O 8 de febreiro de 2009 era o derradeiro domingo antes do inicio da campaña para as eleccións ao Parlamento de Galicia que o presidente Touriño convocara para o 1 de marzo. Esa foi a xornada elixida por unha plataforma denominada Galicia Bilingüe para manifestarse contra o Goberno de coalición de PSdeG e BNG, mobilización ante o que o PP adoptou unha estratexia que ecoa na adoptada neste 2022 por Alberto Núñez Feijóo como novo presidente estatal do partido ante o primeiro bipartito da súa formación con Vox.
Aquel colectivo, herdeiro doutros con nomes que non pasaran o filtro da mercadotecnia (caso de Tan gallego como el gallego), caricaturizaba a Xunta como promotora dunha sorte de ditadura lingüística en Galicia. Facíao cargando contra medidas coma o decreto que, dende 2007, fixaba un mínimo do 50% das materias escolares en galego, tal e como fixara o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004, aínda con Fraga no poder.
A manifestación fora convocada baixo o lema Sí bilingüe e dicía reclamar a "liberdade" que, acusaban, o Goberno galego puña en perigo coas súas medidas a prol do uso do galego en Galicia. A ela sumáranse formacións políticas naquela altura promocionadas con profusión dende algúns medios de comunicación, caso de UPyD e Ciudadanos, con comitivas encabezadas por Rosa Díez e Albert Rivera. Tamén a axitaran entidades e persoas que anos despois acabarían encadradas nas filas da extrema dereita de Vox e a súa contorna e que xa daquela frecuentaban faladoiros ou publicacións de corte claramente ultra.
A ausencia de Feijóo na constitución do primeiro bipartito do PP con Vox fai ecoar o acontecido na manifestación contra unha suposta "imposición do galego" en vésperas das eleccións de 2009, cando ao daquela candidato lle cadrara participar en mitins en Bos Aires e a comitiva dos populares fora encabezada por Alfonso Rueda
Alén destas organizacións e partidos minoritarios, a clave política da protesta estaba en que -aínda que non se adherira formalmente- fora secundada polo PP, que presentaba a Feijóo por primeira vez como candidato á presidencia da Xunta. O mesmo PP que asinara o PXNL en 2004 e o mesmo que en 2007 rachara o pacto sobre o novo decreto sobre o uso do galego no ensino meses despois de inserirse nel. Fora daquela cando Galicia Bilingüe comezara a prometer "dar mucha guerra".
Os populares tiveran unha nutrida presenza na protesta pero, como este 19 de abril na constitución do primeiro Executivo de coalición coa extrema dereita, Feijóo non encabezaba a comitiva. En ambos episodios aludiran razóns de axenda do propio PP. Daquela explicaran que lle cadrara ter que viaxar a Bos Aires para participar en varios mitins de precampaña -na altura, a participación do coñecido como voto emigrante era moito máis elevada e resultaba practicamente seguro que puidese mover escanos-. Agora, que xusto no día de inicio do bipartito con Vox, tiña programadas as primeiras xuntanzas da súa rolda de contactos con patronal e sindicatos como novo líder do PP.
Xunto a Rueda acudiran outros dirixentes do PP como Ana Pastor, Corina Porro ou Carlos Negreira
Daquela, como agora, Feijóo esquivara a foto ultra tras meses alimentando a teoría da imposición lingüística e lanzando promesas como que serían os pais e nais do alumnado quen decidirían o idioma nas aulas a través dunha "casilla en el sobre de matrícula". Quen non a esquivara fora o que, con toda probabilidade, será agora o seu substituto tanto no Goberno galego como no PPdeG, Alfonso Rueda, na altura secretario xeral dos populares galegos e xefe da campaña de Feijóo. Con el manifestáranse cargos de primeira liña como Ana Pastor e Carlos Negreira. Tamén Corina Porro ou Ignacio López-Chaves, entre outros.
A manifestación secundárana entre 3.000 e 5.000 persoas, segundo a Delegación do Goberno en Galicia, e estivera salferida de incidentes derivados de contraconvocatorias. Algunhas das persoas que apostaran polo boicot guindaran pedras ou botellas. Pero outras moitas, no entanto, optaran por ridiculizar os organizadores con parodias a modo de espello. A organización da marcha e algúns membros do PP deran en ligar as posicións contrarias á protesta co terrorismo.