Así se xestaron as indemnizacións millonarias dos ex-directivos das caixas

Acto de sinatura da escritura de Novacaixagalicia © Xunta

Con José Luis Pego, Gregorio Gorriarán, Óscar Rodríguez Estrada, Julio Fernández Gayoso e Ricardo Pradas xa en prisión, a responsabilidade penal do escándalo das indemnizacións millonarias dos ex-directivos de Novacaixagalicia parece resolta. A sentenza da Audiencia Nacional e o auto que os envía a prisión deixa claro o "impacto macroeconómico" e a "gravidade" do delito que estes dirixentes cometeron en plena crise e coas caixas en quebra. Nada do que fixeron, no entanto, puido levarse a cabo sen a aquiescencia dos representantes políticos e de importantes colectivos que no consello de Novacaixagalicia, entidade resultante da fusión, seguiron o costume instaurado durante anos en Caixa Galicia e Caixanova: mirar cara a outro lado e deixar facer. O mesmo día no que a caixa única bota a andar, o 1 de decembro de 2010, o consello de administración aproba validar os contratos de alta dirección, orixe das fraudulentas indemnizacións posteriores. Sen dato ningún, todos os presentes votan a favor. Todos agás un, o representante do persoal José Luis Regueiro, que xustifica a súa negativa ao "descoñecer o que realmente se está sometendo a votación". 

No día de constitución de Novacaixagalicia, todos os conselleiros agás un votan a favor de validar os contratos de alta dirección

Que se aprobou? Validáronse os contratos con todas as cláusulas que se acordaran en Caixanova a favor de Pego, Rodríguez Estrada e Gorriarán e permíteselle gozar das mesmas condicións contractuais a García de Paredes, chegado de Caixa Galicia. Regueiro, membro de CCOO pero en representación do cadro de persoal, reclamou en varias ocasións información en detalle sobre estes contratos pero nunca se lle deu, argumentando que eran privados. Ademais, e tal e como declarou ante a Audiencia Nacional, a ratificación das condicións non figuraba na orde do día. Con todo, só el votou en contra de darlles cara adiante. 

"Votou el só en contra e o resto mirábano como se fixera unha tolería; as cousas funcionaban así"

Xa xubilado, un compañeiro sindical seu naquel tempo e con experiencia nos consellos das antigas caixas lembra o sucedido: "Non só estaba totalmente só e non secundado, senón que o resto consideraban o seu voto negativo como unha tolería; as cousas funcionaban así". "Opúxose desde un principio polo escurantismo e falta de información que arrodeaba o proceso", lembra outro membro de CCOO. Pero foi o único. 

O que se acababa de validar naquel decembro de hai seis anos era o xermolo do que logo saltaría ás portadas en forma de escándalo. Sete meses antes, logo de que Caixanova e Caixa Galicia acordaran a fusión e reclamaran máis de 1.000 millóns de euros ao FROB, Pego, Gorriarán e Rodríguez Estrada "acordaron mellorar os seus contratos de alta dirección", como relataba a Fiscalía na súa querela. En outubro, pouco antes de que se confirme a fusión, reciben os seus novos contratos con importantes melloras: as pagas variables por resultados pasan a ser fixa e insírese na renda vitalicia total e inclúense as cláusulas que blindan as pensións por xubilación. García de Paredes acollerase a estas mesmas condicións. 

Pego, Gorriarán e Estrada melloraron xusto antes da fusion os seus contratos en Caixanova, que logo foron aprobados no consello da caixa única

En agosto de 2011, o consello de Novacaixagalicia desvela algún detalle -sen dar cifras- sobre o que se cocera con anterioridade, sobre o acordado anteriormente en Caixanova e ratificado alí mesmo. Ao debater a provisión de fondos que habería que levar a cabo para facer fronte aos polémicos contratos -pero tamén sen dar cantidades-, o representante do Concello de Pontevedra e membro do BNG, José Luis Veiga, así como o de Csica, Miguel Argones, únense a Regueiro no voto negativo. Malia solicitala, non se achega información sobre as compensacións aos directivos. O resto do consello, votou a favor deste punto da orde do día e volveu mirar cara a outro lado

O representante do Concello de Pontevedra e o de Csica uníronse ao voto negativo de Regueiro meses despois, pero foron os únicos

"Non era que os directivos fosen intocables, senón que ademais facían ver que o eran; xa nas caixas, nas asembleas e nos consellos, todo estaba dirixido e manipulado", conta un representante daquela, que lembra como algún dirixente político lles recriminaba non ter denunciado antes esa situación. "E claro que o faciamos, levabamos anos facéndoo pero nunca nos escoitaran", insiste quen carga contra "representantes políticos de todas as cores e estómagos agradecidos". "Había asembleas nas que, no momento de criticar algo, pouco menos que o resto nos tiraba da chaqueta para que sentáramos", insiste. 

Tan só semanas despois daquel consello de agosto, Pego, Gorriarán, Rodríguez Estrada e García de Paredes van abandonando Novacaixagalicia e enchendo os petos coas indemnizacións pactadas. Máis de 18 millóns de euros. A finais de setembro, o conselleiro Regueiro volve intervir reclamando información sobre as cantidades abonadas aos altos directivos tras a súa marcha. "Son temas privados", recibe como resposta, segundo detalla CCOO, que recriminaba a outros membros do órgano de goberno da entidade que "se escandalizasen do que eles mesmos aprobaran". 

Regueiro pediu documentación sobre os contratos ata o final: "Son temas privados", contestáronlle a última vez

Pero quen votaba a favor de todo aquilo? No consello sentaban 22 persoas, once por cada caixa, con cadansúas retribucións e dietas. Fernández Gayoso era o presidente da entidade, cargo que compartía xunto con Mauro Varela, co-presidente. Na vicepresidencia, Salvador Fernández Moreda (PSOE), Guillermo Alonso Jáudenes, o empresario Alfonso Paz Andrade, Alfonso Zulueta de Haz e Gonzalo Ortiz, director da Cámara de Comercio da Coruña. A vicesecretaria era Pilar Cibrán, nomeada conselleira de Caixanova polo Concello do Porriño. 

Ademais, como conselleiros figuraban o presidente da Cámara de Comercio de Vigo, José García Costas, José Luis Veiga Lage -nomeado polo Concello de Pontevedra-, Ángeles Marra (senadora daquela polo PSOE), Miguel Argones, José Luis Regueiro, Federico Martinón, José Taboada López, Juan Ramón Iglesias, a concelleira socialista na Coruña Mar Barcón, José Hervella, Cipriano Elías (alcalde de Riello), o empresario Edelmiro M. Añón, Javier Francisco Caínzos (ex-alcalde de Curtis polo PP), Enrique Porteiro.

Políticos, empresarios, presidentes de cámaras de comercio... Todos votaron a favor duns contratos que non se coñecían

A quen lembra e formaba parte daquelas asembleas de cada unha das antigas caixas non lle estraña que pouco cambiase no efémero consello de administración de Novacaixagalicia. "Ao final, durante anos aquilo para a maioría eran festas, a xente aplaudía, saudábase, tomaba os pinchos e esperaba o agasallo que lles tiñan preparado", comenta agora un representante sindical. No órgano de dirección da caixa fusionada, volveuse mirar cara a outro lado e votouse maioritariamente a favor dunhas indemnizacións das que nada se sabía até que estoupou o escándalo. Era demasiado tarde.

Imaxe corporativa de Novacaixagalicia © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.