do comité electoral, con maioría do sector crítico como resultado das votacións do plenario da formación.
A medio ano das municipais os de Feijóo volven atopar outra ferida na esquerda pola que pasear
A candidatura de Villares (Coidando a Casa) e a lista dos críticos (Entre Todas, encabezada polo ex-deputado David Bruzos) non tardaron en intercambiar acusacións máis ou menos abertas de fraude e esta semana o responsable legal do censo, membro da dirección, anunciaba o envío do acontecido á Fiscalía ao considerar que puido existir un delito contra a lexislación en materia de protección de datos. O proceso retomarase en canto haxa “garantías”, sinala a coordinadora, mentres que a candidatura crítica nega irregularidades e di temer que a única intención sexa a de dilatar as votacións todo o posible. Unha xuntanza do Consello das Mareas á que o sector crítico declinou asistir abordou os detalles este sábado e, outra volta entre acusacións mutuas, o horizonte da votación sitúase nos derradeiros días do ano. A coordinadora anunciou cambios nos controis do proceso para ter maior seguridade.
A medio ano das municipais os de Feijóo volven atopar, con indisimulada satisfacción, outra ferida na esquerda pola que pasear. Outro camiño no que os méritos propios se reflicten nos espellos cóncavos dos enfrontamentos alleos.