Caballero: “Os mellores alcaldes foron Tierno, Maragall e Paco Vázquez; eu son mellor que Paco”

Caballero durante a entrevista con Praza Pública no seu despacho CC-BY-SA Praza Pública

Abel Caballero (Ponteareas, 1946), doutor en Económicas, foi ministro de Transportes e Turismo con 38 anos, entre 1985 e 1988, con Felipe González. Logo de presentarse sen éxito en 1997 á presidencia da Xunta, retirouse uns anos da primeira liña política. En 2005 volveu para ser nomeado presidente do Porto de Vigo, desde o que se fixo en 2007 coa alcaldía da cidade, incrementando desde aquela o seu apoio popular ata acadar, hai agora un ano, a maioría absoluta máis ampla de todas as cidades españolas. Iso levouno tamén a presidir a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), desde a que di que "a lexitimación de toda a política en España estámola dando algúns alcaldes, non todos". As súas respostas son ás veces tan rápidas que non permiten que as preguntas se formulen por completo.

“Feijóo e o Goberno están asustados coa miña maioría absoluta e para Vigo as cousas son máis fáciles”

Que fixo o seu goberno este ano en Vigo con maioría absoluta que non puidera facer antes en minoría e que espera facer nos próximos anos?

Por exemplo, conseguir a Área Metropolitana para Vigo. Isto requiría maioría absoluta, a gran maioría absoluta que tivemos para que Feijóo se asustara. E Feijóo quedou tan asustado que xa nos deu a área Metropolitana e o que lle pidamos. E serviu tamén para ter por exemplo o convenio [para a reforma] da avenida de Madrid, que sen esa maioría absoluta non teriamos. Porque non se asustaría o Goberno de España como se asustou, ao ver o que está a suceder en Vigo. Porque o certo é que esta gran maioría, que é a única das cen primeiras cidades de España, impón respecto. E iso significa que neste momento para Vigo as cousas son máis fáciles. Ter millóns de euros nun convenio coa Deputación porque desde Vigo gañouse a Deputación. Cambiou todo. Os orzamentos fanse rapidamente, son orzamentos socialmente aceptados e pactados, e a cidade segue a unha velocidade extraordinaria precisamente porque temos maioría. Eu quero que se compare Vigo con Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Coruña, Santiago. A comparación dura un minuto. Ao cabo dun minuto Vigo xa se destacou.

A institucionalización da Área Metropolitana de Vigo da que fala é un proxecto que leva década e media en debate e que xurde porque Vigo, a maior cidade de Galicia, sentíase maltratada por non ser capital de provincia. Agora vai adiante xusto cando hai unha viguesa, a socialista Carmela Silva, á fronte da Deputación de Pontevedra, vostede é presidente dos municipios e provincias de toda España e pide para Vigo rango de capital. Que hai que facer coas deputacións.

Déixeme que empece polo principio. Primeiro, eu tiven que parar unha lei, xa hai unha Lei de Área Metropolitana. Hai catro anos que se aprobou. Pareina eu porque non fun á constitución da Área. E quedou parada en seco. E a partir de aí obriguei a facer unha lei distinta. Segundo, eu son presidente da FEMP por resultado, porque o PSOE así o decidiu e agradézollo moito, e gañamos a Deputación. Para que as deputacións? De momento están aquí, e mentres estean teñen que usarse coa maior racionalidade posible. Iso é o que estamos a facer, o que está a facer Carmela Silva en Pontevedra. Facer que a Deputación sexa unha entidade democrática, participativa, con presenza de todos, incluído Vigo, como debe ser. Por tanto, ao servizo dos cidadáns e non ao servizo dun partido como era ata agora. Isto é un cambio histórico.

“Serei intolerante con calquera goberno que haxa en Galicia que non resolva o problema do hospital privado de Vigo, quero velo nos programas electorais”

Un ano despois da apertura do novo hospital de Vigo, adxudicado pola Xunta a unha concesionaria privada, segue habendo, aínda que menos, queixas de cidadáns e profesionais polo seu funcionamento.

Queixas segue habéndoas, as mesmas. Porque xa houbo unha gran manifestación que convoquei eu de 200.000 persoas, eu e a plataforma [en defensa da sanidade pública], e nós seguimos demandando as melloras sanitarias, un hospital público, e seguimos demandando toda a contorna sanitaria de Vigo, que está a ser moi deficiente. É unha bandeira de reivindicación que eu manterei erguida mentres sexa alcalde e non se solucione. Goberne quen goberne en Galicia, e é un aviso a navegantes, vou ser igualmente contundente, e se cabe máis. Por tanto, xa advirto, que ninguén veña dicindo “é que non o lemos ben, non sabiamos o que significaba”. Serei absolutamente intolerante con calquera goberno que haxa en Galicia que non resolva o problema do hospital privado de Vigo, sexa o que sexa.

“Feijóo nesta cidade estrélase unha vez tras outra porque non o queren”

Desde a Xunta dise que o Concello non está a pór todo o que podería da súa parte e que mesmo está entorpecendo. É así?

Non. Estou a poñer á cidade en coñecemento do que significa este hospital. Toda a cidade sábeo. Todo aquilo que eu fun denunciando era verdade. Ata dixen que a comida era insoportable. Xa cambiaron a empresa. O aparcadoiro era unha estafa colectiva. Baixárono dunha forma substancial. Sabe que o aparcadoiro dun día custaba 64 euros? Sabe que lle pasa ao PP? Que en Vigo témolo que arrastrar. Resístese porque non o queren nesta cidade. Porque Feijóo nesta cidade estrélase unha vez tras outra. O último estrelamento de Feijóo nesta cidade foi nas municipais. En Vigo presentouse Feijóo. [Designou á súa ata entón conselleira de Facenda, Elena Muñoz, que levou o PP dun 42% a un 20% do voto total.] O resultado foi o que foi. Se o goberno de Galicia cambia en outubro, cuestión que eu desexo, aos que veñan exporeillo coa mesma forza. Xa llo aviso. Quero ver o hospital de Vigo en todos os programas electorais.

Vostede adoita ser moi crítico co presidente Feijóo pero conciliador coa ministra de Fomento, Ana Pastor. É a estratexia do bo e o malo?

Non. É a estratexia de que desde o Goberno de España algunhas cousas fan. Simplemente limítome a dicilo. Se en Vigo o Goberno de España está a facer unha vía de entrada na cidade á que dedica sete millóns de euros, eu déboo recoñecer. Se está a rehabilitar as murallas do [monte do] Castro déboo dicir, e dígoo. Se vexo que está a sacar a licitación a estación de Thom Mayne [o arquitecto que deseñou a intermodal viguesa], aínda que fracasou a anterior licitación e xa me tivo que oír, pois tamén debo dicilo. Cando lle dixen que tiña o AVE Vigo-Madrid parado, remitiume á ministra de Medio Ambiente. Xa lle mandei unha carta á ministra de Medio Ambiente esixíndolle a declaración de impacto ambiental para poder facer a alta velocidade de Vigo a Madrid. Eu son amigo dos que son amigos da miña cidade. Non teño ningunha outra filosofía política. E son inimigo dos que maltratan á miña cidade.

Vostede foi candidato á Xunta polo PSdeG en 1997 cando o BNG de Xosé Manuel Beiras deu o sorpasso...

Houbo ese e o seguinte. Houbo dúas veces. Con Emilio Pérez Touriño [en 2001], tamén Beiras volveu a sorpassar. Porque nunca se acordan de dicilo.

Que aprendeu daquela que poida recomendar agora ao partido á vista de que as enquisas prognostican un sorpasso das mareas ao PSOE?

Non, eu non recomendo nada. Cada un que leve adiante o seu proxecto da forma que entenda. Eu xa fixen un proxecto para Galicia de unidade. Non foi atendido. Son outros os que teñen que facelo agora.

Sigo coa comparación con aquela época. É vostede agora o equivalente a Paco Vázquez e as mareas cumpren o papel de antagonista que entón exercía o BNG?

Eu son moito mellor alcalde que Paco Vázquez. Paco Vázquez foi o segundo mellor alcalde da historia de España, o segundo ou terceiro. Tierno [Galván], Pasqual [Maragall] e Paco. Eu son mellor alcalde que Paco. Os tres mellores que houbo de todas as cores políticas foron Tierno, Pasqual e Paco Vázquez. Vale? Eu son moito mellor que Paco Vázquez aínda. Pero cando digo que son mellor, vou aos datos. Eu estou 30 puntos por riba do meu partido. Cando Paco gañaba, estaba 10 ou 15 puntos por riba do PSOE.

“Non son belixerante coas mareas, eu aquí esmagueinas cun modelo novo de facer política”

Ten algo que ver a súa belixerancia coas mareas co seu ascenso...?

Eu non son nada belixerante. Eu aquí esmagueinas. Estamos 17 a 3 [concelleiros na Corporación].

Pero nas pasadas xerais recuperaron moito espazo. Non se produce o mesmo resultado nas municipais que nas xerais.

Non, non, claro, nin en autonómicas. O voto dos cidadáns é completamente distinto. Porque hai cultura política. En España hai moita cultura política e queren diferenciar. E diferencian. As razóns hai que preguntarllas aos cidadáns. Pero o certo é que eu saquei o 52%.

Aventure vostede algunha razón.

Non, non o fago. Eu o que digo é que saquei o 52% nas eleccións municipais e nas xerais practicamente ao mesmo tempo sacamos o 22%. Creo que nós en Vigo fixemos unha cousa que non fixo ninguén nunca en democracia, seguramente. Temos un proxecto asumido por toda a cidade. Incluso os que non me votan. En Vigo hai un cincuenta e tantos por cento que nos apoia. E logo hai un vintetantos por cento que non nos apoia pero gústalle o que facemos. Por razóns ideolóxicas queren estar noutro sitio. E despois hai un 20% que non entende o proxecto, que son adversarios. Non os cidadáns, senón o que eles queren. É así. Nós sentimos que estamos a facer un proxecto que comparte o 80% da cidade. Por iso eu digo que o meu resultado non é un resultado PSOE, nin é un resultado Abel Caballero sequera. É un resultado Vigo liderado por Abel Caballero. Isto é un modelo novo de facer política. Se cadra púidose facer en sitios pequeniños. Pero Vigo é unha cidade grande, 300.000 habitantes, cunha área de 600.000. É un modelo absolutamente revolucionario de facer política.

O PSOE vigués parece ás veces dubidar, na súa relación co resto de Galicia, entre o illacionismo e o intervencionismo. Que postura prefire, servir de faro que guía aos demais ou actuar de xendarme?

Iso é unha falacia. Desde o PSOE de Vigo, desde que eu son alcalde, eu sempre estiven na executiva federal do PSOE, nada menos. Creo que Vigo é un modelo, dígoo humildemente. Creo que é un modelo e eu pretendo dar as miñas opinións. Só iso. Se se aceptan, ben, e se non, alá o que non as acepte. Cada un ten as súas opinións e son moi respectuoso con todo o mundo. Pero o partido de Vigo ten unha gran presenza no PSOE. Nada menos que estar na executiva federal. E houbo un momento en que estivemos dúas persoas, Carmela Silva e máis eu. Teño relación practicamente con todo o partido en toda España. É certo que hai un momento no que nós optamos por non ter presenza en Galicia. Non quixemos. Eu apoiei a Besteiro, Besteiro saíu co apoio de Vigo. Despois díxenlle: “cremos que non debemos estar porque o noso esforzo é en Vigo e en España, e imos levar adiante ese modelo”. E eu apoiei a Besteiro ata o final.

“Apoiei a Besteiro ata o final e o seu proxecto acabou como acabou pero non me arrepinto de ser leal”

Arrepíntese dese apoio?

Non, non. Eu creo que naquel momento e da forma en que o fixemos era correcto. Estou a falar hai anos. De feito, gañou as primarias con moita amplitude. Despois o proxecto de Besteiro acabou como acabou, pero nós fomos leais ata o último minuto. Fomos leais facendo política. Porque a política tense que facer desde a estabilidade das posicións. Non pode ser hoxe digo isto, mañá digo outra cousa, agora apoio a aquel, despois das eleccións cámbiome. Non. A política require posicións estables e en Vigo témolas. Illacionistas en Vigo? Non, nunca. Como se pode dicir iso se eu presido a FEMP? Pero se eu estou a dar mitins por toda España. Se fose a todos os sitios onde me chaman, non pasaría nin un día en Vigo. O que pasa é que eu quero facer a miña política nesta cidade.

Vostede en Vigo pódese permitir non ter que negociar co resto de partidos. Cre que nas autonómicas o PSdeG vai conseguir maioría absoluta?

Iso pregúntello ao candidato.

E se non a conseguise, con quen debe negociar, coas mareas ou co PP?

Iso pregúntello ao partido.

Vostede non ten preferencia?

A miña preferencia chámase 17 a 3. Gañámoslle á marea 17-3. Ese é o meu modelo. O que o queira, que o colla.

É mellor negociar co PP porque ten máis representantes que as mareas?

A miña relación co PP é 17-7. Que o colla o que queira. As eleccións son para gañar, e téñense que facer para gañar. Cando cheguei a esta alcaldía estabamos con 13 o PP, 9 nós e 5 o BNG. Agora estamos 17 nós, 7 o PP, o BNG cero e 3 as mareas. Cando un fai un proxecto serio e sólido pasa iso, que tes o apoio de todo o espazo electoral no que te desenvolves. Todo. E todo é todo.

Que vai pasar no PSOE ao día seguinte das eleccións xerais?

Pois que será un día máis, analizaremos as eleccións e seguiremos a nosa marcha. Tomaremos as decisións que o partido decida e seguiremos a nosa marcha. Se cadra a marcha é presidente do Goberno de España.

“Unha alcaldía como a de Vigo é a política total, non hai nada igual, nin ministro, nin presidente autonómico”

Vese vostede como ministro?

Non, non, de ningún modo. A miña carreira política é Vigo. A miña vida política, porque a miña carreira é a universidade. Non hai nada igual que ser alcalde nunha cidade como Vigo, porque isto é a política total. É falar de trens de alta velocidade, é derrotar unha vez tras outra ao presidente da Xunta que está contra a cidade, é recuperar un aeroporto, é facer política con Citroën, é mobilizar o tax lease do naval e por tanto estar no I+D, é revolucionar esta cidade e facer as políticas keynesianas que xeran empregos, facer que non haxa desafiuzamentos na cidade e por tanto ter a política social máis importante de ningunha cidade. E ao tempo, pois poñer un banco para que unha señora sente diante da súa casa. Onte estiven en Navia. Había sentados catro señores, de entre 50 e 80 anos, e querían un banco máis porque o necesitaban. Pois iso é unha cousa moi menor, pero puxemos 4.500 bancos en Vigo. Que facía a xente antes? Non estaba na rúa. Isto é un modelo. É o modelo total de actuar en todas as dimensións. Hai unha cousa que está a ser unha revolución, e dígolle a todo o mundo que atenda a iso moito: o deporte. É unha revolución. Nesta cidade practican deporte máis de 200.000 persoas. Pois hai que estar aí e facer que sexa un espazo común de todos os que o queiran practicar. E iso é unha nova política. Unha alcaldía como a de Vigo é a política total. Non hai nada igual. Nin ser ministro, nin ser presidente autonómico. Nada.

Esta foi a resposta na que máis se estendeu.

Porque eu creo que ser alcalde de Vigo e presidir a FEMP é extraordinario no persoal e o político, pero é unha plataforma de acción única para apoiar aos cidadáns e para vivir cos cidadáns. E a política é sentir cos cidadáns e querer á xente. Que cando alguén veña verte non soamente entendas o seu problema senón que o coñezas xa antes, porque xa cho contaron, porque o estudaches. Telo que resolver e teslle que querer á xente por riba do teu propio partido. Iso é a política agora. Eu teño un programa de televisión, na SER, un grupo serio e por tanto nada susceptible de ser manipulado. Abro micros. Sabe canta audiencia ten ese programa de televisión? Máis que a un, a dúas, a tres, a catro, a cinco, a seis, a galega un e a galega dúas xuntas. Aí eu abro micros. Poste diante dos cidadáns que falan desde o anonimato. Poden dicir o que queiran. Esta é a forma que nos levou a estas maiorías.

Caballero sobre a súa imputación por recibir regalos dunha construtora: “O meu está todo clariño, clariño, clariño”

Segue vostede imputado por presuntamente recibir agasallos dunha construtora...

Está todo clariño, clariño. O meu está clarísimo. Está clariño. Está todo claro, claro, claro.

...é máis comprensivo un, cando está nesa situación, cos doutros partidos que están na mesma situación?

Non, non. O meu está. Cada un fala por el. O meu está clariño, clariño, clariño.

Pode vostede entender que os doutros partidos tamén vexan claro o propio?

Volvo dicir, eu falo por min. Está clariño, clariño. Dei explicacións, falei disto, díxeno todo. Ata dixen que unha das cousas das que algúns me pretendían acusar, é a policía a que di que é mentira. É a policía a que o di. É bo ler os sumarios. Está tan clariño que ata a policía o di no sumario. Fíxese se está clariño. [Os agasallos en cuestión son unha pluma e un reloxo valorados en máis de mil euros cada un. Tanto en público como ante a xuíza, Caballero negou recibir nunca o reloxo e no sumario da causa consta a devolución da pluma á xoiaría].

“Eu son como son, espontáneo. Dígolle o meu obxectivo: superar o 60% dos votos nas próximas municipais”

Boa parte das respostas que deu nesta entrevista son especialmente categóricas. Que imaxe cre que está a trasladar o alcalde de Vigo? Que cre que debería mellorar da súa propia imaxe?

Eu non sei o que debo mellorar ou non porque eu son eu. Son como son. Eu non me poño a mellorar ou empeorar. Eu son espontáneo e digo o que penso e actúo como sempre actuei. Agora, dígolle o meu obxectivo. O meu obxectivo nas próximas eleccións municipais é superar o 60% dos votos.

Non cre na limitación de mandatos?

Eu creo en que a xente decida. Eu creo na limitación de mandatos en modelos presidencialistas. Pero nos modelos parlamentarios, por que? Os cidadáns dinme “vostede vai ser alcalde todo o tempo que queira, pero queremos que siga aquí, non se vaia a Santiago, non se vaia a España, vostede non se vaia”. Cando fixen esta rolda por Galicia [unha recente xira de reunións e actos políticos de partido], o que me dicían en Vigo é “vostede non se vai ir, verdade?”

“En Galicia recibiron moi ben o meu proxecto de unidade, pero algúns rompérono”

E que lle dicían en Galicia?

En Galicia recibíronme moi ben. E o proxecto de unidade que eu tentei levar foi un proxecto que tivo unha extraordinaria acollida. Algúns rompérono. O dereito de cada un. En todos os sitios tiven unha gran acollida. Porque eu creo que os proxectos políticos téñense que trazar desde a lexitimidade e o recoñecemento social. Os partidos moitas veces están aínda na pura organización. Todos. E todo vai de quen ten maiorías orgánicas. Os partidos teñen que ver moito máis cara a quen ten maiorías sociais. O PSOE entendeuno bastante ben, seguramente mellor que os demais. Porque me nomeou para presidente da FEMP e por tanto recoñeceu o resultado que tiveramos aquí. Téñolle que dicir aos partidos que empecen a ver menos para a organización e ver máis aos referentes da organización que teñen lexitimidade social. Cando vexo unha executiva dun partido, vexo cantos coñezo, cantos están lexitimados, alcaldes ou alcaldesas, presidentes autonómicos, conselleiros, xentes que teñen lexitimación social, ou membros da sociedade civil que están lexitimados, como un presidente dun club de fútbol. Se non vexo xente así, mal, a estes vailles ir mal.

“A nova política é que dirixan a política as xentes que teñen a lexitimación social”

Pero tárdase en conseguir esa lexitimidade social da que fala. Vostede empezou con 9 concelleiros no seu primeiro mandato.

Correcto. E conseguín ser alcalde. Logo xa tiña a lexitimidade social para gañar as eleccións nun sitio tan complexo como Vigo. Tes que ir buscando o teu espazo. Vante nomeando, primeiro es concelleiro... Eu de ministro estiven a aprender para ser o mellor alcalde que un pode pensar. Isto é broma, como é natural (ri). Nos partidos hai xente cunha enorme lexitimidade social, pero non sempre os vexo nas direccións dos partidos. É un consello que dou desde a experiencia. É o que os levará ás políticas acertadas. Cantas veces móntanse os equipos en base a aparellos de partidos, e isto é un grave erro na democracia. En Estados Unidos, no Reino Unido, non hai aparellos de partidos. En Francia mandan moito máis os alcaldes. A nova política é esa, que dirixan a política as xentes que teñen a lexitimación social.

CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.