0 Gardados para despois

Caballero toma o mando do PSdeG da man de Pedro Sánchez coa unidade como primeiro reto

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Foi unha noite tan longa que non existiu". A única licenza que Gonzalo Caballero concedeu ás metáforas no seu primeiro discurso como secretario xeral do PSdeG ratificado polo Congreso Nacional do partido foi unha mostra do que vivira durante unha madrugada insomne, pero tamén do primeiro reto que terá que abordar a dirección que encabeza dende este domingo. "Ata as 9 da mañá", admite o economista, duraron as negociacións para "artellar o mellor equipo", unha Executiva co 71,18% de apoio á que se incorporan representantes de sectores internos que non apostaron nas primarias por el nin por Pedro Sánchez, que o avalou na clausura do conclave, pero da que fican fóra quen optaron para a secretaría xeral polo deputado Juan Díaz Villoslada, tamén afín ao líder do PSOE.

O avogado coruñés Pablo Arangüena como vicesecretario xeral e voceiro e o deputado lucense José Antonio Quiroga, á fronte da secretaría de organización, configuran o núcleo duro dunha Executiva que recupera o posto simbólico da presidencia na persoa do voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, cuxa alianza con Caballero foi vital para a súa vitoria. Marta Freire e Icía García serán as outras dúas vicesecretarias -de Sostibilidade e de Igualdade, respectivamente- dunha dirección na que se integran catro alcaldes, os de Vilagarcía, Alberto Varela; O Carballiño, Francisco Fumega; Burela, Alfredo Llano; e Ames, José Miñones, nunha área de política municipal á fronte da cal se sitúa Iván Puentes, antigo alcalde de Fene e actualmente edil en Pontevedra moi próximo a Leiceaga. Neste equipo regresa tamén á primeira liña política Dolores Villarino, ex-presidenta do Parlamento, á fronte da área de política institucional.

Pablo Arangüena emerxe como vicesecretario xeral e voceiro da nova Executiva Nacional, que recupera o posto simbólico da presidencia para Leiceaga

Con este pano de fondo Caballero despediu o décimo terceiro Congreso dos socialistas galegos da man de Sánchez e ante un auditorio ao que se quixo presentar como continuador da "mellor historia" do PSdeG, en referencia aos períodos de goberno de Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, que o avalaron con senllos discursos no inicio da cita congresual. Chegou o momento, di o novo líder, de "deixar atrás etapas que non nos permitiron artellar dende 2009 unha maioría social de progreso en Galicia". Quen exerceron a secretaría xeral neses anos, Pachi Vázquez e José Ramón Gómez Besteiro, non asistiron ao Congreso, ausencias ás que se sumaron as do alcalde de Vigo e tío do novo secretario xeral, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Caballero: "Só poderá haber cambio político en Galicia se o lidera o PSdeG

As feridas internas e malestares aínda latentes terán a súa primeira proba nos inminentes congresos para elixir novas direccións provinciais, organismos cuxo poder Caballero quere minguar a través da reactivación das estruturas comarcais, mudanza para a que conta co apoio da dirección federal. "Pode haber máis contentos ou descontentos", admite, pero ante o plenario chamou a "entender" que "todos somos instrumentos ao servizo dunha causa", o "cumprimento do interese xeral da cidadanía galega, que nos está esperando". E "se perdemos músculo político, a dereita pode seguir reinando con tranquilidade no país". Ao seu xuízo, "só poderá haber cambio político en Galicia se o lidera o PSdeG" como "referencia" dunha "coalición social de progreso", fórmula que tamén fica incluída nas teses políticas aprobadas.

Sánchez reivindica a "esquerda de goberno" coa vista posta en Catalunya

Pedro Sánchez intervén ante a nova Executiva Nacional do PSdeG / PSOE

Neste contexto o líder do PSOE celebrou a "vitoria rotunda" de Caballero, a quen sen esquecer unha mención a Villoslada brindou o seu "apoio decidido" coas eleccións municipais de 2019 como primeira meta. Os socialistas, reivindicou, son a "esquerda de goberno" e por iso, resalta, nas últimas semanas se implicaron na "defensa dun proxecto compartido que se chama España". Fano, asegura, dende a "defensa dunha España plural e diversa, na que poida caber todo o mundo" e non por adhesión ao Goberno do PP, defendeu.

Sánchez: "Catalunya seguirá sendo España grazas á razón, á lei e ao voto dos cataláns"

A cuestión catalá atravesou o discurso dun Sánchez que coida que, tras a aplicación do artigo 155 da Constitución á Generalitat, toca unha "reconciliación nacional" que comezará polas eleccións do 21 de decembro, as convocadas por Mariano Rajoy no mesmo movemento polo que disolveu o Parlament. Eses comicios, vaticina, son o "inicio da solución" e vainos "gañar" quen defendan "a concordia e a convivencia". "Catalunya seguirá sendo España grazas á razón, á lei e ao voto dos cataláns", resume.

O PSOE, mantén, non asume a "falsa épica de liberdade e democracia" do independentismo, porque nel "non hai nada da esquerda internacionalista". Así, proclama, "fronte a aqueles que nos acusan de formar parte de falsas alianzas, renovamos o noso compromiso cunha España capaz de mirar ao futuro sen os complexos de antano", algo que ao seu xuízo non pode lograr un PP que "enfrontou irresponsablemente territorios". Eses propósitos, asegura, tentará plasmalos nunha futura reforma da Constitución.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.