0 Gardados para despois

O PSdeG lanza as primarias para as alcaldías urbanas e a Xunta porque "o escenario é imprevisible"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"O escenario electoral galego é imprevisible". É a análise que realiza o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para activar un proceso interno inédito. A proposta da dirección socialista elixida hai un ano é que o 18 de novembro sexa unha caste de superdomingo electoral no que a militancia vote as candidaturas ás alcaldías dos concellos de máis de 20.000 habitantes e tamén o nome da persoa á que o partido presentará como aspirante á presidencia da Xunta.

Segundo Caballero, no seo da formación non se "desbota ningún escenario" electoral e por iso a Executiva Nacional do PSdeG deu luz verde a un calendario que, así e todo, agora ten que ser referendado pola dirección federal do PSOE, coa que o secretario xeral di estar en "contacto continuo" para pechar as condicións do proceso. O plan sería celebrar as votacións o 18 de novembro e, onde cumpra, a segunda volta unha semana despois, o día 25 -escenario que se activa, segundo os novos estatutos socialistas, cando ninguén obtén máis da metade dos votos-.

A contorna de Gonzalo Caballero dá por seguro que optará o 18 de novembro á candidatura á presidencia do Goberno galego

Aínda que esta coincidencia suscitou suspicacias nalgunhas das direccións provinciais do PSdeG, para o secretario xeral cómpre despexar o panorama interno canto antes. "Gústanme as primarias, que fale a militancia de base" e que o faga con tempo dabondo. Dende a contorna do líder socialista sublíñase a necesidade de evitar procedementos apresurados como as primarias para as eleccións galegas de 2016, cando  Xoaquín Fernández Leiceaga foi elixido candidato apenas catro meses antes dos comicios nun convulso escenario estatal, marcado pola repetición das xerais ao mes seguinte.

No que atinxe ás candidaturas urbanas as únicas certezas semellan ser, de momento, as das cidades con alcaldía do PSdeG, Vigo e Lugo

"É o momento de termos un referente claro" que "traballe co escenario de propiciar o cambio de ciclo en Galicia" porque o partido "está preparado para a remuda de Feijóo" e o Goberno do PP, "esgotado", cre Caballero. O socialista non desvela, de momento, o que boa parte da dirección do partido dá por feito, que el mesmo aspirará á candidatura á Xunta. Se fose o único aspirante non tería que celebrarse a votación. Neste contexto está a reavivarse nas últimas semanas a posibilidade de que Caballero acceda ao Parlamento para poñerse á fronte do Grupo Socialista, para o cal sería necesaria a dimisión dalgúns dos membros do grupo elixidos pola provincia de Pontevedra en 2016.

No que atinxe ás candidaturas urbanas as únicas certezas semellan ser, de momento, as das cidades con alcaldía do PSdeG, Vigo e Lugo, onde con toda probabilidade Abel Caballero e Lara Méndez serán carteis electorais. No capítulo das incógnitas están polo momento A Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense e Pontevedra, aínda que nalgunhas destas cidades xa comezaron a agromar nomes para as primarias municipais. Xunto ás sete principais cidades tamén se elixirán, segundo o plan formulado por Caballero, as candidaturas socialistas á alcaldías de relevantes vilas como Narón, Vilagarcía, Oleiros, Arteixo, Carballo, Ames, Culleredo, Redondela, Ribeira, Cangas, Marín, Cambre, Ponteareas, A Estrada ou Lalín.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.