Feijóo defende a súa promoción da fusión das caixas: "É das cousas coas que máis tranquilo me sinto"

Feijóo, este xoves presidindo o Consello © Xoán Crespo

O encarceramento de cinco ex-directivos da desaparecida Novacaixagalicia polas indemnizacións millonarias que se adxudicaron pouco antes de que a entidade fose rescatada vén de devolver ao primeiro plano da actualidade o proceso económico e político que, entre 2009 e 2010, culminou coa fusión das antigas Caixanova e Caixa Galicia, xermolo do que a Xunta promocionou en innumerables ocasións como unha nova caixa "solvente e galega". O papel central do presidente da Xunta naqueles meses e episodios como o encargo, por un millón de euros, dun informe á consultora KMPG que, ao contrario do afirmado polo Goberno, nin era unha auditoría nin avalaba a fusión, regresa agora mentres o xefe do Executivo insta a centrar o foco en que el se opuxo ás indemnizacións. En todo caso, Feijóo asegura sentir absoluta tranquilidade polo seu papel naqueles acontecementos.

Despois de ter que responder ante a prensa que cubría a Conferencia de Presidentes Autonómicos e contestar alí que vía "dramática" a entrada en prisión dos antigos señores das caixas este xoves o presidente volveu ser cuestionado ao respecto tras a xuntanza semanal do Consello. Como en Madrid, Feijóo subliña que lle "parece dramático" que "unha persoa de 85 anos", en referencia a Julio Fernández Gayoso, ex-copresidente de NCG e antigo presidente de Caixanova, "estea na cadea". "Parécelle dramático a calquera persoa que teña relación co seu avó ou co seu pai, se ten esa idade", afirma.

O presidente da Xunta reitera que o encarceramento dos ex-directivos e, nomeadamente, de Gayoso é "dramático": "Parécello a calquera persoa que teña relación co seu avó ou co seu pai"

Así e todo, Feijóo evidencia que "como demócrata e presidente dun Goberno" o que lle toca é "respectar as decisións e a independencia xudicial" nun asunto, o das indemnizacións, no que "a nosa posición política é coñecida" e está "documentada". Así, reitera, "como presidente da Xunta opúxenme a esas indemnizacións e soliciteille ao gobernador do Banco de España por escrito que as deixase sen efecto". "E nunca tiven resposta", agrega.

Como nunha intervención televisiva menos de vinte e catro horas despois das detencións Feijóo detense no período en que a Xunta xa perdera todas as súas competencias sobre a entidade, despois da bancarización e intervención, e glosa doutro xeito o período previo á fusión, cando as caixas aínda eran tal e, polo tanto, o Goberno galego tiña marxe de manobra sobre elas. O impulso á fusión de Caixanova e Caixa Galicia "é das cousas das que me sinto máis tranquilo", di, reafirmándose nun "comportamento" cuxo resultado foi "que 5.000 persoas teñan traballo nunha entidade domiciliada en Galicia".

"Sempre queda o recurso de mentir", pero "a verdade é moi poderosa e non caduca", di Feijóo

A alternativa a promocionar esta operación era "que Galicai non fose sede de ningunha entidade, que García Barbón en Vigo estivese pechado e que os Cantóns na Coruña estivesen pechados". "Iso -profunda- foi contra o que tiven que loitar contra políticos en Galicia e en Madrid", pero "ao final as cousas van encaixando" e "do mesmo xeito que me opuxen a esas indemnizacións" que segundo a Audiencia Nacional foron "delitivas", agora "me gustaría escoitar a moitos dos actores políticos da época" para "ver o que son capaces de dicir". "Sempre queda o recurso de mentir" pero "a verdade é moi poderosa e non caduca", culmina a súa reflexión o presidente.

Feijóo, con Gayoso e Mauro Varela o día da sinatura da fusión © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.