0 Gardados para despois

Gonzalo Caballero: "O PSdeG é unha forza de esquerda e traballará con outras forzas para que a dereita deixe de gobernar a Xunta"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975) leva apenas medio ano á fronte da secretaría xeral do PSdeG á que chegou tras un proceso de primarias e Congreso Nacional que puxeron fin a un prolongado período de interinidade na dirección do partido. Unha vez superadas as renovacións dos órganos provinciais Caballero activou xa algúns dos seus primeiros proxectos, como o impulso dunha fundación que actúe como "laboratorio de ideas do cambio" en Galicia. Un eventual "cambio" que desbanque o PP do poder "ten que ser compartido" con outras forzas aliadas nunha "gran coalición social de progreso" que sexa quen de atraer á "maioría social que sabe que Galicia non vai ben". Considera, non obstante, que "se o PSdeG non é quen de liderar ese proceso, a historia galega amosa que non se dá producido".

Tras unha vitoria inesperada nalgúns ámbitos e uns primeiros meses marcados polos procesos internos, como avalía a saúde interna do partido?

Despois destes meses teño unha impresión positiva do traballo que está facendo na organización. O partido viña de dous anos sen unha dirección política regular, estaban dirixido por unha xestora, e isto fixo perder á organización moito engraxe. A impresión que teño é que neste tempo estamos traballando de forma intensa, sen présa pero sen pausa, recuperando a normalidade da organización, tentando fortalecer a existencia dunha posición do PSdeG e dunha dirección galega do PSdeG que está articulando os cimentos dun proxecto político para Galicia, e ademais creo que lle estamos dando presenza á organización na sociedade galega. Non atopei ningunha sorpresa nin nada que eu non puidese esperar. 

Marcouse varias prioridades internas, a obrigada polos estatutos renovación provincial pero tamén a recuperación das estruturas comarcais. Pasados os congresos provinciais, nos que non todas as direccións se poden considerar afíns a vostede, mantén ese plan de recuperar a estrutura comarcal? É compatible coas provinciais non tan proclives a vostede?

"Eu fun dos que trasladei as miñas dúbidas de se o modelo provincial era axeitado para o PSdeG porque podía debilitarnos"

O PSdeG tiña unha estrutura en bisbarras en Galicia que se modificou na etapa do Goberno Zapatero. Eu fun dos que no Comité Nacional do partido trasladei as miñas dúbidas de se era axeitado porque unha vez que se producise ese cambio que podía debilitarnos, volver á estrutura tradicional ía ser máis difícil. Especificamente porque a estrutura do PSOE a nivel do Estado é en provincias na maior parte dos lugares, e a excepción estaba fundamentalmente no PSC en Valencia e en Galicia. Hai moitas agrupacións e militantes que teñen a impresión de que a estrutura de comarcas é máis próxima e pode funcionar mellor. Nós fixemos un cambio moi importante no Congreso Nacional galego que foi incorporar nos estatutos a recuperación da estrutura de comarcas. Nas distintas zonas de Galicia existe neste momento algún tipo de mecanismo comarcal que se está a poñer en funcionamento a través das estruturas provinciais, pero en todo caso queda por desenvolver unha articulación normativa. Eu creo que o PSdeG recuperará forza e espazo na medida en que poida desenvolver estruturas comarcais fortes, pegadas ao territorio e adecuadas á diversidade social que ten Galicia.

A bicefalia neste período sen comicios inminentes pode ser positiva porque permítelles a Leiceaga e a vostede espallarse en máis actos polo territorio. Pero pode manterse cando se acheguen períodos electorais ou o secretario xeral ten que adquirir unha prevalencia maior?

"Non teño maior urxencia por entrar en ningunha institución, pero tampouco descarto que nalgún momento o secretario xeral teña que ocupar tamén algunha responsabilidade institucional"

O partido ten unha estrutura orgánica que lidera o PSdeG. Eu como secretario xeral non podo senón recoñecer a complicidade e o apoio que está dando o portavoz parlamentario e presidente. O PSdeG necesita todos os apoios posibles para estar presente sobre o territorio. Eu cando gañei o congreso dixen que ía manter a miña dedicación á universidade polo menos nunha primeira etapa, estou cumprindo a miña palabra, eu teño o meu traballo, o meu salario e a miña dedicación na Universidade de Vigo como profesor de Económicas. E o certo é que o portavoz parlamentario está traballando ben, arreo, seguindo as instrucións da dirección galega da que el mesmo é presidente. É unha peza fundamental na estrutura que temos actualmente non estando eu no Parlamento galego para que o proxecto que estamos desenvolvendo se estea a aplicar con normalidade.

Vese entrando no Parlamento a medio prazo?

A política cambia moito, e neste momento é moi volátil. Tentar facer previsións a medio prazo ás veces resulta moi complexo. Eu quero ser coherente e transparente. O que trasladei foi que ía manter a miña dedicación á universidade durante algún tempo e estouno facendo. Non teño maior urxencia por entrar en ningunha institución, pero tampouco descarto que nalgún momento o secretario xeral teña que ocupar tamén algunha responsabilidade institucional que neste momento nin está previsto cal, nin cando, nin como. Hai moito traballo por facer. 

Refírese reiteradamente á necesidade de tecer alternativas. Alén da aspiración de liderar a esquerda, ve o PSdeG proclive ao acordo cun ámbito da esquerda que é máis plural do que podía ser hai dez anos?

Nós somos unha forza de esquerda, con capacidade de diálogo na esquerda e con capacidade de goberno desde a esquerda. O PSdeG é un elemento estrutural da política galega para construír cambios políticos e gobernos de esquerda. A nosa folla de ruta ten que estar centrada no proxecto para Galicia, e cando toquen as distintas convocatorias electorais falaremos das estratexias de acordos que poida haber con outras forzas. Pero non queremos entrar no exercicio de confusión que a dereita quere facer intentando debilitar ou poñer os eixos de referencia do debate político no que agora non está vixente. O que temos que ter claro é que o PP fracasa cos seus gobernos e non permite unhas políticas que favorezan a igualdade, a solidariedade e o impulso económico das zonas con maior dificultade. O PSOE ten que confrontar co PP para conseguir un proxecto de cambio para Galicia e para os concellos.

O PP en 2015, pode que como globo sonda, dixo que se o PSdeG quixera non gobernarían as mareas nas cidades ou o BNG. Mesmo a nivel mediático se falou dunha gran coalición á alemá. Como o valora?

"O ano pasado o PSOE fixo un exercicio importante de recolocación no taboleiro político a través dunhas primarias que permitiron establecer en España con Pedro Sánchez que os socialistas non somos cómplices dos gobernos da dereita"

Eu estiven reunido con Feijóo en decembro e formulei algúns grandes temas nos cales o PSdeG estaba disposto a dialogar coa Xunta: financiamento autonómico, recuperación demográfica, política forestal, igualdade. Temos capacidade de diálogo neses temas, pero o PSdeG é a alternativa ao PP. O ano pasado o PSOE fixo un exercicio importante de recolocación no taboleiro político a través dunhas primarias que permitiron establecer en España con Pedro Sánchez que os socialistas somos a alternativa ao PP e non somos cómplices dos gobernos da dereita. A militancia socialista marcou con claridade esa folla de ruta. Estamos onde sempre estivemos, na esquerda, e dese xeito é como conseguimos ser a principal forza de esquerda en España e creo que hoxe tamén en Galicia. Temos que manter o diálogo institucional necesario co PP e recoñecer que en Galicia a dereita ten unha maioría lexítima porque lla deron as urnas, pero díxenllo a Feijóo directamente: o noso traballo é que a dereita deixe de gobernar a Xunta. De forma similar traslado aos distintos concello que o PSdeG é unha forza de esquerda que vai traballar coas forzas de esquerda para conseguir gobernos de progreso nas cidades e nas deputacións.

O Estado está nun contexto convulso, mesmo de reformulación ao fío da cuestión catalá e nese escenario Euskadi está moi presente mentres Galicia semella ausente pero xogando a outra cousa. Cal cre que debe ser o papel de Galicia nun escenario estatal que semella avanzar cara á reconfiguración territorial? 

"Feijóo está xogando á súa promoción persoal e deixa Galicia nun segundo plano; se o Estado español avanza cara a un modelo plurinacional, Galicia ten que facer valer a súa especificidade de foma análoga ao País Vasco ou Cataluña"

Feijóo está xogando á súa promoción persoal e deixa os intereses de Galicia nun segundo plano. Iso é un erro. Os socialistas cremos que se o Estado español avanza nalgún momento cara a unha reforma constitucional que tente establecer un modelo de Estado plurinacional ou  un modelo de nación de nacións, Galicia ten que facer valer a súa especificidade histórica e recoñecida constitucionalmente para estar no pelotón de saída de forma análoga a como estean o País Vasco ou Cataluña. A partir de aí, como socialistas e galeguistas, non somos nacionalistas, non estamos na idea de rachar a soberanía nacional no Estado español nin en establecer fronteiras. Temos que construír ese futuro dunha España máis plural que sexa sensible á diversidade pero que tamén sexa respectuosa cos dereitos a ter mecanismos de decisión de todos os cidadáns de España e mecanismos de solidariedade que eviten calquera tipo de desigualdade.

Cre que hai un risco de que Galicia quede fóra de posibles redefinicións? O Goberno galego pasou de tecer alianzas históricas con Cataluña ou País Vasco a facelo coa Comunidad de Madrid ou Castela e León.

Feijóo fíxolle perder peso político a Galicia en todos os escenarios. Tamén a nivel internacional, na UE ou Latinoamérica, onde está ausente. Dedicou o seu esforzo a tentar facer ver que era un bo xestor porque axustaba o déficit público pero disparou a débeda pública. Hai unha falta de capacidade política e de compromiso co autogoberno por parte de Feijóo. O escenario político é moi incerto pola cuestión catalá e polo tanto facer previsións é moi complexo. Se o presidente da Xunta está centrado na súa estratexia de promoción persoal dentro do PP de Madrid, pois evidentemente os intereses de Galicia están minusvalorados e nun segundo plano.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

"Ciudadanos en Galicia non ten proxecto, pero pode existir algunha operación conservadora para poñerlle un bastón ao PPdeG onde non obteña maiorías"

O PP recuperou a Xunta en 2009 en parte porque impuxo o seu relato sobre o do goberno bipartito. Como pode o PSdeG impoñer o seu agora?

Temos que fortalecer o partido e abrirnos moito á sociedade galega. Nesa liña temos traballo que facer, que implica falar de proxectos, de ideas, e facelo da man da sociedade civil. Para iso o noso plan de traballo incorpora facer unha fundación ou laboratorio de ideas que sexa un mecanismo de análise e propostas en positivo de cara ao futuro de Galicia. Precisamos un partido renovado e forte, cun compoñente galego e galeguista, que teña capacidade de diálogo para falar dos problemas do país. Trátase de que esas dúas canles traian a posibilidade de construír unha maioría social de progreso en Galicia que permita xerar alternancia política na Xunta, que haxa unha alternativa de esquerda. A esas dúas canles temos que darlles contido. En primeiro lugar, saber transmitir que Galicia vai a peor no económico, no social, no demográfico, e o PP non ten resposta. Temos o reto de dotar o proxecto de cambio do país dun conxunto de ideas que permita que se entenda que fronte ao fracaso do PP en Galicia hai unha alternativa de goberno que pode ser convincente e crible.

"Unha maioría social sabe que Galicia non vai ben; temos que ser capaces de construír unha alternativa convincente para todos eses galegos"

Desde logo nós estamos na esquerda e somos alternativa ao PP. Temos capacidade de diálogo co PP, pero a nosa folla de ruta é cambiar os gobernos do PP en España e en Galicia. E os votos dos socialistas estarán nesa liña de fomentar un cambio de ciclo fronte ao escenario de retroceso social que se está producindo no conxunto de España e que especialmente é preocupante nunha Galicia na cal hai menos oportunidades de futuro, o tecido industrial ten problemas graves, as políticas sociais están en retroceso e a política sanitaria do PP está a desmantelar a calidade da sanidade pública. Cremos que ese escenario económico e social é compartido pola maior parte da cidadanía, incluso dos que votan ao PP.  Hai unha maioría social en Galicia que sabe que Galicia non vai ben; e esta é unha realidade, temos que ser capaces de construír unha alternativa o suficientemente convincente e atractiva para que todos eses galegos .

Que parte de responsabilidade ten ou tivo a esquerda para que, no peor da crise, a maioría absoluta do PPdeG resistise mesmo despois de sufrir importantes golpes electorais como as europeas de 2014 ou as municipais de 2015?

É certo que o caso de Galicia é unha excepción no conxunto do Estado, o único lugar no que o PP deu mantido a maioría absoluta. Hai que pensar que dos 37 anos da autonomía galega, a dereita gobernou 30 anos e a esquerda, sete. Aquí houbo un caldo de cultivo moi importante para a dereita. Igual á esquerda en Galicia custoulle asimilar ou darlle unha resposta ao país tras perder o goberno de progreso liderado por Emilio Pérez Touriño. Despois de que por primeira vez nas urnas se permitise un goberno de esquerdas non fomos quen de reeditalo e iso deixou o PSdeG nun escenario complexo. Posiblemente, ademais, sen darlle ao ex-presidente Touriño o espazo político que aínda podía seguir desenvolvendo. Todo iso xerou un escenario que coincidiu cunha crise económica moi grande que erosionou o PSOE no Goberno do Estado, na que xurdiron novas forzas, e o PP aproveitou aquí para manter o control político.

"Despois de que por primeira vez as urnas permitisen un goberno de esquerdas en Galicia non fomos quen de reeditalo; iso deixou o PSdeG nun escenario complexo e, ademais, sen darlle ao ex-presidente Touriño o espazo que podía seguir desenvolvendo"

Tras tres maiorías absolutas da dereita, cun balance no que Galicia vai a peor, Galicia ten nos presupostos do Estado menos asignación que en calquera dos anos dos gobernos socialistas de Zapatero, incluidos os peores anos da crise, 600 millóns de euros menos que en 2011. Galicia vai a peor co goberno do PP e empezan a xurdir na sociedade galega síntomas de que hai unha certa mobilización en temas como a sanidade, as pensións ou a xustiza que paralelamente ao propio desgaste da dereita a nivel do Estado, que está nunha situación de caída electoral clara, e ademais de debilitamento político do presidente da Xunta, máis centrado na súa saída ou recolocación en Madrid, e con algúns temas que o erosionaron persoalmente, eu creo que hai marxe para construír un proxecto que dea alternativa a Galicia.

Está habendo esa erosión da dereita que di? Hai un ascenso de Ciudadanos. Que ten máis perigo agora mesmo para as aspiracións do PSdeG de volver á Xunta, o debilitamento de En Marea ou o fortalecemento de Ciudadanos?

"A burbulla laranxa vai pinchar por moito que os sectores económicos, sociais e mediáticos conservadores a fomenten para manter o control social e político"

Non creo na fiabilidade dese estado de opinión reflectido nas enquisas con Ciudadanos como principal forza política . En 2016 todas as enquisas amosaban un sorpasso, que o PSOE ía ser terceira forza política, e xa houbo algunha enquisa en 2015 que amosaba a Ciudadanos ao borde de ser a primeira forza. Creo que existe un conxunto de intereses económicos, sociais, mediáticos, que están potenciando a Ciudadanos, poñéndoo moi forte nas enquisas para que a dereita teña un bastón co que poida manter o Goberno no futuro. Iso é unha estratexia das estruturas de poder para que a dereita poida ser complementada con outra. Pola contra, o PSOE está en condicións de liderar unha alternativa de esquerda, o resultado electoral é superior ao que lle están a dar algunhas enquisas interesadas. Xa ocorreu antes de 2016. A burbulla laranxa de Ciudadanos vai pinchar por moito que os sectores económicos, sociais e mediáticos conservadores do país estean fomentando ese incremento para manter o control social e político en España. En clave galega, Ciudadanos en Galicia non ten proxecto, non ten estrutura, non ten referentes. E tamén pode existir algún tipo de operación de tratar de prolongar esa entrada para poñerlle un bastón ao PP de Galicia que non vai obter maiorías absolutas en moitos lugares. Pero Ciudadanos mantivo unha política agresiva cos intereses de Galicia con distintas cuestións e a cidadanía galega saberá valorar se se quere deixar levar polos cantos de serea que no fondo tentan manter o control da dereita, no caso galego ademais cunhas siglas que están totalmente ausentes das necesidades do país.