Este Día das Letras é o primeiro dende que os datos do IGE sinalaron que o castelán é o idioma predominante no país, tras os cales a Xunta lanzou o proceso para redactar un novo Plan de Normalización
O Día das Letras Galegas deste 2025 é o primeiro dende a publicación da última vaga de datos de coñecemento e uso do galego polo Instituto Galego de Estatística. Son os datos que, a finais de outubro do pasado ano, indicaron que o castelán é a lingua predominante en Galicia tras profundar unha tendencia que situou a poboación que fala "sempre" ou "máis" en galego na contorna do 45% e á que emprega o castelán "sempre" ou "máis", preto do 53%.
En vésperas da publicación deses datos o Goberno galego comezou a bosquexar a súa oferta de "pacto pola lingua". Nos meses seguintes e xa cos datos sobre a mesa foi concretando a proposta coa idea de redactar un novo Plan Xeral de Normalización da Lingua vinte anos despois do anterior, aprobado por unanimidade do Parlamento no que sería último ano completo con Manuel Fraga na Xunta e apenas cumprido en moitos dos seus principais eixos.
A análise dos datos do IGE estivo na cerna das primeiras discrepancias en torno ao eventual novo pacto. Nunha primeira lectura, a Xunta interpretou que o galego "segue a ser maioritario" e puxo, ademais, o foco na "poboación procedente do exterior" como fonte de "incremento de castelanfalantes". Mais tamén como "nicho de potenciais galegofalantes". Segundo a propia oficina estatística do Goberno galego, a caída de galegofalantes triplica o descenso da poboación nacida en Galicia nos últimos vinte anos.
A RAG ou organizacións como Queremos Galego din ser partidarias dun pacto en torno á lingua sempre e cando implique un "cambio de rumbo" nas políticas a prol do idioma
Para os grupos da actual oposición parlamentaria, BNG e PSdeG, mais tamén para institucións como a Real Academia Galega, ademais de para colectivos como Queremos Galego, o panorama é ben máis cru, de "emerxencia", e as cifras non fixeron máis que constatalo. O devalo, considerou a RAG á luz dos datos, só pode ser cualificado de "dramático" e se a ollada se dirixe á infancia e primeira mocidade, o idioma propio de Galicia está preto do "limiar do colapso".
A institución académica cre que a radiografía estatística debe aguilloar as forzas políticas e organizacións sociais a prol do pacto. Tamén Queremos Galego e as entidades que integran a plataforma aseguran ser partidarias dun acordo, sempre e cando implique un "cambio de rumbo" nas políticas lingüísticas. E iso, defenden, debe concretarse en accións como a derrogación do denominado decreto do plurilingüismo, co que o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo remudou en 2010 o decreto que en 2007, co Executivo de PSdeG e BNG na Xunta, comezou a desenvolver nas aulas o Plan Xeral de 2004, o aprobado con Fraga, fixando un mínimo do 50% da docencia en galego.

Para o Goberno galego o ensino non é a cuestión central. O agora conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e mais o secretario xeral da Lingua, Valentín García, amosáronse en diversas ocasións nestes meses dispostos a inserir algunha variación no decreto de 2010. Pero o gran problema, defenden, non é tanto o coñecemento do galego coma o seu uso.
O IGE fala de devalo sen paliativos no uso do galego entre a infancia e a xente máis moza baseándose en datos dos que o Goberno recea para esas franxas de idade
Segundo o IGE, case o 70% da poboación de 5 a 14 anos "sabe falar" galego e de 15 a 29 a proporción supera o 80%. Pero na franxa de infancia e adolescencia o uso apenas supera o 16% e na da mocidade ata os 30 anos non chega ao 30%.
Precisamente a medición do estado real do galego entre crianzas e xente moza é outro dos puntos de discrepancia en torno ao posible pacto. O IGE fala de devalo sen paliativos, co galego decaendo como o idioma no que aprenden a falar os nenos e nenas ata pouco máis dun 10% dos casos mentres a aprendizaxe "só" en castelán ascende ao 52%. E sobre esas bases, uns datos de uso dos que a Secretaría Xeral da Lingua vén receando porque, subliña Valentín García, a información para menores de 15 anos é a fornecida polas súas familias, un dato que "non é fiable" e vira mesmo "irrelevante" en termos sociolingüísticos.
García, en calquera caso, vén asegurando en diversas intervencións que a man do Goberno segue tendida para chegar a un novo Plan Xeral que, "a través das distintas comisións", xunta "máis de 100" persoas expertas en diversos eidos. Co seu traballo, sumado ás achegas de "todo tipo de institucións, asociacións e persoas individuais", Lingua agarda "chegar tras o verán a un informe final".
A Xunta agarda "chegar tras o verán a un informe final" para o novo Plan de Normalización, que terá que pasar polo Parlamento nun contexto onde voces conciliadoras como a do responsable de Lingua contrastan con discursos da cúpula do PP caricaturizando o BNG como "policía do galego"
En última instancia ese documento terá, coma o de 2004, que pasar polo Parlamento. Alí ten o visto e prace garantido dada a maioría absoluta do partido que sustenta o Goberno, pero un "non" de nacionalistas e socialistas deixaría o novo documento politicamente un chanzo por baixo do de hai dúas décadas.
Neste contexto resulta tamén especialmente relevante o xeito en que os populares abordan o posible pacto lingüístico. Voces conciliadoras como a do responsable de Lingua contrastan con discursos coma os lanzados dende a cúpula orgánica do PPdeG, quen nos últimos meses teimou en caricaturizar o BNG como "policía do galego" e esta mesma semana, en vésperas do Día das Letras, instou a formación que encabeza Ana Pontón a "abandonar a pancarta e volver ao rego", en verbas do seu voceiro parlamentario, Alberto Pazos.
Como pano de fondo de ambas argumentacións ecoan tamén as palabras do conselleiro López Campos, que reiteradamente insire a cuestión da "liberdade" ligada á promoción o uso do galego. Ese marco, o da "liberdade" e o dunha suposta ausencia dela por mor de medidas a prol do uso normal do idioma, foi clave na ruptura do consenso lingüístico por parte do PP durante o seu breve paso pola oposición.