As incógnitas sobre as eleccións galegas que, agás adianto, se celebrarán no ano 2020, son practicamente absolutas. Os interrogantes pairan en canto á data, pero tamén no que atinxe aos nomes das persoas designadas polas formacións políticas para, no caso de teren apoio parlamentario dabondo, seren candidatas á presidencia da Xunta. Agás sorpresa, ficará despexada no PSdeG, onde o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, está a piques de ser proclamado candidato ao non compareceren máis rivais ás primarias fixadas para o 18 de novembro, en virtude do candidato fixado pola propia Executiva Nacional dos socialistas galegos.
A Comisión Nacional de Garantías do PSdeG constatou este 16 de outubro, día fixado como límite para a presentación de candidaturas, que a única rexistrada foi a de Gonzalo Caballero. Foi así designado como precandidato e, aínda que non vaia ter que medirse con ninguén nas urnas o 18 de novembro, aínda debe completar un trámite máis: xuntar 194 avais de militantes -o 2% da militancia do partido en Galicia- ata finais de mes. O 30 de outubro eses apoios serán verificados e o 3 de novembro sería proclamado candidato do PSdeG á presidencia da Xunta.
Ao non concorreren máis candidaturas Caballero será proclamado como aspirante á Xunta o 3 de novembro
A condición interna de candidato á xefatura do Goberno galego implica que Caballero ten que ser parte das listas electorais do partido para as vindeiras eleccións ao Parlamento galego. No entanto, o propio secretario xeral admitiu que a súa vontade é a de sentar na Cámara galega nesta lexislatura. Para facelo tería que ceder o seu posto no lexislativo un dos catro representantes socialistas elixidos pola provincia de Pontevedra en 2016 -Abel Losada, Patricia Vilán, Julio Torrado ou María Pierres-, o que propiciaría a entrada de Caballero, que ocupara o quinto posto naquela candidatura.
A elección da candidatura á presidencia non tiña marxes tan amplas no PSdeG dende os tempos de Touriño
A actual dirección do PSdeG culmina así un proceso de designación de candidatura á Xunta que non contou con marxes tan amplas dende os tempos do ex-presidente Emilio Pérez Touriño. Non en van, en 2012 -antes da instauración do vixente modelo de primarias- Pachi Vázquez foi elixido apresuradamente por aclamación no Comite Nacional do partido en virtude dos tempos marcados polo adianto electoral que decidira Alberto Núñez Feijóo e en 2016 Xoaquín Fernández Leiceaga logrou impoñerse a José Luis Méndez Romeu nunhas primarias celebradas apenas catro meses antes dos comicios e marcadas pola ausencia de dirección do partido. Para vencer fora clave o apoio, precisamente, de Gonzalo Caballero.
A Coruña, Ferrol, Santiago, Ourense e Pontevedra manteñen a incógnita sobre se haberá votación o 18 de novembro para as candidaturas á alcaldía
Segundo o guión que manexa a actual dirección socialista Caballero disporía de máis dun ano para presentarse ao país como candidato do PSdeG. Terá, no entanto, que franquear varias barreiras electorais, algunhas especialmente complexas como as próximas eleccións municipais. Tamén a das seguintes xerais, de data incerta e tras as que unha eventual permanencia de Pedro Sánchez na presidencia do Goberno de España impulsaría, a xuízo do PSdeG, a candidatura de Caballero.
O municipal, precisamente, é o outro escenario que se dilucidará o 18 de novembro nas cidades galegas e vilas de máis de 20.000 habitantes onde máis dunha persoa queira optar á candidatura á alcaldía. Á espera do peche do prazo, o vindeiro día 25, en Vigo e Lugo dáse por seguro que Abel Caballero e Lara Méndez seguirán o mesmo rumbo que Gonzalo Caballero en Galicia e non precisarán medirse con ninguén nas urnas. A incerteza segue polo momento na Coruña, onde José Manuel García Pérez xa manifestou a súa vontade de ser candidato, e tamén en Santiago, onde fixo o propio Gumersindo Guinarte mentres moitas olladas se pousan no antigo rexedor Xosé Sánchez Bugallo. En Ferrol Ángel Mato tamén avanzou que quere optar ao cartel electoral, en Pontevedra Tino Fernández fixo o propio e en Ourense resta saber se o actual voceiro, José Ángel Vázquez Barquero, quererá ou non recuncar.