O Congreso dos Deputados vén de convalidar o Real Decreto-Lei que consuma o durísimo recorte aprobado polo Consello de Ministros o pasado venres. E o Goberno valida o paquete de axustes co único apoio do PP e a súa maioría absoluta, xa que ata o único representante de UPN optou ao final pola abstención, deixando aos conservadores sós no apoio a unhas medidas criticadas con dureza por todos os partidos da oposición.
O Executivo recibiu 180 votos a favor, todos populares, fronte a 131 en contra e a devandita abstención. Os deputados de Amaiur, Izquierda Plural, ERC e BNG ausentáronse no momento das votacións en protesta polo "xeito de gobernar" e ante o que consideran "un ataque brutal" contra os dereitos laborais e sociais do pobo.
Mentres, e durante o debate en pleno, o ministro de Facenda insiste en meter medo e advirte de que sobran servizos públicos e que, como “non hai cartos nas arcas públicas”, non se poderán pagar todos. “Non todo cabe na oferta de servizos públicos”, asegurou Cristóbal Montoro, nun pleno do Congreso onde defendeu o último e duro paquete de recortes do Goberno e no que non estivo o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que apareceu tan só para votar.
Rajoy auséntase do pleno durante o debate, o que criticaron os grupos da oposición
Xa que logo, quedou aprobado un decreto-lei que foi debatido nun pleno tenso e no que a total soidade dos populares quedou amosada unha vez máis. E quedou manifesta nunha xornada na que o Executivo volveu quitar a careta un pouquiño máis. “Hai que renunciar ao que non é financiable, ao que non é posible; o que non se pode pagar é ineludible quitalo porque lastra a vida dos cidadáns. Hai que reducir servizos públicos porque cómpre facelo se queremos éxitos e porque nos convén para crecer”, asegurou Montoro, que volveu cargar contra os traballadores públicos.
"Hai que reducir servizos públicos e renunciar ao que non é financiable", advertiu Montoro, que volveu cargar contra os funcionarios
O pasado mércores ameazounos coa nómina, que disque está en perigo, e este xoves volveu insinuar que son vagos e traballan pouco, tal e como lembraron varios grupos parlamentarios da oposición. De feito, Montoro chegou a dicir que non lles rebaixaba a súa nómina, senón que se aprobaba “un retraemento da súa paga” de Nadal. "Os funcionarios teñen que traballar máis; o seu soldo págao toda España, non o pagan eles cos seus impostos", insistiu un ministro que defendeu en solitario as medidas do Goberno. A metade da bancada popular estaba baleira e Rajoy non aparecerá até a hora da votación, algo moi criticado polo resto de partidos.
Montoro acabaou metido en leas e polémicas con varios parlamentarios. O primeiro deles, co socialista Alfredo Pérez Rubalcaba, que cualificou os membros do Goberno de “incompetentes e mentireiros”. Segundo o líder do PSOE, as medidas do Executivo non provocan “máis axustes, máis desemprego e máis sufrimento”. “Creo que é un erro”, asegurou.
Jorquera pediu ao Goberno que "convoque un referendo ou devolva a soberanía aos cidadáns"
Foron todo reproches a un Montoro que chegou a cualificar de “demagoxia fiscal” as propostas da maioría de grupos parlamentarios de crear un imposto ás grandes fortunas ou poñerlle couto á fraude fiscal. Así llo pediu o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, que pediu ao Goberno que "disolva o Parlamento e devolva a soberanía aos cidadáns".
Ademais, o parlamentario nacionalista asegurou que o PP “está a facer o contrario do que prometeu, incorrendo nunha auténtica fraude”. "Xa ninguén os cre. É falso que non teñan máis remedio. En sete meses dilapidaron a confianza dada pola cidadanía", asegurou Jorquera, que acusou o Executivo de “non mover un dedo para combater a fraude fiscal, que por si mesma representa unha merma de ingresos superior ao recorte”.
Do mesmo xeito, o voceiro do BNG lembrou que “a suba do IVE ou a suspensión da paga extra dos funcionarios provocará unha caída no consumo e máis crise”. Así, tanto Jorquera como os portavoces de Amaiur, ERC e Izquierda Plural anunciaron que non só non apoiarían as medidas debatidas no pleno, senón que se ausentarían da votación “en protesta por este xeito de gobernar”.