Alberto Núñez Feijóo vive as súas derradeiras semanas como presidente da Xunta. Este martes, en vésperas do congreso que o aclamará como novo líder do PP en substitución de Pablo Casado, o aínda xefe do Goberno galego reiterou que a súa dimisión se producirá durante o vindeiro abril. Dende ese momento, o Parlamento terá un prazo máximo dun mes para elixir a quen o substituirá entre os membros do Grupo Popular.
Ao tempo, quen segue sendo un dos dirixentes máis poderosos do partido en Galicia, José Manuel Baltar, advertía o pasado luns durante unha entrevista en Onda Cero que fará valer o seu peso no congreso no que o PP de Galicia poña nome á persoa que substitúa a Feijóo como líder orgánico e cartel electoral. O herdeiro da saga ourensá diferencia este proceso da remuda máis inmediata na presidencia da Xunta, que dá por feito que será para Alfonso Rueda. Di dálo por descontado dada a súa condición de vicepresidente primeiro, se ben é certo que Rueda leva tres lustros sendo o mellor situado para unha eventual sucesión.
Esa boa posición como número dous de Feijóo, primeiro no partido e despois no Goberno, remóntase aos tempos nos que o agora próximo presidente do PP estatal foi aclamado noutra sucesión, a de Manuel Fraga. Os mesmos tempos en que Rueda asumiu o rol de director da campaña electoral dos populares en 2009, que rematou con Feijóo na presidencia do Goberno galego por primeira vez.
"Eses mobles que insultan a dignidade dos cidadáns sairán dos despachos da Administración", prometeu Feijóo en vésperas das eleccións de 2009 para referirse ao mobiliario da sede oficial de San Caetano, que el mesmo vén utilizando dende aquela e que Rueda 'herdará' se é elixido como novo presidente
Na recta final daquela campaña, Feijóo ofreceu un mitin en Vigo no que deixou un anuncio moi concreto. E canto chegase á Presidencia, asegurou, ía "abrir os caixóns da Administración" para "sacar deles as infraestruturas paralizadas" e ao mesmo tempo, prometeu, "eses caixóns de luxo, eses mobles que insultan a dignidade dos cidadáns, sairán dos despachos da Administración".
Os mobles aos que se refería Feijóo foran adquiridos pola Xunta tres anos antes, en 2006, tras as obras do bloque central do deteriorado complexo administrativo de San Caetano, no que se atopa o despacho oficial do presidente. Segundo unha información do xornal ABC naquel febreiro de 2009, custaran uns 200.000 euros.
Segundo Rueda, aquela noticia era a mostra de que o presidente e candidato á reelección, o socialista Emilio Pérez Touriño, gustaba de "comportarse como o sultán de Brunéi" mentres Galicia atravesaba "a peor crise" económica. Máis que mobles, eran un "insulto á dignidade de todos os galegos", máis aínda porque os forneceran "empresas catalás". Por aquilo, acrecentaba, PSdeG e BNG incorrían nun "delito moral".
Apenas dous meses despois daquelas palabras, Feijóo e Rueda volveron a San Caetano, xa como presidente e conselleiro. Ningún dos mobles desapareceu da sede principal da Xunta e todos eles seguiron sendo utilizados con normalidade para, por exemplo, múltiples recepcións oficiais no despacho da Presidencia. Alí seguen, tamén, mentres no complexo administrativo se desenvolven obras de ampliación e reforma que xa superan os 100 millóns de euros de orzamento. Deste xeito, se finalmente Rueda é investido presidente, será quen herde os mobles propios dun sultanato, un "insulto á dignidade dos cidadáns".