O BNG reelixe a Ana Pontón nunha asemblea de celebración e concordia interna

Vista xeral do plenario da asemblea do BNG CC-BY-NC-SA BNG

"Precisabamos unha asemblea coma esta". Un veterano dirixente do BNG resumía así este domingo, nun receso da décimo sexta Asemblea Nacional da formacion, un sentimento que foi reiterado en numerosas ocasións durante toda a fin de semana polos corredores do Palexco da Coruña. Un ano despois da anterior cita asemblear, que pretendeu ser balsámica no medio da maior crise interna, organizativa e electoral da historia do Bloque, a militancia da organización nacionalista volveuse reunir nun clima reconstituínte. Coa nave fóra das rochas o conclave avalou por máis do 98% dos votos a dirección encabezada por Ana Pontón, de novo ao temón dun "barco renovado e navegando".

Cunha Executiva Nacional na que a media de idade tende a descender Pontón foi aclamada polo plenario de maior concordia de, cando menos, a última década da historia da organización frontista, definida de agora en diante estatutariamente como "movemento socio-político". As dificultades internas da dirección en 2006, a abrupta saída da Xunta, en 2009, a traumática fractura de 2012, as tensións de 2013 e a "desorientación e deriva con risco de afundir" de 2015 deixaron paso desta volta a uns debates sen apenas tensión, un aval superior ao 95% para todos os documentos e a proclamación dun BNG "nin morto nin enterrado", senón "vivo e forte", en verbas de Pontón.

Ana Pontón: "Pode haber quen pense que os cambios son pequenos, pero teñen grande alcance e profundidade"

"Pode haber quen pense que os cambios son pequenos, pero en realidade teñen un grande alcance e profundidade", asegurou a tamén portavoz parlamentaria tras ser referendada no liderado. O proceso de debate interno, asegura a nacionalista, tivo no Bloque un aquel de "efecto bolboreta" que agora "queremos crear na política galega", presentándose como "unha organización sólida, con capacidade para responder ás arelas" dunha "sociedade que reclama certezas, rumbo claro e unidade".

Fronte a quen "propoñían que nos retirásemos aos cuarteis de inverno" agora, asegura Pontón, o Bloque volver se quen de formular "ideas claras, propostas ben definidas" e non debe "autolimitarse", porque "a inmensa maioría da sociedade pode ser receptiva ás nosas propostas". Proba disto, sinala, é que "as forzas españolas descobren como grandes novidades o que os gobernos do BNG levan facendo durante décadas". "É Galiza -agrega- quen pode salvar a Galiza".

A reelixida portavoz nacional anima a aspirar a "un país gobernado polo BNG", que "aprendeu dos seus erros"

Neste contexto, Ana Pontón formula tamén un horizonte para o Bloque que as circunstancias internas obrigaran a deixar nun segundo plano nos últimos anos: gobernar. "Merecemos gobernos decentes, que non mintan e non enganen que non traizoen os intereses do país", asegura. Así, "fronte á dereitona antigalega", pero tamén diante dun "rupturismo" no que "non acabo de ver que hai de novo en defender a OTAN e o patriotismo español", di, a aspiración do Bloque é "un goberno ao servizo da nosa xente", isto é, "un país gobernado polo BNG, cun goberno nacionalista". Porque "os galegos e galegas somos mellores ca eles, merecemos algo máis que os goberos que temos".

O discurso da reelixida portavoz nacional pechou unha asemblea na que algo máis de 150 das 296 emendas aos textos políticos que chegaron ao plenario foron aprobadas. O convencemento no seo da nova Executiva é que o Bloque afronta, por primeira vez en anos, un período que non é de transición. "Para alegría de moitas e desgusto duns poucos" o BNG "aprendeu dos seus erros", asegurou Ana Pontón nun acto de clausura no que a nova dirección rematou compartindo o escenario con membros da primeira, a que hai 35 anos fundou o Bloque no frontón de Riazor.

Pontón, durante unha das votacións da asemblea CC-BY-NC-SA BNG
Acto de clausura da asemblea nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.