Feijóo excúlpase na fusión e fracaso das caixas

Persoas afectadas polas preferentes, no exterior do Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Os directivos, o Banco de España e o Goberno do PSOE. E en segundo termo, o bipartito. Estes son, a xuízo do presidente da Xunta, os responsables do crecemento desmesurado, das alegrías inmobiliarias e financeiras, da fusión das caixas galegas e do fracaso estrepitoso da mesma, incluíndo danos colaterais como a estafa das preferentes. Alberto Núñez Feijóo acudiu este venres á comisión que investiga no Parlamento o acontecido coas malogradas Caixanova e Caixa Galicia e fíxoo, esencialmente, para asignar as culpas do acontecido sen que ningunha caese no seu propio gabinete malia apadriñar aberta e publicamente a unión das desaparecidas entidades.

Ao contrario do defendido durante meses Feijóo admite agora que a fusión tal e como se fixo, cos directivos de sempre á fronte do proceso, "non era a mellor opción". "Pero foi o plantexamento innegociable do ex gobernador do Banco de España", Miguel Ángel Fernández Ordóñez, o mesmo que avalou a operación e que, mediante chamada telefónica a San Caetano, dixo "que os directivos de Caixanova se tiñan que poñer á fronte da fusión", di o presidente. Así e todo, a "presión" do regulador non é a única clave do fracaso, asegura, toda vez que insiste en que "oito informes", incluíndo o de KPMG pagado pola Xunta, avalaban o proceso.

"Quen trunca a viabilidade do proxecto é o bandazo normativo sen precedentes en Europa que dá o Goberno central"

Que pasou, entón? "Quen trunca a viabilidade do proxecto é o bandazo normativo sen precedentes en Europa que dá o Goberno central", acusa. O feito de que o Ministerio de Economía da época esixise "un core capital -capital de máxima calidade- do 2,8% en novembro de 2010 e, en febreiro de 2011", a esixencia pasase ao 10%" fixo "imposible" que o proxecto chegase a bo porto. "O único que hai que saber é se é se foi por torpeza descomunal do Ministerio ou se había algún interese en cabar coas caixas, deixándoas fusionar para posteriormente declaralas inviables esixíndolles uns requisitos que non se esixían en ningún lugar de Europa".

"O bipartito xa o sabía"

En calquera caso, esa atribución de responsabilidades ás autoridades estatais non lle impide a Feijóo volver a un dos lugares comúns da súa dialéctica política: o mandato da coalición PSdeG-BNG. Despois de que os grupos da oposición lle reprochasen novamente a súa práctica habitual de formular preguntas no canto de respondelas, como corresponde, o presidente retruca: "Como non vou facer preguntas? Como é posible que no traspaso de poderes non se incluíse un folio sobre a situación das caixas de aforro? Ou o Banco de España non me contou a verdade ou o traspaso de poderes non estaba completo" porque o regulador, afirma, explicou que a maltreita situación interna das entidades "xa a sabía o bipartito".

Feijóo di que "quen ten que explicar" a expansión inmobiliaria das caixas é "o PSOE, que xestionaba no bipartito a súa tutela financeira"

Malia asegurar que non ve responsable do acontecido a ningunha adminstración autonómica, nin á súa "nin á anterior", o titular da Xunta debulla circunstancias que o levan a afirmar o contrario. As caixas expandíronse fóra de Galicia a partir de 2004, ano no que tamén se produciu "o incremento desproporcionado do crédito inmobiliario" ata chegar aos 17.000 millóns. "Como é posible?" quen o ten que "explicar é "o PSOE, porque xestionaba no bipartito a tutela financeira das caixas". Así, sentenza, "a fusión das caixas non foi a causa do problema", senón "a consecuencia da mala xestión das caixas e da pésima supervisión do Banco de España".

E unha vez repartidas as culpas, que? Aínda que Novagalicia Banco se dispoña a ser vendida o presdiente mantén que "Galicia resistiu ata agora a maior treboada financeira que sufrimos en España, que levou por diante outros proxectos". "Con Galicia e cos galegos por diante a entidade contará co noso apoio para encarar o futuro", asegura, ao tempo que insiste en que ese apoio tamén se amplía ao "máis dramático dos problemas do pasado", a "mala comercialización das preferentes e subordinadas". A Xunta defende a continuidade da arbitraxe pero iso, afirma, depende do banco. No exterior do Parlamento soaban insistentemente, unha vez máis, as buguinas e bombos das persoas estafadas.

Feijóo, nun intre da súa comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.