O candidato do PP chegaba ao debate da CRTVG con pouco que gañar e algúns aspectos nos que, potencialmente, poder perder. A opción electoral de Alberto Núñez Feijóo vai en cabeza nas enquisas, leva semanas a esgrimir os seus dous mandatos como garantía de goberno estable e concorría a un encontro televisivo ante tres forzas políticas coa intención declarada de desbancalo e con só unha, Ciudadanos, abertamente disposta a sostelo no poder se a aritmética parlamentaria así o dispón.
Aos poucos minutos de iniciarse o debate o aspirante á reelección puido dar por feito que o partido laranxa non ía ser un problema. Si o foron o resto de opcións que, con todo, só deron crispado o popular no bloque dedicado á loita contra a corrupción mentres, ao tempo, puñan o acento en presentárense como alternativas ao Executivo da dereita.
O ritmo dos candidatos foi dispar. O socialista Xoaquín Fernández Leiceaga comezou cómodo nun debate encetado pola que é a súa área profesional, a economía. Como o candidato socialista, tamén a cabeza de cartel do BNG, Ana Pontón, fixo valer a súa bagaxe parlamentaria dende os primeiros minutos con intervencións tan medidas como contundentes.
O aspirante de En Marea, Luís Villares, iniciou o tirapuxa dialécto con tensión, que foi abandonando paulatinamente ata amosar máis soltura no derradeiro bloque, o de rexeneración democrática, no que instou a Feijóo, sen obter resposta, a ofrecer explicacións sobre casos como a imputación de José Manuel Baltar ou o presunto financiamento irregular da sede central do PP. Antes, Pontón xa evocara as polémicas fotografías con Marcial Dorado. Máis cauto coa cuestión foi Leiceaga.
PP, PSdeG, BNG e En Marea protagonizan un debate inédito nos medios públicos no que Ciudadanos estivo practicamente ausente. En xogo, un 35% de electorado indeciso
A non conclusa comisión de investigación das caixas, a evolución de indicadores como o desemprego, a emigración ou as listas de espera sanitarias, as medidas para recuperar o emprego público perdido durante a crise económica ou a identidade e autogoberno do país foron algúns dos principais puntos de discrepancia nos que só unha das participantes, Cristina Losada, centrou as súas intervencións na esfera da política estatal, conectando de novo con Galicia cun "boas noites" tras empregar o castelán no conxunto do debate.
Un bloque temático non previsto, pero posto sobre a mesa por Feijóo e recollido polos moderadores, os posibles pactos postelectorais, serviu para que PSdeG, En Marea e BNG se amosasen dispostos a tecer unha alianza se a composición da nova Cámara así o permitise. O primeiro paso para conseguíreno sería convencer o 35% do electorado que, segundo o CIS, ten decidido participar nas eleccións pero non ve claro a quen apoiar.
Feijóo e o PP saen vivos alén da crispación polos asuntos espiñentos. A esquerda fai reconto de acertos e erros nun debate tras o que Leiceaga, Pontón e Villares declararon confianza na mudanza de ciclo e satisfacción polo papel realizado, se ben tras o primeiro impacto eran as contornas do Bloque e dos socialistas, por esta orde, as que amosaban maior entusiasmo polo visto. Ciudadanos xogou noutra liga. Restan once días de campaña.