A RAG responsabiliza a Xunta do “dramático” devalo no uso do galego e defende o pacto pola lingua

O Conselleiro de Lingua, José López Campos, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, durante a renovación dun convenio en abril. CC-BY-SA Xunta

A institución presidida por Víctor Freixanes pon o foco na aplicación do chamado decreto de plurilingüismo de 2010 que diminuíu a presenza do galego no ensino e defende un Pacto pola Lingua Galega que implique o conxunto da sociedade

A Real Academia Galega (RAG) vén de publicar un informe sobre a situación da lingua galega e unha declaración institucional na que sinala o Goberno galego como principal responsable da caída no uso da lingua galega, tal e como reflicten os últimos datos do Institito Galego de Estatística (IGE). A institución presidida por Víctor Freixanes, que onte celebrou un plenario, pon o foco na aplicación do chamado decreto de plurilingüismo de 2010 que diminuíu a presenza do galego no ensino e defende un Pacto pola Lingua Galega que implique o conxunto da sociedade. 

A RAG subliña a dramática redución da cifra de falantes de 5 a 14 anos, o incremento exponencial das prácticas monolingües en castelán en todos os grupos de idade (que atinxe o 43% na cohorte de 15 e 29 anos e o 54% na de 5 a 14 anos), incapacidade para falar galego do 32% no grupo de idade máis novo, e incompetencia para escribilo do 38% nese mesmo grupo. E pon o foco na aplicación do chamado decreto de plurilingüismo de 2010 e “en xeral do abandono das políticas de protección do galego” que derivan nun “incremento do monolingüismo en castelán e diminución tanto da competencia en galego canto do seu uso”.

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo; o conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos; o presidente da RAG, Víctor Freixanes e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. CC-BY-SA Xunta

A caída de uso da lingua galega, sobre todo entre as novas xeracións, é un feito obxectivo que pon en grave risco a continuidade do idioma, alerta a RAG

Na súa argumentación a RAG detalla que o proceso de substitución do galego gañou un ímpeto extraordinario ao longo do presente século, e a caída de uso da lingua galega, sobre todo entre as novas xeracións, é un feito obxectivo que pon en grave risco a continuidade do idioma.

Ante esta situación a institución académica reclama unha nova política lingüística, que teña o seu punto de partida nun Pacto pola Lingua Galega que implique o conxunto da sociedade. As formacións políticas representadas no Parlamento son a expresión da soberanía popular e a elas corresponde a iniciativa, mais contemplando a participación activa dos axentes sociais, defende.

A Real Academia Galega insta a Xunta de Galicia e as forzas políticas a “iniciaren o novo curso político cun proxecto de futuro para o idioma que comprometa e ilusione. Cómpre situar o patrimonio común do idioma por riba dos cálculos a curto prazo e das controversias partidistas. Esta é unha tarefa urxente, que non admite máis demoras”, subliña.

Son varias as frontes necesitadas de actuación urxente, entre as que a institución salienta a “dramática ruptura da transmisión xeracional” no seo das familias. 

A RAG indica que non se pode aceptar que nenos e nenas que chegan ao ensino infantil e primario falando galego (a lingua das familias) volvan ao pouco tempo falando castelán. “Os obxectivos do sistema educativo establecidos pola Lei non se cumpren”.

A institución tamén pon o foco nos medios de comunicación, que “ afrouxaron nas iniciativas creativas arredor da lingua” e son axentes fundamentais para a normalización do idioma. En canto aos medios públicos, manifesta unha “fonda preocupación pola posibilidade do uso doutras linguas que permite o Proxecto de lei de servizos de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital”.

Académicas e académicos da Real Academia Galega na celebración do pleno extrarodinario da institución polo Día das Letras Galegas en homenaxe a Francisco Fernández del Riego celebrado en Lourenzá 2023 © RAG

A institución académica defende un achegamento ao portugués sen renunciar ao galego potenciando a dimensión internacional do idioma a través da lusofonía

A RAG defende a urxencia “dunha política estimulante” que incorpore o galego ao mundo da empresa, a publicidade, o comercio, os deportes, o lecer, o culto relixioso etc. , e mais que o active na administración pública, na sanidade, na xustiza…

A institución presidida por Víctor F. Freixanes defende un achegamento ao portugués sen renunciar ao galego potenciando a dimensión internacional do idioma a través da lusofonía. Así como “unha necesaria unha estratexia activa que estimule os creadores nas redes sociais, e a súa presenza na intelixencia artificial”. 

Todo o anterior debería concretarse nunha revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, en que deben participar os axentes sociais relevantes. Esta revisión debe prever a súa implementación, con medidas concretas, dotadas do correspondente orzamento, e obxectivos temporalizados, con indicación dos órganos executores e previsións de avaliación periódica do seu cumprimento.

O plenario da RAG exixe un novo decreto para o sistema educativo que substitúa o decreto de plurilingüismo de 2010, que diminuíu a presenza do galego no ensino e que a RAG recorreu legalmente no seu día

A RAG detalla que a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, compromiso internacional que obriga ao Estado e á Xunta de Galicia, debe ser cumprida na súa integridade. Isto implica o deseño dun marco normativo novo para o galego, incluíndo un novo decreto para o sistema educativo que substitúa o decreto de plurilingüismo de 2010, que diminuíu a presenza do galego no ensino e que a RAG recorreu legalmente no seu día. Tal como esta Carta prevé, debe ofertarse unha liña de ensino en galego desde a escola infantil á Universidade. Igualmente, cómpre que o sistema universitario se comprometa co uso do galego como lingua da docencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.