Marcos Pérez Pena

Unha ducia de formas de celebrar o Día de Rosalía

Este domingo 23 de febreiro conmemórase o aniversario do nacemento de Rosalía. Dende o venres organízanse en cidades e vilas un amplo abano de actividades ao redor da súa figura. Lecturas de textos, ofrendas, alboradas, o caldo de gloria e o propio Festival Rosalía. Pero hai moitas outras formas de celebrar a Rosalía, comezando por mirar o ceo na procura da estrela que leva o seu nome, dar un paseo admirando as especies vexetais que incluíu nos seus poemas e, por suposto, manifestándose este domingo pola lingua.

  1. 01

    Actos da Fundación Rosalía de Castro

    Este domingo 23 de febreiro celébrase o aniversario do nacemento de Rosalía, unha vez corrixido o erro inicial na asunción de que a poeta nacera o 24 de febreiro. A Fundación Rosalía de Castro organiza ese día unha serie de actos en Santiago, Padrón e a propia Casa da Matanza, á que lle dedicamos esta ducia.

    Os actos comezarán ás 10 da mañá na Praza de Vigo de Santiago e continuará cun acto institucional no Panteón de Galegos Ilustres no que haberá lectura de poemas rosalianos e música cos Carapaus e Antía Muíño.

    Continuarán en Padrón cunha ofrenda floral na estatua de Rosalía no Espolón. E cunha degustación de Caldo de Gloria na Casa de Rosalía e un concerto de Antía Muíño.

  2. 02

    Preparar (e comer) un Caldo de Gloria

    Dende hai anos a Fundación Rosalía de Castro impulsa a iniciativa Caldo de Gloria, na que anima a facer (e a degustar) un caldo seguindo o poema Miña casiña, meu lar na que a poeta explica como facer este humilde prato.

    Este ano o encargado de cociñar o Caldo de Gloria na Casa de Rosalía será Alberto Carou, cociñeiro do Curral do Marqués (Rianxo).

  3. 03

    Saudar cunha Alborada

    A Fundación Rosalía e a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s impulsan tamén a Alborada para Rosalía de Castro: un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e a outros músicos e músicas) para dar unha alborada de gloria na súa honra.

    "Saudemos con ela e coa súa Alborada que desexamos un tempo tamén de renacenza, celebremos que o millo medra e que cantan os paxaros ledos do novo día. Por iso chamamos a tódolos gaiteiros e gaiteiras e ó mundo da música en xeral a celebrar o Día de Rosalía"

    Carapaus serán os encargados de realizar a Alborada nos actos oficiais do Día de Rosalía, que se celebrarán en Santiago.

  4. 04

    Actos da AELG

    O outro acto central deste Día de Rosalía son as lecturas públicas da súa honra que impulsa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. Ademais, encarga da redacción dun Manifesto -este ano obra de Marga do Val- que se le no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres. O lema escollido para este 2025 é: #SaudeeTerra!

    O acto comezará ás 12 horas e nel, ademais do manifesto, haberá unha lectura de textos de Rosalía a cargo de numerosas persoas representantes de entidades sociais, como a Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ou Ecoloxistas en Acción, e que pecharán Xosé Manuel Beiras e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

  5. 05

    O Día de Rosalía polo país adiante

    O Día de Rosalía leva anos consolidado como unha importante celebración en numerosas localidades do país, alén de Santiago ou Padrón. Por suposto, nos centros de ensino, que levan a cabo actividades ao longo desta semana, pero tamén son moitas as entidades culturais e sociais, o mesmo que concellos e universidades, que organizan cadanseu acto, especialmente ao longo desta fin de semana.

    Lugo (venres 21), Vigo (sábado 22), A Coruña (domingo 23) acollen lecturas de textos. E Barreiros, O Carballiño, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Cervo, Vilalba, Sarria ou Carnota son outros dos lugares que acollen algunha destas actividades. Podes consultar as datas na web da AELG, que tamén ten impulsado nos últimos anos numerosas mocións municipais para que os concellos declaren esta xornada como Día de Rosalía de Castro.

  6. 06

    Rosalía é Mundial

    En 2013 a Fundación Rosalía e a Universidade de Vigo impulsaron o proxecto Rosalía é Mundial, cun chamamento á tradución de poemas de Cantares gallegos ás linguas do mundo para celebrar os 150 anos da publicación desta obra.

    A Fundación recupera a iniciativa e desta volta convida a persoas de fóra de Galicia a leren publicamente os versos de Rosalía e a compartiren os vídeos. Así o fixo, por exemplo, Manu Chao, acompañado de Marta Pérez, e tamén Rosa Montero.

  7. 07

    Acudir ao Festival Rosalía

    Outra forma de celebrar o nacemento da poeta é no Festival Rosalía, un evento que chega á súa sétima edición e que este ano se estende a tres xornadas -do venres 21 ao domingo 23-, comezando en Padrón e celebrando as súas actividades centrais en Compostela, especialmente na Praza de Mazarelos. A programación, baixo o lema 'Sen Pombas nin Flores', inclúe recitais, animación de rúa, concertos e teatro.

    Destaca, o sábado ás 17 horas, a actuación de Somos pandeireiteiras, proxecto promovido por Mercedes Peón e composto por tres grupos de pandeireiteiras: Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), Xirifeiras (Fene) e a Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón).

  8. 09

    Dar un paseo pola natureza

    Outra forma de celebrar o Día de Rosalía é dar un paseo pola terra que cantou. A natureza e, en concreto, as diferentes especies vexetais, teñen unha grande importancia nos seus textos, como hai anos destacaron nun estudo María López Sández, Fernando Cabo Aseguinolaza e Maria do Cebreiro Rábade. 

    Máis recentemente a propia López Sández e a profesora de Botánica Mª Isabel Fraga Vila crearon un herbario coas especies vexetais que Rosalía cita nos seu poemas, doado á Casa-Museo e que xa se puido ver en numerosas localidades.

    En total, Rosalía fai referencia a unhas 150 especies vexetais, entre elas as rosas (que cita 118 veces), herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles.

  9. 10

    Mirar o ceo

    Tamén se pode celebrar a Rosalía mirando o ceo. Hai hoxe cinco anos a Unión Astronómica Internacional deu o nome de Rosalía de Castro  á estrela anteriormente coñecida como HD 149143, unha anana amarela semellante ao noso Sol situada a 240 anos luz na constelación de Ofiúco. Ademais, acordouse que o seu exoplaneta HD 149143 b leve o nome de Riosar

    Foi o resultado dun proceso aberto no que 110 países de todo o mundo puideron nomear cadansúa estrela. A proposta galega, impulsada pola Agrupación Astronómica Ío co apoio da Fundación Rosalía de Castro e a e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, foi a máis votada no Estado español.

    Ademais, Rosalía de Castro dálle nome a un dos cráteres de Venus dende 1994. En concreto ao denominado Castro, de 22,9 quilómetros cadrados e latitude 3,4º, lonxitude 233,9º. Foi grazas a unha iniciativa do Taller de Astronomía do Instituto Fernando Esquío de Neda, dirixido por Enrique Pujales.

  10. 11

    Berrar "Queremos Galego"

    O domingo 23 a plataforma Queremos Galego manifestarase en Santiago baixo o lema Lingua vital xa! co obxectivo de "transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora". A marcha partirá ás 12 do mediodía, con autobuses que chegarán dende numerosos lugares do país.

    Ese día a maior parte das actividades que celebran á poeta fan unha pausa -os actos centrais da Fundación Rosalía terán lugar de 10 a 12 horas e o Festival Rosalía reiníciase ao mediodía-.

    Que mellor forma de celebrar a Rosalía que reclamando un mellor futuro para a súa lingua?

  11. 12

    Ler a Rosalía

    A mellor forma de Rosalía é lela. O 23 de febreiro e todo o ano. E todos: adultos e cativada. En decembro presentouse o libro Cantares miúdos, antoloxía de poemas de Rosalía para crianzas, na que Rita Bugallo foi responsable da escolla dos textos e Andrea López das ilustracións.