No outono de 2008 Alberto Núñez Feijóo deixou escrito que era "posible dicir sen medo" que "en Galicia temos enriba da mesa un conflito lingüístico sen precedentes". O daquela líder da oposición no Parlamento e aspirante á presidencia da Xunta polo PP non se refería no texto publicado no seu blog, ferramenta ben popular na altura, á pervivencia da diglosia en múltiplas capas da sociedade ou ao proceso de substitución lingüística do galego polo castelán en diversos eidos.
Como líder da oposición Feijóo elevou a "conflito lingüístico sen precedentes" a aplicación dun mínimo do 50% da docencia en galego, o mesmo que estipulara o unánime Plan Xeral de Normalización que o actual Goberno da Xunta se propón renovar
Aquel "conflito sen precedentes", afirmaba, fora "creado dende o propio Goberno" por aprobar un decreto de uso do galego no ensino (o 124/2007) que garantía un "mínimo" do 50% da docencia en lingua galega e que el prometía derrogar. Esa presenza mínima do galego nas aulas era exactamente a que estipulaba o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade en 2004 nun Parlamento no que Feijóo non tiña dereito a voto, pero no que si estaba presente como conselleiro do derradeiro Goberno de Manuel Fraga. O mesmo plan que durante o vindeiro 2025 o actual Goberno da Xunta se propón renovar coa intención declarada, aseguran, de contribuír a que o galego sexa máis utilizado.
O texto do decreto fora fiado pola Consellería de Educación, na altura dirixida pola socialista Laura Sánchez Piñón, no contexto dunha negociación dos tres grupos parlamentarios (PSdeG e BNG, que sustentaban o Executivo, e o PP como único grupo da oposición). As tres forzas escenificaran o esforzo nunha comparecencia conxunta ante a prensa en febreiro de 2007 na que a representante popular, Manuela López Besteiro, sinala o texto como mostra de "galeguismo" e "equilibrio entre as dúas linguas oficiais".
Tras desmarcarse do decreto do ensino o PP inoculou por primeira vez na historia da autonomía a mensaxe de que a normalización da lingua galega fora demasiado lonxe. Non cumpría máis galego, xa abondaba, dixo legal e simbolicamente tamén nos primeiros anos tras retornar á Xunta
Pero, pouco despois, o PP desmarcárase. En xuño do mesmo ano os de Feijóo deran en romper o consenso alegando un suposto risco de "monolingüismo" e "imposición". De ausencia de "liberdade". As mesmas liñas argumentais que defendía unha plataforma denominada Tan gallego como el gallego que, con notable atención mediática, sinalaba o decreto como unha intolerable inxerencia no dereito das familias a que a súa descendencia falase castelán. A organización non tardaría en mutar en Galicia Bilingüe e despois, en Hablamos Español.
Por tras do xiro do PP, evidenciarían cargos do partido anos máis tarde, estaba a intención de tapar potenciais fugas de voto -sobre todo, urbano- a un partido naquela altura en proceso de fundación, UPyD, nun panorama político estatal marcado pola aprobación do novo Estatuto de Catalunya. Tamén tensar todo o posible o clima político coa vontade de evitar a consolidación do Goberno de socialistas e nacionalistas aínda que facelo implicase, por primeira vez na historia da autonomía, inocular na sociedade a mensaxe de que os avances na normalización da lingua galega foran demasiado lonxe. Non cumpría máis galego, xa abondaba.
A estratexia de oposición coa lingua como arma tocou teito en febreiro de 2009, ás portas da campaña electoral, cunha ampla delegación do PPdeG encabezada por Rueda participando nunha manifestación organizada por Galicia Bilingüe contra a Xunta. Alí unha das presenzas máis aplaudidas fora a da líder de UPyD, Rosa Díez, que nas eleccións lograra pouco máis de 23.000 votos, un exiguo 1,41% dos sufraxios que así e todo converteran o novo partido en cuarta forza política e evidenciaran os seus riscos municipais para a dereita (máis de 4.000 votos na Coruña e uns 3.800 en Vigo, por exemplo).
Aqueles anos de belixerancia deixaron pouso, especialmente na xente moza, como acreditaron análises detalladas do Consello da Cultura ou a RAG. O espantallo da imposición foi observado como real a base de repetilo. Inverter aquelas mensaxes semella a tarefa máis urxente das persoas elixidas para renovar o Plan de Normalización
Como é sabido, o Goberno de Feijóo non tardou moito en derrogar o decreto de uso do galego no ensino. En 2010 substituíuno polo denominado decreto do plurilingüismo, do que non puido chegar a aplicar algún dos seus aspectos máis controvertidos, como condicionar o idioma das materias ás respostas dunha enquisa ás familias, por mor de diversos ditames xudiciais en contra. O galego perdía terreo e protección legal contradicindo o Plan Xeral e tamén a Lei de Normalización Lingüística.
Alén da normativa concreta a dirección dos populares mantivo durante anos o discurso a respecto dunha suposta imposición mentres a Xunta emitía sinais inéditos de desapego polo idioma. Algunhas mostras foron divulgar rótulos ou campañas oficiais onde a tipografía xogaba a transformar o galego en castelán, quer anunciando a GRATUIDAD E SOLIDARIA dos libros de texto, quer inaugurando un polideportivo en Baiona no que tras a sílaba "Pa-" insería tanto "vi" como "be" para que, unidas a -llón, puidese ser lido en bilingüe.
Aínda que nos anos seguintes os populares optaron, agás momentos puntuais, por rebaixar o ton e abandonar a belixerancia a respecto do idioma -mesmo situando un perfil galeguista na Secretaría Xeral de Política Lingüística, Valentín García-, aquelas accións deixaron pouso. Callaron e fixérono especialmente entre a xente máis moza, como acreditaron análises detalladas do Consello da Cultura ou da Real Academia Galega. O espantallo da imposición foi observado como real a base de repetilo e os prexuízos contra o galego acentuaron un retroceso que o pasado outono o IGE retratou con crueza ao constatar que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia.
O coordinador do novo Plan manifesta "ilusión de chegar a unha nova etapa" que "cambie a deriva que está sufrindo a lingua"
En vésperas de que se cumpran 18 anos da ruptura do consenso co decreto educativo como pretexto, contrarrestar as mensaxes inoculadas daquela a respecto dun proceso de normalización lingüística que supostamente fora demasiado lonxe semella a primeira e máis urxente tarefa do grupo de persoas elixidas para renovar o Plan Xeral de Normalización. O coordinador do novo documento, Manuel González -que xa exerceu o mesmo rol hai vinte anos-, sinala como elemento clave "a ilusión de chegar a unha nova etapa" e "conseguir cambiar a deriva que está sufrindo a lingua". Isto é, instalar a mensaxe que que cómpre máis galego e non menos.