0 Gardados para despois

"Nas caixas tapouse todo; a actuación dos directivos é só unha parte do que se fixo mal"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


El empezouno todo. O avogado coruñés Pablo Arangüena presentou en outubro de 2011 a denuncia coa que puxo en coñecemento do xulgado as polémicas prexubilacións millonarias de Novacaixagalicia. O de instrución número 2 da Coruña trasladou o caso á Audiencia Nacional, que ditou sentenza catro anos máis tarde e que vén de ordenar a entrada en prisión dos cinco ex-directivos das antigas caixas. É, xa que logo, o autor da primeira denuncia que acaba con banqueiros na cadea no Estado. Con todo, insiste na febleza das condenas ante uns feitos "tan graves" e carga contra a actuación da clase política e das institucións ante o que se estaba a producir nas entidades financeiras. Por iso, espera que a investigación continúe, no ámbito penal e fóra del, para depurar todas as responsabilidades, tamén as políticas. 

"Teño unha sensación agridoce; as penas tiñan que ter sido máis elevadas"

Que sensación lle queda logo de ser quen dese comezo ao proceso xudicial ao ver que os cinco ex-directivos acaban na cadea?

A miña sensación é moderadamente satisfactoria pola súa entrada en prisión ante uns feitos que foron tan graves, pero tamén agridoce pola febleza das condenas. Creo que a Fiscalía tiña que ter pedido penas máis elevadas e que, mesmo pedindo esta penas baixas, a Audiencia Nacional tiña que ter aplicado unha condena máis elevada. 

Cal cre que é a razón de que ingresen en prisión malia ter unha pena de dous anos?

A razón fundamental é o impago das responsabilidades civís, xunto con outros razoamentos que se dan no propio auto de ingreso en prisión. Con todo, o que detecto é certa mala conciencia tendo en conta o tirón de orellas do Tribunal Supremo. A Audiencia Nacional alude á "gravidade dos feitos" pero o lóxico é que se tivese en conta esa gravidade xa á hora de aplicar unha pena que tiña que ser máis elevada. A razón obxectiva fundamental é que non se ingresaron os cartos, que por outra banda é unha condición neste tipo de condenas. 

"Na Audiencia Nacional  houbo mala conciencia e a vontade de subsanar coa execución da sentenza un ditame moi leve"

Cre que co ingreso en prisión tamén se está a intentar ser exemplarizante?

Si, hai un intento de dar exemplo. Insisto en que creo que hai mala conciencia e unha vontade de subsanar por vía de execución da sentenza o que foi unha sentenza excesivamente leve, tal e como indicou o propio Tribunal Supremo. 

Vostede decidiu denunciar pero, se cadra, de non ser pola súa decisión, os ex-directivos non terían sido condenados sequera...

Descoñezo por completo se, no caso de non ter formulado esta denuncia, tería habido unha acción penal contra estes ex-directivos. Cónstame que houbo máis xente que presentou denuncias e que non prosperaron, pero eu non podo facer ciencia ficción. É certo que as actuacións xudiciais inciáronse a raíz da miña denuncia, pero non sei que tería pasado se eu non a presentase. O que si me chama a atención é que eu agardei un tempo máis que prudencial a presentala, esperando a ver se había algún tipo de reacción por parte dalgún xulgado, da Fiscalía ou dalgunha asociación ou acusación popular; os feitos xa estaban na prensa. Agardei pero, como ninguén movía ficha e as cousas pasaban impunemente, decidín presentar a denuncia. 

"Houbo conivencia política co que pasaba nas caixas, non foi nada edificante, pero dubido que os políticos cambien por esta decisión xudicial"

É unha personaxe pública, coñecido militante socialista... Cre que o comportamento dos políticos respecto das entidades financeiras cambiou de vez? Supón esta condena un antes e un despois?

Dubido que o comportamento dos políticos deste país vaia cambiar por unha decisión xucidial. Temos os políticos que temos... Non direi que os que nos merecemos, pero son os que temos. Dubido que isto introduza algunha mudanza na mentalidade da clase política. O que houbo foi unha conivencia en xeral da política coa situación das caixas, e non só das galegas. Foi unha actuación nada edificante por parte de cargos políticos pero tamén por parte de todos os actores sociais e institucionais que estaban presentes nos consellos de administración. 

"Hai responsabilidades políticas por depurar e cousas que chaman a atención; 9.000 millóns marcharon e ninguén respondeu a isto"

Cre que hai que continuar a investigar fóra do ámbito xudicial para determinar máis responsabilidades alén das penais?

Si, porque hai responsabilidades políticas por depurar. Ademais, hai moitas cousas que chaman moito a atención, como o feito de que o presidente da Xunta de Galicia declarase que atopou as caixas quebradas cando chegou ao Goberno. Se iso era así, non se entende como seguiron vendendo preferentes a esgalla. Por outra banda, a día de hoxe segue a ser descoñecido o informe de auditoría ou o que fose que se pagou con cartos públicos. Na miña opinión, sería escandaloso que se tivese pagado un informe con diñeiro público para avalar unha fusión que logo resultou nunha quebra da entidade que, en realidade, foi encuberta porque nunca se declarou que fose así. Os bancos nunca quebran, senón que sen rescatados, pero aquí  houbo 9.000 millóns de euros que foron polo sumidoiro. Ninguén respondeu a isto nin tivo ningún tipo de responsabilidade. 

"Os ex-directivos das caixas foron o mascarón de proa do que alí pasaba, pero só unha parte do que se fixo mal"

Non hai responsablidade política?

As responsablidades políticas están virxes, completamente virxes. Xa que logo, débese seguir investigando, sen prexuízo doutras actuacións penais que sigan adiante a partir das informacións que o FROB enviou á Audiencia Nacional ou do que faga a Fiscalía. 

Parece que pouca reacción houbo para o que se levou a cabo nas caixas...

Si, moi pouca. O que houbo foi opacidade e o que se fixo foi tapar todo, enganar a xente e non asumir responsabilidades por parte de ninguén. Estes señores foron o mascarón de proa de determinadas situacións que se produciron nas caixas, pero son só unha parte do que se fixo mal. A resposta do sistema non foi en absoluto satisfactoria. 

"O labor das institucións foi penoso, pero o da sociedade civil tampouco foi a que tivo que ser; a súa conduta non foi encomiable"

E a resposta da sociedade?

A sociedade non é que tivese unha conduta encomiable. Eu son avogado de moitos preferentistas e aprecio moito o que fixeron: a resistencia social, o ruído, a presión... Pero non hai que esquecer que se manifestaron e se mobilizaron porque lles tocaron o peto. O problema é que polo resto do peto, que foron todos eses cartos que eran de todos, a sociedade non se mobilizou igual. Cando os cartos son públicos -vía rescate, vía débeda pública ou desbalde de calquera tipo- non hai apenas reacción social, que si a hai cando tocan os cartos particulares. A sociedade consentiu antes e despois. O labor das institucións foi penoso, pero o da sociedade civil tampouco foi a que tería que ter sido. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O PSdeG da Lama denuncia trato de favor aos ex-dirixentes no cárcere

O PSdeG do Concello da Lama vén de reclamar "igual trato" para os ex-directivos de Novacaixagalicia que para o resto de presos no cárcere situado na localidade. Así llo solicitou o voceiro socialista no municipio, Enrique Vaqueiro, ao director do centro penitenciario logo do envío á cadea da Audiencia Nacional aos cinco ex-directivos das antigas caixas. 

O PSdeG pide que os ex-directivos cumpran a condena "nas mesmas condicións que calquera outro cidadán que cometese un delito"

Segundo sinala o PSOE, os ex-dirixentes bancarios foron derivados ao módulo de respecto ou convivencia. Enrique Vaqueiro advertiu que "o sistema penitenciario ten que dar igual trato a todo o mundo, e non por ser bandidos de colo branco se lles debe de derivar en módulos mais laxos". Por todo isto, reclama que Pego, Gorriarán, Rodríguez Estrada, Gayoso e Pradas cumpran a condena "nas mesmas condicións que calquera outro cidadán que cometese un delito". "Sen ningún tipo de privilexios", engadiu. 

Vaqueiro tamén reclamou explicacións "sobre a suposta recepción das autoridades do centro penitenciario á súa chegada ao cárcere". "Queremos saber quen os recibiu e de que forma, non pode haber ningún trato de favor, por moi importantes que sexan", asegurou Vaqueiro en declaracións aos medios, nos que lamentou tamén que "Feijóo cualifique isto como dramático, cando o que é non é máis que o resultado dunha operación apadriñada polo propio presidente da Xunta que derivou na quebra e rescate con diñeiro público das caixas  galegas". "Que un director do banco se vaia con 10 millóns de indemnización é unha vergoña parecida ao que pasa en países bananeiros", insistiu. 

"Aquí hai un centro penitenciario e non nos queda doutra máis que atendelos, pero en igualdade de condicións, como o resto de presos. Aquí todos deben ser iguais", rematou o portavoz do PSdeG.