O foro participativo impulsado polo Consello da Cultura galega para procurar revitalizar o uso do galego condensa o seu traballo nun informe cun cento de propostas
Case un ano de traballo e as achegas de case dúas mil persoas expertas en diversos eidos. É a bagaxe coa que o foro participativo Un país coa súa lingua, promovido polo Consello da Cultura Galega, chegou á elaboración do informe final do proxecto, un documento de máis de 150 páxinas cun cento de medidas que en realidade son dúas achegas nunha: un paquete de accións urxentes e outro de políticas estruturais cunha mesma intención: "Reverter a situación do galego".
"Non son un mero catálogo de propostas, senón a activación dun circuíto de diálogo entre Administracións, comunidade educativa e científica, sector cultural e creativo, tecido económico e sociedade civil", explica Dolores Vilavedra, coordinadora do foro e vicepresidenta do Consello. Para o curto prazo, destacan, propoñen medidas que nalgúns casos nin sequera teñen custo económico ningún.
Neste primeiro plano, o da inmediatez, o informe -xa dispoñible para a súa descarga íntegra- propón unha trintena de medidas para as seis áreas nas que se estruturou o foro. Son educación e socialización; administración, xustiza e servizos públicos; sanidade, ciencia e servizos sociais; comunicación, cultura e acción exterior; economía, turismo e deporte, e sociedade,crenzas e participación comunitarias.
Cláusulas lingüísticas nos contratos públicos, alternar a lingua vehicular nalgunhas materias escolares ou máis contidos en lingua galega en internet, entre as medidas inmediatas propostas
Parten da necesidade de que a política lingüística teña unha planificación anual e inclúa "rendición pública de resultados". Entre esas primeiras accións, sinalan, cabe incorporar xa "cláusulas lingüísticas" aos contratos públicos ou, no ámbito xudicial, crear "unidades piloto que operen integramente en galego".
No eido da educación e a socialización, o foro cre que é posible activar decontado "modelos lingüísticos de centro" que "garantan que o ensino proporcione competencias lingüísticas e oportunidades de uso real equivalentes en galego e castelán". Ademais, propoñen "alternar a lingua vehicular dalgunhas materias segundo o curso ou grupo" ou "a creación e uso de materiais en galego en áreas como as ciencias".
Tamén cren necesario un "dispositivo de acollida lingüística" para que o alumnado chegado de fóra e as súas familias poida achegarse ao galego. Canda isto, outras liñas como "unha campaña ampla de apoio á crianza en galego" que virían, no eido estrutural, acompañadas por propostas como "liñas educativas en galego, sempre que exista demanda suficiente".
"Os criterios lingüísticos das axudas públicas a medios establecen porcentaxes e controis laxos, polo que algunhas empresas con escasa presenza do galego reciben financiamento equivalente ao doutros proxectos que operan integramente nesta lingua"
Tamén pon o foco o informe nos medios de comunicación. Nesta liña, apostan por incorporar de inmediato todo o catálogo dos medios públicos a plataformas dixitais abertas para unha maior difusión, incorporar vez o galego a RTVE Play ou lanzar un "programa de podcasting, audiolibros e outras pezas dixitais curtas". Neste ámbito unha das reflexións recollidas no documento advirte de que "os criterios lingüísticos das axudas públicas a medios establecen porcentaxes e controis laxos, polo que algunhas empresas con escasa presenza do galego reciben financiamento equivalente ao doutros proxectos que operan integramente nesta lingua".
Explica a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, que o documento ten "espírito construtivo". Tamén procura "acompañar outras iniciativas" nun momento no que o Goberno galego ten en marcha a revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.