0 Gardados para despois

O PSdeG ultima a creación dunha fundación para "impulsar o cambio político" en Galicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Gonzalo Caballero leva catro meses á fronte do PSdeG como novo secretario xeral e transcorreron apenas tres dende que o Congreso Nacional do partido ratificou a Executiva que encabeza e a súa liña política. Cadrando coa recta final da elección dos órganos provinciais e locais o líder dos socialistas galegos vén de configurar o seu equipo de colaboradoras máis inmediato e mais de anunciar algunhas das primeiras iniativas ligadas aos acordos congresuais. Entre elas, a posta en marcha dunha fundación que sirva para "impulsar" o "cambio político" en Galicia, di.

"O PSdeG ten que liderar as ideas" no ámbito da esquerda en Galicia, a xuízo de Caballero, e para facelo é "fundamental" que "onde haxa pensamento de progreso, haxa unha ponte para impulsar o cambio político" a través do propio partido. Trátase, avanza, de que a formación conte "cun think tank" ao que se acheguen persoas procedentes do mundo académico, asociativo e dos movementos sociais, con "capacidade para traballar en reflexións e propostas políticas" que se incorporen despois ao ideario e aos programas do PSdeG.

A posta en marcha dunha fundación supón unha nova chiscadela á etapa de Touriño, quen impulsara a Fundación Iniciativas XXI

A posta en marcha dunha fundación ligada ao partido supón, na vía dous feitos, unha nova chiscadela de Caballero ao período no que o ex-presidente Emilio Pérez Touriño dirixiu o PSdeG. Durante o seu mandato os socialistas impulsaran a Fundación Iniciativas XXI, creada naquela altura para "promover, impulsar e canalizar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento" de Galicia e a "desenvolver o pensamento socialdemócrata e galeguista".

Daquela entidade emanaran documentos como a proposta do PSdeG para a reforma do Estatuto de Autonomía e tivo unha notable influencia na acción política do partido nos anos previos á súa chegada ao Goberno, así como na conformación do organigrama das áreas socialistas do Goberno de coalición. A fundación mantivo  actividade durante os anos do goberno da esquerda, pero ficou inactiva dende 2009.

Abel Caballero presentará a Gonzalo Caballero nun almorzo informativo o día 25 en Santiago

Caballero sinala que proximamente revelará os primeiros nomes que formarán parte dunha fundación que, previsiblemente, terá un notable compoñente económico. O PSdeG, afirma o secretario xeral, proponse formular alternativas á política económica da Xunta do PP, o da "consolidación fiscal técnica" a través de "recortes" que "non permiten reactivar a calidade de vida" da poboación máis afectada pola crise, acusa.

Estes e outros proxectos serán debullados o vindeiro día 25 por Gonzalo Caballero nun almorzo informativo en Santiago no que, alén dos discursos, boa parte das olladas estarán postas en quen exercerá de presentador do conferenciante, o alcalde de Vigo, Abel Caballero. O líder do PSdeG confirmaba este venres que "o alcalde da principal cidade de Galicia e presidente da FEMP", quen ademais é o seu tío e histórico rival interno, aceptou "gustoso" o convite para participar neste acto, no que pretende dar sinais dunha "nova etapa" na que "o secretario xeral é de todos".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.