As mareas impulsan o primeiro fracaso electoral de Feijóo

Simpatizantes de Compostela Aberta, seguindo o reconto CC-BY-SA Compostela Aberta

Xiro á esquerda da Galicia urbana. Catro anos despois do tsunami da dereita as mareas desbancarán das alcaldías da Coruña e Santiago o PP de Alberto Núñez Feijóo, que podería ficar unicamente coa alcaldía de Ourense pero dependendo dun eventual e arriscado pacto coa formación local Democracia Ourensana. As cidades da provincia coruñesa, núcleo do poder interno de Feijóo, pasan á banda das mareas a comezar pola propia Coruña, na que a Marea Atlántica emerxe ata converterse na forza máis votada, o que aseguraría a investidura como alcalde de Xulio Ferreiro. O mesmo acontece en Santiago, Concello que encabezará Martiño Noriega. 

A Marea poderá gobernar A Coruña

O veredito das urnas permitiríalele a Xulio Ferreiro ser alcalde da Coruña mesmo sen pactos para a investidura, dada a súa condición de forza máis votada co 92% escrutado. Nas súas primeiras eleccións a Marea Atlántica logra 10 edís, os mesmos que o PP, pero máis votos. O PSdeG de Mar Barcón pasaría de 8 a 6 actas e o BNG, de 3 a 1.

Xulio Ferreiro, tras coñecer os resultados CC-BY-SA Marea Atlántica

Martiño Noriega, alcalde de Santiago

Martiño Noriega ten asegurada a investidura como novo alcalde de Santiago. Compostela Aberta convértese na forza máis votada na capital con 10 concelleiros, un máis que o PP, que perde catro e queda con 9. O gran desplome en Santiago é o do PSdeG, que pasa de 9 a 4 edís, e o BNG perde un edil e fica con 2.

Posibles pactos de esquerda en Ferrol e Lugo

No Concello de Lugo o PP mantense como forza máis votada pero empeorando o seu resultado de hai catro anos. Os de Jaime Castiñeira baixan de 12 a 9 edís e o PSdeG, de 11 a 8. As urnas deixan en Lugo unha plural corporación na que os socialistas poderían manter a alcaldía se logran un pacto cos 3 edís de Lugonovo, os 2 do BNG e o edil de ACE, formacións que esixirían a saída do actual alcalde, Xosé López Orozco. Os conservadores, pola súa banda, non poderían obter o bastón de mando nin sumando os seus 10 edís aos 2 de Ciudadanos, que se incorpora á corporación.

No caso ferrolán o PP tamén descende a respecto de hai catro anos. José Manuel Rey Varela segue encabezando a lista máis votada pero sen maioría absoluta. Os números da nova corporación permitirían a composición dun pacto de esquerdas que estaría encabezado por Ferrol en Común e os seus 6 edís. O PSdeG deixa polo camiño 2 actas ata quedar en 5 mentres o BNG resiste con dous. Ciudadanos tamén accede á corporación ferrolá, pero cun único concelleiro.

O PP de Ourense, a expensas de Democracia Ourensana

O PP ourensán logra ser a forza máis votada con Jesús Vázquez malia perder un edil e quedar en 10. O ex conselleiro de Educación será alcalde pero dependerá, en boa medida, dos movementos de Democracia Ourensana, a polémica formación local que cuadriplica a súa representación na corporación ata chegar aos 8 edís. O PSdeG, que gobernaba ata agora, queda con 6 edís e Ourense en Común emerxe con 3 concelleiros. O BNG, que tiña 3 concelleiros, fica sen representación.

Caballero arrasa en Vigo

As enquisas ficaron curtas en Vigo. Abel Caballero consolida amplamente o seu poder na cidade ata lograr unha folgada maioría absoluta de 17 edís mentres a nova candidata do PP, Elena Muñoz, desploma o seu partido ata os 7 edís. A corporación viguesa completaríase con 3 edís da Marea de Vigo, o que implica a desaparición do BNG.

Lores amplía o sustento do BNG en Pontevedra

Miguel Anxo Fernández Lores encara o quinto mandato na alcaldía de Pontevedra con maioría simple, pero ampliada. O BNG suma un edil ata chegar aos 12, mentres que o PP perde 4 e queda en 7. Así as cousas, Lores ten garantida a investidura e poderá buscar pactos cos socialistas, que segue en 3 edís, ou coa Marea de Pontevedra, que se estrea con 2. Ciudadanos logra incorporarse á corporación pontevedresa, pero cun só edil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.