- Caballero colle o testemuño de Laxe e Touriño coa aspiración de tornar o PSdeG nun "exército para o cambio"
- HEMEROTECA | Gonzalo Caballero: "O PSOE volve estar onde lle corresponde e o PSdeG debe aproveitar este vento"
Desde que en 2004, con 29 anos, facilitou a vitoria pírrica de Príncipe no PSOE vigués fronte a Miguel Barros, sucesivas derrotas axudaron á imaxe de crítico do novo secretario xeral do PSdeG, reputado economista e sobriño do seu tío
Con 29 anos, o 17 de setembro de 2004 Gonzalo Caballero retiraba a súa candidatura á secretaría local do PSdeG en Vigo e daba o seu apoio ao ex-alcalde Carlos Príncipe fronte ao veterano galeguista Miguel Barros e a unha cuarta candidatura oficialista. Aquel movemento implicou a vitoria de Príncipe a cambio do seu inmediato afastamento da primeira liña política, que acabaría facilitando o posterior ascenso de Abel Caballero á baronía que agora ostenta. Desde aquela retirada pouco lembrada, a traxectoria de Gonzalo Caballero no PSdeG transcorreu por unha sucesión de derrotas internas que non impediron que á seguinte oportunidade o volvese tentar, unha e outra vez, forxándose unha imaxe de crítico fronte ás estruturas de poder da súa formación. Ata que nas primarias do pasado 8 de outubro o “militante”, como lle gusta definirse, obtivo a súa primeira vitoria e se converteu no novo secretario xeral do PSdeG que este domingo ratifica o XIII Congreso Nacional da formación.
Caballero (Ponteareas, 1975) é doutor cum laude pola Universidade de Vigo e premio extraordinario ao primeiro da súa promoción, especialista en economía política e autor de referencia sobre o denominado novo institucionalismo, segundo louva abertamente o portavoz parlamentario do PP, o tamén recoñecido economista Pedro Puy. Con residencias en varias universidades de prestixio internacional, ten unha ducia de libros publicados. A ese currículo Caballero engade os seus xenes. O seu pai foi concelleiro socialista en Ponteareas, pero o seu familiar máis coñecido nese ámbito é o seu tío, o alcalde de Vigo, Abel Caballero. “O seu tío era o seu gran referente, iso era evidente”, di unha persoa que o tratou nos seus comezos en Vigo hai dúas décadas.
Unha frase dos seus comezos é reveladora da combinación de xenes, afán de superación e desexo de amosar que o seu non era pasaxeiro senón que viña de atrás e tiña futuro: “Tomaba os biberóns no colo dun ministro”
Gonzalo Caballero comezou a implicarse no PSOE en Vigo moi novo e de xeito paralelo á súa xa daquela prometedora carreira académica, compaxinando a un tempo ese afán por emular o tío co de tirar de enriba a súa sombra e facer ver que a súa aposta pola política non era efémera. Unha frase daqueles comezos é reveladora da combinación de xenes, afán de superación e desexo de amosar que o seu non era pasaxeiro senón que viña de atrás e tiña futuro: “Tomaba os biberóns no colo dun ministro”. Por idade é imposible, pero a mensaxe, cando aínda non chegara á trintena, era a de que a política a levaba no sangue.
“O tío foi ministro con 38 anos, e catedrático tamén moi novo; Gonzalo chegará a catedrático, é brillante, pero por idade xa non pode superalo”, di unha fonte consultada coñecedora dos seus comezos que dá unha explicación ao motivo polo que o referente deixou de selo: “Gonzalo viviu como unha traizón que o seu tío elixise a outros como as súas persoas de confianza”.
Para entender a separación entre sobriño e tío é necesario remontarse na convulsa historia do PSOE vigués, a aquel 17 de setembro de 2004 no que varios centos de socialistas elixían un novo secretario local. Facíano despois de que a agrupación local fose intervida pola cúpula do partido cando esta decidiu impor o ex-xuíz Ventura Pérez Mariño como candidato socialista para as municipais de maio de 2003 fronte ao ex-alcalde (1991-95) e ata aquel momento portavoz municipal Carlos Príncipe. Pérez Mariño foi alcalde da cidade co apoio do BNG medio ano, ata que unha moción de censura impulsada polo PP e permitida polos nacionalistas puxo na alcaldía á popular Corina Porro e, sobre todo, abriu feridas de longa duración no socialismo vigués.
Aquel 17 de setembro de 2004 os socialistas vigueses tiñan catro opcións para recompoñer as feridas que deixara o paso de Ventura Pérez Mariño: Carlos Príncipe, Miguel Barros, a 'venturista' Soledad Piñeiro e Gonzalo Caballero, que deu o seu apoio a Príncipe
Aquel 17 de setembro de 2004 os militantes tiñan catro opcións entre as que escoller: Príncipe, que se volvía presentar con quen fora o seu xefe de gabinete, Manel Gallego, como número dous; o ex-deputado autonómico Miguel Barros, destacado galeguista próximo a Ramón Piñeiro; Gonzalo Caballero, que levaba como número dous ao actual deputado e compañeiro en Económicas Abel Losada -do que posteriormente se distanciaría cando este optou por un perfil máis institucional á beira de Emilio Pérez Touriño a nivel autonómico e Abel Caballero a nivel local-; e a daquela concelleira Soledad Piñeiro, en torno á que se agrupaban os afíns a Ventura Pérez Mariño. Antes de que comezasen as votacións no Teatro García Barbón, Gonzalo Caballero anunciou a súa retirada e ofreceu o seu apoio a Príncipe, cuxa candidatura vencería con 287 votos fronte a 262 de Miguel Barros e 102 de Soledad Piñeiro. Pero a continuación, nunha operación que segundo varias fontes fora impulsada pola cúpula do PSdeG, Príncipe tamén se retiraría deixando á fronte do partido ao seu segundo Manel Gallego que, como Losada, iniciaría un progresivo distanciamento ata converterse no home no partido de Abel Caballero.
A sucesión de movementos supuxo que quen retirara a súa candidatura para dar unha vitoria ao crítico Príncipe acabaría converténdose el no principal crítico a nivel local, unha vez que Príncipe foi perdendo progresivamente predicamento e Miguel Barros deixou a formación. Ese perfil crítico tamén o exportaría a nivel galego, grazas á súa presenza no Comité Nacional Galego do PSdeG que conseguiría grazas aos seus seguintes resultados en eleccións internas nas que non se retirou e tampouco gañou, pero nas que obtivo os suficientes apoios como para lograr representación nos órganos de dirección do partido.
En 2009 Gonzalo Caballero faría a súa primeira incursión a nivel galego cun novo fracaso, cando non logrou os avais necesarios para presentar candidatura no congreso por delegados que nomeou secretario xeral do PSdeG a Pachi Vázquez
Catro anos despois daquela primeira retirada, na votación de 2008 para renovar a dirección do partido en Vigo, Caballero obtiña o 24% dos votos e xa superaba a Príncipe como cara visible dos críticos na cidade, con Manel Gallego como representante do oficialismo que recuncaba á fronte da secretaría local xa coa alcaldía en mans de Abel Caballero. En 2009 Gonzalo Caballero faría a súa primeira incursión a nivel galego cun novo fracaso, cando non logrou os avais necesarios para presentar candidatura no congreso por delegados que nomeou secretario xeral do PSdeG a Pachi Vázquez co apoio do 90% dos presentes.
O mesmo lle pasaría en maio do ano pasado, cando tentou disputar as primarias para candidato á presidencia da Xunta a Xoaquín Fernández Leiceaga e un José Luis Méndez Romeu protexido polo seu tío. Os seus 844 avais foron insuficientes, pero como fixera en 2004, xogou a baza de ofrecer o seu apoio e o dos seus partidarios a outro dos contrincantes, neste caso Leiceaga, que gañou por 2.539 votos fronte a 2.216 de Méndez Romeu. Ano e medio despois, Leiceaga devolvíalle o apoio e, cos 1.803 avais que lograra, integrábase na candidatura de Gonzalo Caballero unha semana antes das primarias que o farían secretario xeral do partido con 3.723 votos fronte aos 2.663 de Villoslada.
Caballero anunciou que non forzará a súa entrada no Parlamento de Galicia e centrará os seus esforzos en recompoñer internamente o partido
Co vento a favor das bases do partido, mobilizadas xa previamente por un Pedro Sánchez anterior ao seu apoio a Rajoy no conflito catalán, este domingo o experto en retiradas e derrotas vitoriosas é ratificado no Congreso do PSdeG como o seu novo secretario xeral. Se cumpre co anunciado, non forzará a súa entrada no Parlamento de Galicia, no que Xoaquín Fernández Leiceaga quedará á fronte do grupo, mentres que el centrará os seus esforzos en recompoñer internamente un partido debilitado por numerosas loitas internas das que as de Vigo son só unha pequena parte.