O tirapuxa entre Romeu e Leiceaga sobe de ton no inicio da campaña interna do PSdeG

Leiceaga, este sábado en Cangas Dominio Público PSdeG

Dende este venres o PSdeG está formalmente inmerso na campaña interna das primarias pola candidatura á presidencia da Xunta. A ratificación de José Luis Méndez Romeu e de Xoaquín Fernández Leiceaga deixou oficialmente fóra da carreira a Gonzalo Caballero e, case ao mesmo tempo, estivo sobre a mesa da posibilidade de que o vigués unise as súas forzas no proceso interno ás de Leiceaga. A posible alianza, que xa foi tratada entre ambos nunha xuntanza en Compostela, disparou a tensión interna que viña estando latente nas últimas semanas e subiu o ton do proceso que culmina, a vindeira fin de semana, coas votacións da militancia.

A priori, o pacto de Leiceaga e Gonzalo Caballero suporía equilibrar as forzas na carreira. A candidatura do exportavoz parlamentario foi avalada por 2.216 membros do partido e a do vigués, por 540. A agregación poría a Leiceaga por diante de Méndez Romeu e dos seus 2.537 apoios. A "demanda" por que esa unión se produza é "enorme", aseguraba Leiceaga este venres, que se mostraba confiado en que o seu equipo e a contorna de Caballero, que non ostenta cargos internos, fosen quen de estar "á altura".

Esta operación foi acollida cunha mestura de malestar e desdén por parte de Méndez Romeu, quen vén subliñando publicamente a súa maior capacidade tanto para gañar as primarias como para facerlle fronte a Alberto Núñez Feijóo nas eleccións. O apoio do seu contrincante en Gonzalo Caballero sería, para o exconselleiro da Presidencia, tanto como "acadar un acordo de costas á militancia" mediante "conversas entre perdedores". "Chalaneo interno", "cambalache" ou alianza tecida ao abeiro do "aparello" socialista foron algunhas das críticas lanzadas por Romeu e a súa contorna, ao tempo que reclaman garantías dunha "votación libre" o día 28.

Méndez ve a posible alianza de Leiceaga e Gonzalo Caballero como un pacto "de perdedores"

Con ambos candidatos a percorrer agrupacións e a celebrar actos sectoriais para recabar apoios -Romeu acudiu este sábado a Carballo e Pontevedra e Leiceaga, a Rianxo e A Estrada-, Leiceaga retrucaba ante a prensa a quen ven por tras dos seus movementos un xeito de condicionar artificialmente o proceso. Alén de que os seus "esforzos" estarán centrados en "fortalecer o PSdeG" e non en "criticar ao seu rival", afirma, coida que "escoitar argumentos propios de Feijóo ou de Rajoy é impropio dun compañeiro. A demoracia é diálogo e acordo, máis aínda se é entre compañeiros", resalta.

Leiceaga lamenta que o seu opoñente empregue "argumentos propios de Feijóo ou Rajoy"

Entre os afíns a Romeu, pola súa banda, non se oculta o malestar polas alusións de Leiceaga ao pasado político do seu opoñente e, máis concretamente, aos "despachos" reformados en San Caetano durante o goberno bipartito. Iso, aseguran, si é asumir o argumentario dos populares.

Así, coas espadas en todo o alto, entra na semana decisiva un proceso cuxo inédito calendario provoca que se mesture coa precampaña das novas eleccións xerais. Leiceaga subliña a confianza na vitoria grazas ao apoio da militancia de base e de sectores, mozos, entre outros, mentres que Méndez Romeu exhibe o apoio interno de pesos pesados do partido, caso de Abel Caballero, mentres subliña a súa capacidade non só para gañar, senón tamén para "integrar a todos os sectores" do PSdeG.

Méndez Romeu, este sábado en Vimianzo Dominio Público PSdeG
Leiceaga, este sábado en Cangas Dominio Público PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.