0 Gardados para despois

CRONOLOXÍA | Nin solvente, nin galega, nin caixa

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Solvencia e galeguidade" foi un dos lemas máis repetidos por Alberto Núñez Feijóo no seu primeiro ano no poder, nos meses en que sentou á mesma mesa aos intocables señores das caixas para ofrecerse a "mediar" na fusión de Caixanova e Caixa Galicia, públicas de dereito pero administradas como privadas de feito durante décadas. "Solvencia e galeguidade" repetiu cando citou aos líderes de PSdeG e BNG para contarlles que o seu Goberno encargaría unha auditoría para dar rigor técnico a unha fusión "equilibrada e paritaria", a mesma que esta semana tornou na primeira do Estado en derivar nunha orde de ingreso en prisión para algúns dos seus directivos.

Sete anos despois do inicio daquel proceso, rubricado cunha pluma Mont Blanc que o presidente mandou gardar en lugar preferente como símbolo de que se "Galicia quere, Galicia pode", o que noutrora foron as grandes caixas de aforro galegas tornaron nun banco privado administrado por unha empresa de matriz venezolana, que gañou a poxa pública organizada tras un rescate que deixou nas arcas públicas un buraco de 8.000 millóns de euros

Feijóo responsabilizou do acontecido ao Goberno de Zapatero, ao Banco de España, ao bipartito e aos directivos agora encarcerados

Segundo o presidente da Xunta a "quebra" do que noutrora foi "sistema financeiro galego" por mor do fracaso da fusión que apadriñou non pode ligarse á súa xestión. Unicamente foi responsabilidade do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, do Banco de España, do Executivo bipartito de PSdeG e BNG e mais dos directivos, cinco dos cales entraron esta semana no cárcere polas indemnizacións millonarias que, censura Feijóo, cobraron porque o regulador permitiu facelo. Nada disto foi "política" pola súa banda, afirmou o presidente. Aseguralo non é máis que sumarse ás "calumnias" da oposición e obviar, asemade, que el se opuxo ás xubilacións de luxo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Feijóo admite que impulsou a fusión "solvente" das caixas tras saber que estaban próximas á quebra

Caixa Galicia era "insolvente" e Caixanova tiña "serios problemas de viabilidade". É o resumo que a Audiencia Nacional realizou sobre cal era o estado das caixas galegas xusto antes da súa fusión na sentenza que acabou por levar ao cárcere a varios antigos directivos de Novacaixagalicia, a entidade xurdida desta unión. A "situación calamitosa" descrita polos maxistrados dista moito do futuro de "solvencia e galeguidade" que o Goberno galego augurou, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, durante os anos en que impulsou a fusión. Un período no que o propio Feijóo admite agora que, en realidade, era consciente de ter ante si a dúas caixas en situación de "prequebra".

O papel do dirixente popular naqueles anos como principal padriño político da malograda fusión regresou ao primeiro plano co encarceramento dos exdirectivos pero agora Feijóo ofrece unha versión distinta dos feitos. Ao ser cuestionado ao respecto nunha entrevista en Antena 3 explicou que cando tomou posesión do seu cargo, en abril de 2009, "as dúas entidades estaban nunha situación de colapso, practicamente en prequiebra" e "ninguén me informou previamente", algo que tamén lle sucedeu "ao anterior presidente", o socialista Emilio Pérez Touriño.

Foi entón, relata, cando preguntou, "porque me preocupaba a situación do aforro de moitos galegos". E "a partir de aí empezamos a traballar" nunha fusión de cuxa evolución e fracaso responsabiliza en exclusiva ao Banco de España. "É evidente que o control financeiro, a auditoría" das caixas "correspóndelle" ao regulador, afirma.

O informe do millón de euros

Aínda que é certo que a Xunta perdeu as súas competencias sobre as caixas non o é menos que isto non sucedeu ata que xa estaban fusionadas. Concretamente, a mediados de 2011, cando as novas esixencias de capitalización formuladas polo Goberno de España levaron a Novacaixagalicia a 'bancarizarse', a fundar un banco -Novagalicia Banco- ao que transferir o seu negocio financeiro, o mesmo que o 30 de setembro do mesmo ano tivo que ser rescatado polo Estado cunha inxección pública de 2.465 millóns de euros. Vinte e catro horas antes, na inauguración dun teatro auspiciado pola antiga Caixanova no centro de Santiago, Feijóo cualificara a Novagalicia como unha "prometedora criatura financeira".

Feijoo cualificou como "prometedora criatura financeira" a Novagalicia, xurdido da "solvente" entidade fusionada

Ese eloxio foi o último dunha longa lista iniciada dous anos antes, no outono de 2009, cando o daquela novo presidente da Xunta sentou á mesma mesa ao director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez -cuxa retirada antes da fusión lle permitiu librarse do escrutinio xudicial e político- e ao presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, agora en prisión, para animalos a unir as entidades que dirixían.

A Xunta esgrimiu como proba da "solvencia" da operación o informe de KPMG que, ao contrario do afirmado, non era unha auditoría nin avalaba a unión

O Goberno galego ofreceuse a "mediar" e, para ter unha opinión "independente" do estado interno das caixas, encargou un informe á consultora internacional KMPG, un "diagnóstico acelerado" contratado por 1 millón de euros. En xaneiro de 2010 a Xunta asegurou en público, sen mostralo, que a consultora elaborara unha "auditoría" que "avalaba" a "solvencia" da fusión. Realmente aquel traballo non era unha auditoría e non acreditaba que a fusión fose solvente.

Cando, o 29 de novembro de 2010, Feijóo presidiu o acto solemne de sinatura da escritura da nova caixa, tampouco se falou de "prequebra". A caixa fusionada tiña ante si un futuro de "xestión profesional e independente" para "garantir a solvencia coa que nace" e "reforzar a solvencia coa que xa é recoñecida Galicia hoxe". Aquela unión ía alén do "meramente financeiro", agregaba. "Non podemos -proclamou- cometer o erro de non utilizala para reforzar a nosa autoestima colectiva".

O papel do Banco de España

O Banco de España deu o seu visto e prace ao plan de integración e non freou as indemnizacións millonarias

Feijóo obvia agora a súa promoción e apoio da fusión nun contexto no que, no entanto, o relato do dirixente conservador si se corresponde coa realidade no referido ao papel do Banco de España, entón dirixido por Miguel Ángel Fernández Ordóñez. Efectivamente, o regulador foi o responsable de Novagalicia Banco desde o seu rescate e, malia podelo facer, non freou as indemnizacións millonarias que os directivos se adxudicaron incorrendo, segundo a Audiencia Nacional e o Supremo, en condutas ilegais.

Do mesmo xeito, tamén é certo que foi o Banco de España o que en xuño de 2010 deu o seu visto e prace ao plan de integración das caixas galegas, considerando que cumpría "os criterios de solidez e racionalidade económica que se han de esixir a este tipo de operacións". Apenas catro meses despois Fernández Ordóñez transmitiu á patronal galega as súas primeiras dúbidas sobre a viabilidade da operación e ao ano seguinte os restos das caixas galegas eran intervidos. A factura final da operación ascendeu a uns 9.000 millóns de euros públicos dos que o FROB dá 8.000 por perdidos.

Feijóo considera "dramático" o ingreso en prisión dos ex-directivos

Gonzalo Cortizo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualifica como "dramáticas" as consecuencias da orde da Audiencia Nacional pola que cinco ex-directivos de Novacaixagalicia ingresaron en prisión o pasado luns.

Feijóo asegura que cando tivo coñecemento dos soldos millonarios que se garantiron eses directivos puxo o caso en coñecemento do gobernador do Banco de España a través dunha carta na que lle explicaba que "entendía que non eran conformes a dereito". Segundo o presidente galego, a misiva nunca obtivo resposta.

Feijóo asegura que non fixo nada porque non tiña competencias e a caixa estaba "intervida"

Logo de enviar a carta, Feijóo sentou a esperar e non fixo nada máis ao respecto por entender que carecía de competencias: "Cando escribín esa carta a caixa estaba intervida e a comunidade autónoma non tiña ningunha competencia".

O presidente da Xunta non se arrepinte de ser o principal impulsor da fusión das caixas galegas que, ademais do recente encarceramento dalgúns dos seus directivos, obrigou a un rescate de miles de millóns de euros.

O presidente da Xunta non se arrepinte de impulsar a fusión: "Fixemos o que tiñamos que facer"

Daquela operación na que o Goberno de Feijóo se involucrou completamente destacan algúns datos: Novacaixagalicia custou ás arcas públicas 9.000 millóns de euros do FROB e posteriormente foi vendida a un grupo venezolano por só 1.000 millóns.

Segundo o presidente galego, o diñeiro do FROB gastouse "para asegurar os depósitos de todos os clientes": "Fixemos o que tiñamos que facer".