Baltar dá por feito que Rueda sucederá a Feijóo na Xunta e fará ver o seu peso no congreso que decida o futuro do PPdeG

Feijóo, Rueda e Baltar, nunha imaxe de arquivo © PPdeG

O líder ourensán di que pode haber “solucións transitorias” no partido pero lembra que o candidato ás eleccións debe ser quen o presida, e no seu nomeamento fará ver que o seu é “o goberno máis importante despois da Xunta"

O presidente do PP e da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, fixo ver este luns nunha entrevista en Onda Cero que fará valer o seu peso dentro do PPdeG cara á sucesión de Feijóo xa que o seu é “o goberno máis importante despois da Xunta”. Baltar considera que tras a marcha de Feijóo da Xunta a persoa mellor colocada para sucedelo é o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e que no partido pode haber “solucións transitorias”, pero lembra que cara ás próximas eleccións galegas o candidato do PPdeG debe ser o seu presidente, e no congreso que o elixa, para o que di non ter présa, el mesmo fará ver os seus resultados electorais. 

Sobre a sucesión máis inmediata á fronte da Xunta, Baltar di que “todo parece indicar que hai unha orde preelección nas vicepresidencias, polo tanto todos parecemos coincidir en que aquela persoa que leva con Feijóo desde 2009 formando parte do Goberno de Galicia está con moitísima vantaxe”. O propio Baltar aclara a continuación que “por suposto” que está falando de Rueda, co que di ter “magnífica” sintonía.

Baltar e o 'número 2' do PPdeG, Miguel Tellado, que podería asumir a dirección do partido ata a celebración dun congreso © PP de Ourense

A continuación a Baltar pregúntanlle se quen agora remude a Feijóo será tamén o candidato nas próximas eleccións galegas, que se deben celebrar como moi tarde a mediados de 2024. “O candidato, segundo os estatutos, é o que presida o PP de Galicia”, lembra, e di que “esta é unha cuestión que tamén haberá que falar no seu momento”. O líder ourensán di que a prioridade é agora o relevo a nivel estatal e que despois “haberá tempo de falar” do congreso do PP galego que decida un novo presidente da formación. 

Pero antes dese congreso Baltar lembra que os estatutos do partido “tamén contemplan solucións transitorias”, en liña con declaracións de hai dúas semanas do número 2 do PPdeG, Miguel Tellado, que aseguraba “é unha interinidade perfectamente prevista” a posibilidade de que el mesmo como secretario xeral asuma a dirección do partido ata a elección dun novo presidente.

Cara a ese futuro congreso que elixiría o novo presidente do PPdeG e, de forma implícita ao cargo, o candidato á presidencia da Xunta, Baltar fixo ver este luns que vai salientar o peso do PP en Ourense. Ante a pregunta de que papel xogará el mesmo, a súa resposta foi lembrar que leva desde 2010 formando parte do comité de dirección” do PPdeG e que “unha vez que se clausure o congreso nacional, empezaremos a falar, cada un coa súa responsabilidade”. 

Feijóo, Baltar e Jácome nunha imaxe de hai un ano CC-BY-SA Xunta

“O que está claro é que presido unha provincia que sempre exhibe os mellores resultados de Galicia", di Baltar

Baltar salienta que “o que está claro é que presido unha provincia que sempre exhibe os mellores resultados de Galicia, que neste momento o goberno máis importante despois da Xunta que gobernamos é a Deputación de Ourense, que cogobernamos a capital, estamos con gobernos en 61 dos 92 concellos, dous de cada tres concellos teñen goberno do PP, tres de cada catro ourensáns están gobernados a nivel municipal por un goberno do que forma parte o Partido Popular”. E rematou a resposta dicindo que a súa “responsabilidade” é “vehiculizar esta cuestión no seu momento, falala no seo dos órganos correspondentes”. 

O posicionamento de Baltar prodúcese despois de que en 2018, cando Feijóo finalmente decidiu non aspirar a suceder a Mariano Rajoy, o ourensán admitise que el mesmo pensou na posibilidade de asumir “outras responsabilidades”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.