Axustado, casi tanto como o congreso no que Alfredo Pérez Rubalcaba se impuxo a Carme Chacón. Tras unha brevísima campaña interna, de apenas cinco días, Pachi Vázquez revalidou este sábado o seu cargo de secretario xeral do PSdeG por unha estreita marxe, só o separaron 33 votos dos 212 que obtivo Elena Espinosa, a ex ministra que se situou á fronte do considerado sector crítico do partido, aínda que tamén co apoio de dirixentes que impulsaran publicamente en númerosas ocasións ao reelixido secretario xeral.
Vázquez inicia agora unha etapa na que, en boa medida, muda o xogo de forzas internas, tanto no que atinxe á posición do ata agora sector crítico como tamén no papel de dirixentes que ata agora exercían un influxo fundamental na formación, sobre todo no caso do ex ministro de Fomento, José Blanco, a quen moitos viron como un dos principais artífices da candidatura de Espinosa. Nesta liña, o propio Pachi Vázquez lanzaba unha mensaxe ante o plenario que tivo pouco de casual. Dende agora, asegura, no PSdeG non haberá "paternalismos que nos veñan dicir o que temos que facer". O seu, mantén, é un "proxecto para o PSdeG" sen "ningún tipo de tutela". O partido ten que ser "o que ten que tomar as súas propias decisións".
Blanco confirma a súa preferencia por Espinosa e Vázquez garante que no PSdeG xa non hai "paternalismos"
Poucos minutos despois de que fose proclamado o resultado das votacións, Blanco admitía ante os xornalistas que a súa "preferencia" foi Espinosa, se ben louva o exercicio de "democracia interna" tras o que se pon "á disposición do secretario xeral", "sempre dende un segundo plano" xa que, subliña, hai meses que decidiu dar "un paso atrás". As declaracións de Blanco producíanse despois de que, ante o plenario, un emocionado Pachi Vázquez se confesase "sen palabras" para "agradecer a confianza". Mentres os membros do seu equipo deixaban de conter a respiración e non ocultaban o seu alivio, "como se estivésemos nos Oscar, ou nos Goya", Vázquez "dedicou" a vitoria "aos militantes anónimos do partido", "mulleres e homes que non coñece ninguén, que nunca falan e sempre traballan". De agora en diante, asegura, traballará "día e noite" e procurará a "unión" dende o "traballo e o compromiso co PSdeG, co PSOE, con Galicia e con España".
A primeira oportunidade de visualizar se a "integración" prometida ante os delegados se materializa ou non será na segunda xornada do Congreso Nacional, cando se constituirá a nova Executiva. A entrada ou non dos partidarios de Espinosa en postos de relevancia será o termómetro para comprobar se as feridas internas comezan a suturar nun partido que as votacións amosan como moi polarizado.
Eleccións primarias
Pero a vitoria de Pachi Vázquez sobre a alianza de críticos apoiados por Blanco non equivale a que o político do Carballiño sexa o cartel electoral do PSdeG nas vindeiras eleccións autonómicas. Atendendo ás novas normas internas do PSOE, pero tamén ás propias palabras do reelixido secretario xeral, o candidato á presidencia da Xunta será elixido nunhas eleccións primarias, das que, di, sairá "a persoa máis capacitada" e "con máis posibilidades para gañarlle á dereita". "O candidato -subliña- ímolo poñer todos os militantes socialistas".
Neste contexto, non cabe polo momento descartar que as primarias deixen tanto lugar á sorpresa como o propio proceso congresual, coa a priori inesperada candidatura de Elena Espinosa. Así, a reconfiguración de apoios e simpatías internas podería dar lugar a que os críticos decidisen plantar unha nova batalla a Vázquez ou que mesmo nomes como o de Francisco Caamaño, agora máis próximo ao secretario xeral, volvan estar en primeira liña de fogo político.