Leiceaga e Gonzalo Caballero pechan a súa alianza fronte aos "elementos tradicionais" do PSdeG

Leiceaga e Gonzalo Caballero, presentando o seu acordo CC-BY-NC-SA PSdeG

A balanza equilíbrase e a carreira ténsase a catro días da cita coas urnas. Xoaquín Fernández Leiceaga e Gonzalo Caballero deitaron luz este martes en Santiago sobre a alianza que viñan tecendo nos últimos días e que supón, a priori, equilibrar forzas no duro tirapuxa no que tornaron as primarias pola candidatura do PSdeG á Presidencia da Xunta. O exvoceiro parlamentario logrou algo máis de 2.200 avais para a súa candidatura e o economista vigués, que non chegou ao mínimo, pon agora da banda de Leiceaga os seus 540 -subliña que chegou a obter 800, "moitos" dos cales ficaron fóra do reconto-. Xuntos, asegura, propóñense "renovar" o partido fronte aos seus "elementos máis tradicionais", aos que ven representados en José Luis Méndez Romeu, candidato que considera o pacto todo un "mercadeo" de votos.

O aliñamento de Gonzalo Caballero con Fernández Leiceaga enfronta de vez os dous grandes bloques do PSdeG. Un, o representado por Méndez, ten por tras de si un bo número de cargos institucionais encabezados polo actualmente máis relevante da formación, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e tamén a quen mantiveron posicións críticas coa dirección que encabezou José Ramón Gómez Besteiro e, por extensión, coa xestora que dirixe o partido de xeito interino, con Pilar Cancela á fronte. Nese bando atópanse os afíns ao antigo secretario xeral, Pachi Vázquez, ou o exministro José Blanco, quen en 2013 promovera para a secretaría xeral a Elena Espinosa fronte a, precisamente, Pachi Vázquez.

O outro bando, o agora artellado en torno a Leiceaga, xa contaba na súa 'tropa' con cargos institucionais como os presidentes das deputacións da Coruña e Lugo, o titular da FEGAMP e diversos voceiros municipais. E agora, ademais, con Gonzalo Caballero, o sobriño do alcalde vigués que é tamén unha das principais voces críticas enfrontadas á poderosa agrupación viguesa.

Leiceaga e Caballero apelan á "renovación" fronte á candidatura de Méndez que, afirman, está "centrada en replegarse sobre si mesma" e conducirá á "mingua de apoios sociais"

Este é o panorama no que Leiceaga e Caballero lanzan unha alianza que, aseguran, ten como intención "renovar o socialismo galego" para "liderar o cambio de goberno en Galicia". "Só se os socialistas nos renovamos poderemos recuperar o noso espazo político", asegura o documento asinado por ambos. O contrario, di, sería optar por unha opción "centrada en replegarse sobre si mesma" que non terá outro destino que "o fracaso e unha mingua de apoios sociais". Trátase, sintetizan, de que sexa o PSdeG o partido que encabece o "cambio político" que, aseguran, está aberto como "posibilidade certa" á luz da "perda de centos de milleiros de votos por parte do PP de Feijóo nos últimos tempos".

Neste escenario, Leiceaga afirma que, se sae elixido, promoverá unha "renovación do proxecto socialista" que se encadre na "tradición socialista e socialdemócrata", cun proxecto "netamente galeguista e federalista, con claro compromiso cunha axenda propia para Galicia, que en ningún caso -matiza- pasa por confundir as prioridades da cidadanía falando de autodeterminación". Coa "prioridade de elaborar unha política económica para o país", resaltan, este proxecto só será posible cunha "organización renovada para abrir o PSdeG á sociedade" e medidas como limitación de mandatos, primarias abertas ou a redución do número de avais para concorrer aos procesos internos.

Romeu lamenta o "mercadeo de votos" que, ao seu xuízo, responden só a "intereses" de quen asinan o pacto

Mentres os novos socios chaman á incorporación de "novos referentes políticos" e de designacións de cargos "lonxe de posicións sectarias", facendo primar "a capacidade, a coherencia e a honestidade", Méndez Romeu lamentou o que considera un "mercadeo de votos" que, afirma, non poden ser considerados "propiedade" de ningún dos dous aspirantes. Que Leiceaga e Gonzalo Caballero pacten é "lexítimo", admite, se ben coida que por tras deste acordo non hai máis que "intereses" e "manobras" nunhas primarias que, afirma, deben ser "un proceso aberto" e non un "pacto entre pequenos grupos".

Leiceaga e Gonzalo Caballero, presentando o seu acordo CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.