"Debemos fortalecer esa alianza política que constituímos as catro formacións que conformamos AGE. E despois debemos sumar moitas máis voces a esta Alternativa Galega porque imos necesitar todos os espazos políticos e sociais posibles. Porque os vindeiros meses van ser claves: estamos ás portas dun novo rescate, co que iso supón. Falar do rescate é falar de máis desemprego, de máis recortes e de máis pobreza". Yolanda Díaz sitúa as dúas claves da Alternativa Galega de Esquerda para os vindeiros meses: a solidificación do acordo partidario que tan bos resultados obtivo nas eleccións do domingo e o fortalecemento do tecido social. "Temos que coñecernos. Temos que vencer os prexuízos entre uns e outros", engade.
Yolanda Díaz sitúa as dúas claves da AGE para os vindeiros meses: a solidificación do acordo partidario que tan bos resultados obtivo nas eleccións do domingo e o fortalecemento do tecido social
Xosé Manuel Beiras incide nesta idea: "AGE ten que ser unha ponte entre esa cidadanía activa e a cámara de representantes, entre todo ese tecido asociativo que non se limita a dicir non ao existente, senón que formula alternativas ao existente. Iso debe nutrir a nosa acción no Parlamento". E engade: "Debemos restablecer a posición sobranceira que nun estado democrático lle corresponde á cámara de representantes". Así mesmo anuncia que a acción parlamentaria de AGE vai ser "activa" e non vai xogar á defensiva: "Nós non debemos xogar á contra, simplemente dicíndolle que non á maioría parlamentaria do PP, senón que nós debemos tomar a iniciativa e poñer o goberno á contra. A iniciativa non debe ser do goberno, senón da cidadanía".
"Nós non debemos xogar á contra, simplemente dicíndolle que non á maioría parlamentaria do PP, senón que nós debemos tomar a iniciativa e poñer o goberno á contra"
Beiras afirma que a entrada de Alternativa no Parlamento "debe ser o comezo dunha nova etapa" pois até agora "a cidadanía estaba a organizarse e mobilizarse pero carecía dunha ponte para trasladar iso á cámara de representantes". E pide "que nos utilicen. Depende de nós de que sexamos receptivos ao que esa base quere comunicar e quere facer". O número un de AGE cre que o descenso de PSdeG e BNG se debeu a que a súa acción política durante o primeiro goberno de Feijoo se centrou en facer "simplemente esgrima parlamentaria".
"Que nos utilicen. Depende de nós de que sexamos receptivos ao que esa base quere comunicar e quere facer"
Yolanda Díaz salienta que "debemos organizar a rebelión cívica, temos que loitar polo poder pero dende a rúa. Todos os procesos de cambio na historia naceron así". E engade que "temos que acertar na organización e na xenerosidade, temos que continuar con esta ilusión que fomos quen de xerar". Yolanda Díaz conclúe que "a batalla está fóra do Parlamento e hai que organizala. Temos que tomar as rúas para tomar o poder porque estamos vivindo un proceso revolucionario e é posible mudar o sistema".
E é que AGE quere basear a súa acción parlamentaria e política na actividade e vitalidade dos movementos sociais e plataformas cidadás: "cómpre darlle máis pulo e máis dimensión aos procesos de autoorganización dos movementos sociais e cívicos", di Beiras. "Hai que continuar elaborando alternativas políticas para as problemáticas sobre as que se montan as plataformas cidadás, que son as que mellor coñecen a situación dos seus respectivos ámbitos e polo tanto son as que mellor poden formular estas alternativas", conclúe.
A folga xeral do 14N
"Os sindicatos acertan na perspectiva de traballar nunha folga cidadá que paralice todos os ámbitos da sociedade"
Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz salientan a importancia da folga xeral de novembro: "Temos que implicarnos na folga. Hai que gañar a folga e gañar o dia seguinte da folga", di a coordinadora nacional de Esquerda Unida, que salienta que "os sindicatos acertan na perspectiva de traballar nunha folga cidadá que paralice todos os ámbitos da sociedade". De igual xeito, Beiras afirma que "a folga debe ser un instrumento de todas as clases traballadoras -asalariadas ou non- e tamén dos autónomos, comerciantes e pequenos empresarios", e que "o movemento obreiro ten que pensar en alianzas de clase. Porque se non, cae naquilo que se chamou a doutrina dos dous mundos de Lasalle, que dicía que só a clase obreira podía ser revolucionaria. Iso levou a botar nos brazos da dereita as chamadas clases subalternas ou ao campesiñado".
A crise do PSOE
"O PSOE ten que escoller de que lado está, ten que decidir se volve ás súas orixes socialdemócratas ou continúa polo camiño actual. E por ese lado o seu devalo vai ser maior"
"O PSOE é un partido do réxime. E este réxime está caduco e todas as súas institucións: dende a igrexa á monarquía están en proceso de demolición", afirma Yolanda Díaz. "Estamos nun proceso constituínte, porque por un lado o proceso da Transición e da desmemoria está completamente roto e finiquitado, e á vez por arriba PP e PSOE estannos metendo noutro modelo, como fixeron coa reforma da Constitución ou co Pacto de Estabilidade Europeo", engade para concluír que "ten que escoller de que lado está, ten que decidir se volve ás súas orixes socialdemócratas ou continúa polo camiño actual. E por ese lado o seu devalo vai ser maior".
Beiras concorda en que "o PSOE abandonou as súas bases socialdemócratas e de representación da esquerda social moderada" e di que "despois do desastre de novembro podería pensarse que ía haber cambios pero non foi así. Está totalmente secuestrado polas forzas do sistema ultraliberal". E aínda que recoñece que "na primeira lexislatura de Zapatero os socialistas tiveron outro discurso" e que "Caamaño ten unha visión republicana e máis reformista" engade que "o PSOE funciona como un dos dous peares deste sistema. Mentres non cambien iso calquera mudanza é imposible". De igual xeito Yolanda Díaz afirma que "vexo criticas internas no PSOE pero non vexo reflexións profundas sobre o que está acontecendo. Se ten claro que non quere seguir sostendo este réxime ten que rachar co Pacto de Estabilidade". E pregúntase: "Onde está a alternativa no PSdeG? Eu non a vexo".