Un estudo no que participa o galego Iván Area, profesor da Universidade de Vigo, analiza a evolución matemática das linguas segundo as preferencias nas relacións sociais e non só o coñecemento que se ten delas
"As linguas locais tenden a reducirse na comunicación" e mesmo chegan á "extinción" baixo "certas desigualdades de parámetros". Así o vén de constatar un estudo publicado nunha revista científica chinesa de matemáticas polos profesores Iván Area, da Universidade de Vigo, e Marc Jornet, da Universidad Internacional de La Rioja. Unha análise matemática da expansión ou contracción das linguas a partir das preferencias de uso dos falantes e non tanto do seu coñecemento, que constata que as minorizadas tenden a desaparecer sen políticas que apoien o seu emprego. Como sucede co galego, salienta Area.

O estudo lembra que o uso de modelos matemáticos baseados no coñecemento das linguas remóntase a hai máis de dúas décadas, cun artigo dos investigadores Abrams e Strogatz publicado na revista Nature. "En Galicia existen precedentes de investigacións semellantes realizadas por Jorge Mira, Ángel Paredes ou Juan José Nieto", din os investigadores, que salientan que no seu caso "a novidade do traballo é considerar a lingua preferida nas relacións sociais para comunicarse, máis que o mero coñecemento".
A análise agora publicada por Area e Jornet na principal revista da Sociedade chinesa de Matemática Aplicada e Industrial, CSIAM Transactions on Applied Mathematics, considera a situación de dúas linguas principais ou de prestixio e un número arbitrario de linguas locais cuxo uso se ve reducido pola interacción social. Así, parten de individuos que coñecen e usan máis dunha lingua, sendo unha delas preferida sobre as outras.
"Desde o punto de vista matemático, esta realidade xera un sistema de ecuacións diferenciais de tamaño 3J+2", unha formulación que aplicaron baixo diversas hipóteses e opcións relacionadas coa porcentaxe de persoas que prefiren empregar cada unha das linguas "e en todos os casos conclúese que as linguas locais desaparecen nun período maior ou menor de tempo".

"O que demostramos é que se non hai influencia externa as linguas minorizadas desaparecen", explica Area, que compara a situación cos fluxos migratorios do rural primeiro ás vilas e despois ás cidades
O estudo contempla a existencia de varias linguas minorizadas ou locais e dúas principais ou de prestixio tendo en conta que esa é unha situación habitual en África. "Pensamos nese contexto porque é o máis complexo que coñecemos", di Area, que explica que "o interesante é abordar os retos máis complexos e afortunadamente desde o caso máis xeral que analizamos é posible analizar o caso galego".
É inevitable a desaparición das linguas minorizadas? "O que demostramos é que se non hai influencia externa as linguas minorizadas desaparecen", matiza Area, que pon como símil os fluxos migratorios entre o rural e as cidades. "Durante moitos anos as grandes vilas mantiveron a poboación polos fluxos migratorios desde as aldeas, e posteriormente comezaron a perder máis e máis poboación polos fluxos migratorios ás cidades", expón o matemático, que o considera "un símil moi acaído para pensar en linguas minorizadas". "Hoxe é o galego a lingua minorizada", lembra.
O artigo vén de ser publicado na principal revista da Sociedade chinesa de Matemática Aplicada e Industrial
As gráficas do estudo de Area e Jornet reflicten como nuns primeiros momentos algunhas linguas minorizadas aumentan o número de falantes para despois acabar morrendo igualmente. Area explícao "polas relacións e proximidade con outras linguas minorizadas, cuestión que non sucede a nivel galego".
Canto aos prazos de tempo en que se producen as desaparicións, Area evita concrecións: "Hai algún tempo, nun debate con certos representantes políticos, despois de explicar eu un problema preguntaron cando ía suceder. Dixen que en dez anos e responderon que daquela non estarían no goberno. Quedei pampo". Para o matemático "non é importante o tempo en si, senón a gravidade da situación" xa que "en breve teremos a lingua galega relegada a nivel social, a cando fagamos a queimada e pouco máis".
O artigo de Area e Jornet está publicado en inglés, o idioma das revistas científicas internacionais. En Galicia non podería dar clases de matemáticas en galego nin en Primaria nin na ESO porque desde 2010 o denominado decreto do plurilingüísmo no ensino establece que esa materia debe impartirse só "en castelán". Vicerreitor de Relacións Institucionais da UVigo e varias veces delegado desa universidade na Comisión Interuniversitaria Galega (CiUG), Area pronúnciase sobre a pregunta de se poden facerse matemáticas en galego: "En 1979 saíu o primeiro libro de filosofía en galego e na rolda de prensa fixeron esa pregunta, se era posible escribir de filosofía en galego, a un dos autores, meu pai [Ramón Area], que respondeu que era 'tan posible que aí está o libro feito, e contra os feitos non valen argumentos'".