Castro, 22.9 quilómetros cadrados, latitude 3.4º, lonxitude 233.9º. Rosalía de Castro dálle nome a un dos cráteres de Venus dende 1994. Nos anos setenta a Unión Astronómica Internacional (UAI) tomou a decisión de bautizar os accidentes xeográficos (cráteres, montes, coroas...) do segundo planeta máis próximo ao Sol con nomes de muller, dende deidades e outros seres ficcionais, a persoeiros históricos. Tan só algúns elementos, coma Alfa Regio, Beta Regio e os Montes Maswel, que xa posuían previamente eses nomes, escapan da regra fixada pola UAI.
Respondendo á convocatoria da UAI, o Taller de Astronomía do Instituto Fernando Esquío de Neda, dirixido por Enrique Pujales, presentou a proposta de darlle o nome de Rosalía de Castro a un dos cráteres, iniciativa que acompañaron cunha breve biografía da poeta, como destacou hai uns anos Vieiros nesta información. A Unión Astronómica Internacional aceptou a proposta, uníndose a outras escritoras (Virginia Woolf, Mary Wollstonecraft, Simone Weil, Ayn Rand, Gertrude Stein, Pearl S. Buck, Emily Dickinson, Anaïs Nin, Simone de Beauvoir...), cantantes, actrices, pintoras ou artistas de todo tipo (Billie Holiday, Frida Kahlo, Edith Piaf, Anna Magnani, Maria Callas, Sarah Bernhardt, Carmen Amaya...), gobernantes (Cleopatra, Isabel a Católica, María Estuardo, Ana Bolena...), ademais de científicas, activistas e numerosos nomes propios.
Alfonso X O Sabio
Níngún outro galego ou galega dálle nome a algún accidente xeográfico presente nos planetas do Sistema Solar (máis aló das discusións sobre a galeguidade de Colón ou Cervantes, que nomean cráteres na Lúa e en Mercurio, respectivamente). Cómpre salientar, iso si, o caso de Alfonso X O Sabio, que escribiu en galego pero naceu en Toledo e finou en Sevilla. Ademais da poesía, o xadrez e a tradución, o monarca fomentou a astronomía, e no seu honor foi bautizado como Alphonsus un complexo de cráteres na Lúa de gran tamaño.
O rei legounos as Táboas Alfonsíes, que recollen a posición exacta dos astros vistos desde Toledo dende o ano da súa coroación (1263), grazas ás observacións do andalusí Al-Zarqali baixo a supervisión dos xudeus Ben Moshe e Ben Sid. A obra orixinal, escrita en castelán antigo, perdeuse, pero a súa tradución francesa foi empregada como referencia en Europa ata que en 1637 Kepler publicou as Táboas Rodolfinas, que xa incorporaban o modelo heliocéntrico.