0 Gardados para despois

Caballero colle o testemuño de Laxe e Touriño coa aspiración de tornar o PSdeG nun "exército para o cambio"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O equipo de Gonzalo Caballero propúxose nas tres semanas transcorridas dende a súa vitoria nas primarias pola secretaría xeral do PSdeG trazar unha caste de ponte histórica dende 2009. O novo líder dos socialistas galegos aspira a recoller o simbólico testemuño político do último paso da formación polo Goberno da Xunta e traelo ata o presente, sobrevoando os mandatos dos seus dous antecesores no cargo, Pachi Vázquez e José Ramón Gómez Besteiro, quen por motivos diferentes non foron quen de asentar a sempre turbulenta vida interna do partido. No inicio do Congreso Nacional que ratificará o seu liderado Caballero quixo estar arroupado polos ex-presidentes Touriño e Laxe, que accederon a intervir ante o plenario nun xesto practicamente inédito.

Coa declaración de independencia de Catalunya e a aplicación do artigo 155 da Constitución a pairar sobre a décimo terceira cita congresual do PSdeG, Caballero presentouse ante os delegados disposto a aproveitar a que define como "oportunidade histórica" no "partido da miña vida". "Eu -reivindica- son un home de partido" e di ter a intención de "poñer o mellor de min mesmo para que o PSdeG entre nunha nova etapa electoral" convertido nun "exército para o cambio". "Somos a esquerda con capacidade de goberno e de diálogo" e para volver gobernar, asegura, fixarase no exemplo das "dúas mellores etapas da autonomía", as, lideradas por Touriño e Laxe, dixo.

Touriño chama á "unidade" interna para que "máis cedo que tarde poidamos ter un presidente socialista na Xunta"

Para quen estivo á fronte do Goberno de coalición co BNG entre 2005 e 2009 o secretario xeral electo xa "foi quen de abrir unha porta á esperanza do socialismo galego". "Sabes, Gonzalo, que no que poida serei útil; contas con todo o meu apoio e a miña lealdade", afirmou Touriño, quen insistiu especialmente na necesidade de primar a "unidade e cohesión interna" entre referencias á década na que el mesmo ostentou a secretaría xeral. Ao Partido Socialista, di o ex-presidente, correspóndelle "recuperar o valor da mellor política, a que suma e integra", e "pasar a páxina do pasado" para reconstruír un proxecto "galeguista" capaz de ser "alternativa de país". Se o logra, augura, "máis cedo que tarde poderemos ter un presidente socialista na Xunta".

Tamén Laxe manifestou o seu apoio ao novo secretario xeral entre apelacións á unidade interna. A primeira tarefa que ten por diante o conxunto da organización, sinala, é "superar a desconfianza entre nós mesmos" para poder "contar con todas as forzas posibles que aposten por unha Galicia forte". "Contas comigo", afirmou dirixíndose a Caballero.

O plenario está presidido polo avogado Pablo Arangüena, que se perfila como un dos homes fortes da nova Executiva

Con este pano de fondo e tras situar na mesa que dirixe ao Congreso a quen se perfila como un dos homes fortes da nova Executiva Nacional, o avogado Pablo Arangüena -impulsor dunha das denuncias que acabou levando á prisión aos ex-directivos de Novacaixagalicia-, Gonzalo Caballero asegura sentir unha "vertixe profunda" pola "inmensa responsabilidade" que asume. Proponse, di, "deixar atrás as cargas negativas para construír un novo ciclo político no país" para que, "como moi tarde, dentro de tres anos non só teñamos a Pedro Sánchez no Goberno de España, senón tamén un presidente da Xunta de Galicia liderando un Goberno de progreso.

A primeira xornada do Congreso Nacional céntrase no debate do relatorio político e mais no trazado definitivo dos novos órganos de dirección por parte do novo secretario xeral, cuxa aspiración para recuperar a estrutura comarcal da formación xa foi apoiada explicitamente ante o plenario polo secretario de organización do PSOE, José Luis Ábalos. O domingo o plenario votará a nova Executiva e Caballero clausurará o conclave xunto á nova dirección e acompañado por Pedro Sánchez.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.